Gamificación, a motivación para o cambio

No presente artigo móstrase unha experiencia práctica con metodoloxías activas na área de Educación Física. Incídese no impacto da aprendizaxe baseada en xogos como metodoloxía activa para a modificación de condutas e integración dun alumno con trastorno do espectro autista nas sesións de Educación Física.

Jairo Campo Vázquez
jairo.campo@edu.xunta.gal
jairo_jn09@hotmail.com
CEIP Virxe do Carme (Burela - Lugo)

 

 

Fundamentación

As metodoloxías activas son un conxunto de métodos, técnicas e estratexias que poñen o alumno de calquera nivel educativo no centro da aprendizaxe, incentivan o espírito crítico e fomentan o traballo en equipo. Unha das principais vantaxes que teñen é que nos permiten individualizar a ensinanza en función das características do grupo ou dun alumno ou alumna en concreto.

Podemos clasificar como metodoloxías activas a gamificación, a ABX (aprendizaxe baseada en xogos), os Serious Games ou a microgamificación, entre outras.

Esta experiencia didáctica xorde dunha formación autodidacta. Hoxe en día, as redes sociais ofrécennos gran cantidade de información ao momento, polo que para min son ferramentas que nos dan a oportunidade de formarnos en calquera ámbito. Así, seguindo a mestres nacionais con gran repercusión, como Ingrid Mosquera, Carlos Negrín, Rubén Navarro, Víctor Arufe, Fernando Martí ou Lucía Quintero, cheguei a coñecer as metodoloxías activas e a iniciarme na súa posta en práctica.

Toda experiencia ten que comezar por algo e esta andaina a través das metodoloxías activas comezou aplicando a aprendizaxe baseada en xogos co obxectivo de individualizar o proceso de ensino-aprendizaxe dun alumno con trastorno do espectro autista (TEA) na área de Educación Física.

 

Descrición e presentación de evidencias

Hoxe en día, seguindo a Orde do 8 de setembro de 2021, pola que se desenvolve o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, que regula a atención á diversidade na Comunidade Autónoma de Galicia «priorízase a escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais nos centros ordinarios, fronte ás unidades ou centros de educación especial». Xa que logo, non é de entrañar que nas nosas sesións de Educación Física poidamos contar con alumnado destas características, ao que debemos atender debidamente cos nosos coñecementos sobre as necesidades educativas especiais.

Nesta experiencia cun grupo de terceiro de educación primaria nas  sesións de Educación Física contabamos cun alumno con trastorno do espectro autista (TEA). Un alumno desmotivado, con dificultades na socialización e con condutas disruptivas. Entre estas condutas podemos facer mención a romper ou tirar material específico da área, insultos e rexeitamento a realizar todo tipo de actividades relacionadas co aseo.

Estes comportamentos foron habituais nas dúas sesións semanais da área de Educación Física ao longo do primeiro trimestre. Nestes primeiros meses tivemos semanas nas que as condutas eran menos disruptivas debido ás adaptacións que se ían introducindo nas clases. Ben é certo que non sempre atopamos as adaptacións axeitadas a cada alumno, polo que unhas ían funcionando na modificación de condutas e outras non tiñan ningún tipo de efecto.

Habitualmente e tendo en conta o protocolo de tratamento educativo do alumnado con trastorno do espectro do autismo (TEA) da Consellería de Educación, moitas pautas xerais de actuación foron as seguintes:

  • Anticipar información sobre as clases semanais.
  • Informar sobre cambios que saísen da rutina habitual.
  • Non corrixir en público.
  • Empregar reforzos positivos.
  • Favorecer a socialización con alumnado ao que sexa máis afín.
  • Fomentar a motivación.

As citadas anteriormente estaban no día a día das nosas sesións. A maiores, outras adaptacións empregadas no primeiro trimestre que non perduraron no tempo e que houbo que eliminar foron as seguintes:

Uso de túneles de psicomotricidade como protectores debido ao medo que tiña ante a posibilidade de impacto de balóns ou outros obxectos.

Esta non foi a única adaptación feita no primeiro trimestre. A continuación presento outra que tivo certo éxito pero por un tempo determinado.

Introdúcense pelotas burbulla para a realización de pillas. Cal era o obxectivo? Fomentar a motivación. Coa pelota burbulla estaba a ofrecerlle un material novo e motivador, á par que fomentaba a súa protección e a perda do medo.

Foi outra adaptación que, a pesar de producir beneficios no alumno e no desenvolvemento das sesións, non se mantivo no tempo.

Finalizado un primeiro trimestre con moitas dificultades, comeza o segundo con moitas expectativas.

Unha das actividades que faciamos moito alumno e mestre era a de falar de diferentes temas que a el lle interesasen, o que favorecía a comunicación e socialización. Nunha desas conversas sae un xogo para tableta chamado Dragon City no que o alumno me di que inviste moito do seu tempo libre. Aquí decátome de que é un centro de interese moi potente e que podería xerar aprendizaxes significativas no alumno na área de Educación Física.

