Falamos coas mans
Carmen Quinteiro Moreno
maria.carmenquinteiromoreno@edu.xunta.gal
Rebeca Araújo Puertas
rebeca.araujo@edu.xunta.gal
CEIP Xunqueira 1 (Pontevedra)
O inicio
A formulación de levar a cabo este itinerario de formación foi un proceso tan natural como necesario despois da experiencia de incorporar durante cinco cursos académicos a lingua de signos nunha aula como unha lingua máis, ademais do castelán e do galego, e comprobar os bos resultados que tiña isto para o alumnado en xeral e non só para satisfacer a demanda de atención ao único caso de xordeira que había no centro.
Durante estes cinco cursos académicos, desde educación infantil ata terceiro curso de primaria, un grupo de alumnos e alumnas compartiron clase coa presenza da titora e da intérprete de signos a tempo total. A conciencia de comunicación integradora e favorecedora da igualdade de dereitos e oportunidades era o motor de todos os procesos de ensino-aprendizaxe, así como do desenvolvemento das competencias básicas, o desenvolvemento do pensamento reflexivo, crítico, creativo e emocional.
O éxito desta fórmula integradora e de atención á diversidade funcional foi o punto de inflexión para facer unha formulación de amplificación dos beneficios