Con esta información decido descargar o xogo na miña tableta e indagar uns días sobre o argumento e as funcionalidades. O luns seguimos conversando e propóñolle un pequeno contrato didáctico acordando que un bo comportamento e unha participación activa nas sesións de Educación Física tería un reforzo positivo: coidar os meus dragóns empregando a miña tableta durante os últimos 10 minutos da última clase da semana.

Nas vindeiras semanas as condutas disruptivas comezaron a diminuír considerablemente. A participación tamén aumenta, aínda que había moita marxe de mellora. Onde non se avanzaba era nas rutinas de aseo ao rematar as clases…

Unha vez comprobo que o centro de interese era o axeitado e que estaba a ter efectos positivos no comportamento e actitude do alumno na miña área, inicio a experiencia cunha metodoloxía activa como é a aprendizaxe baseada en xogos, empregando como eixo principal a temática Dragon City.

En que consistía? O alumno recibía cartas de ovos de dragón, as cales necesitaban cartas de comida para poder eclosionar.

Como se pode observar, a carta Ovo brontosaurio sería a inicial. O obxectivo sería eclosionar esa carta para obter o seguinte dragón. Para eclosionar necesitábase unha cantidade concreta de comida «saudable». Na imaxe pódese observar que esa carta de comida ten un valor de «27». O alumno tería que ir recibindo cartas de comida nas sesións de Educación Física. Cada carta de comida tiña un valor aleatorio que o alumnado tiña que ir sumando en función da cantidade de comida que necesitase. 

Os naipes obtíñanse en función do comportamento, da actitude e do cumprimento das rutinas de aseo. Se eses aspectos se cumprían, recibía cartas de comida ao final da sesión cun valor aleatorio. Podíalle tocar máis ou menos comida. A finalidade era que o alumno traballase a competencia matemática desde a área de Educación Física

Exemplo:

  • A carta Ovo brontosaurio necesitaba un total de 50 pezas de comida para poder eclosionar.
  • A primeira carta de comida da imaxe ten un valor de 27, polo que necesitaría xuntar cartas de comida que sumaran un valor total de 33, ata chegar ás 50 pezas de comida.
  • Unha vez conseguía as 50 pezas entregábame a min esas cartas e eu dáballe a carta Bebé brontosaurio.

Gustaríame recalcar que esta dinámica de traballo non só implicou a área de Educación Física senón que se buscou darlle continuidade á experiencia. Se só nos centrábamos nas dúas sesións semanais de Educación Física, era moi complicado motivar o alumno. Era inviable telo motivado polo espazo de tempo existente entre as sesións semanais da nosa área. Polo tanto, a titora tamén dispoñía de cartas de comida que lle ía entregando ao alumno.

Introduciamos así outras áreas na experiencia e reforzabamos esa motivación á par que fomentabamos a interdisciplinariedade.

Nesta ligazón presento un vídeo resumo da experiencia, elaborado polo Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo.

A colección de cartas en galego e castelán ía medrando en función da demanda do alumno, que ao remate do curso contaba cunha gran colección.

Todas as cartas ían acompañadas de textos que fomentaban valores ou aspectos nos que quería incidir co alumno. Por exemplo, o dragón Tigre, que apela á tranquilidade, un aspecto que debemos controlar co alumnado TEA.

Incidencia na mellora e valoración final

A aplicación da aprendizaxe baseada en xogos como metodoloxía activa con este alumno foi un un punto de inflexión no desenvolvemento do proceso de ensino-aprendizaxe na área de Educación Física.

Un alumno que nun primeiro trimestre ten moitas dificultades de socializar e realizar xogos ou actividades motrices co resto de compañeiros, incapaz de realizar as rutinas de aseo e que ten condutas disruptivas de xeito habitual modifica completamente a súa actitude partindo dun centro de interese.

O cambio foi inmenso ao longo do segundo e de terceiro trimestre. E quero destacar un feito importante en todo o proceso. Son consciente de que o alumno nun primeiro intre comeza a participar e a realizar as actividades e xogos polo simple condicionante de obter as recompensas a ese traballo. Pero isto foi o inicio que lle permitiu entrar na área de Educación Física e darse a el mesmo a oportunidade de coñecer todo o que lle podían ofrecer as clases.

Os naipes pasaron de ser un elemento principal e innegociable a pasar a un segundo plano nos últimos meses do curso. Se o alumno non recibía a carta ou se lle daba noutro momento, saltándonos a rutina establecida, non ocasionaba ningún tipo de problema.

Que quero dicir con isto? Que o obxectivo non pode ser negociar cun alumno de xeito que, se obedece, sempre obtén un premio ou recompensa. Non. O obxectivo debe ser que ese centro de interese nos permita modificar a conduta para que se asente e se manteña no futuro. Debe ser a oportunidade de abrirlle portas no proceso de ensino-aprendizaxe. Portas que nun principio non queren abrir e acaban descubríndolles unha infinidade de oportunidades.

 

 

 

Sección: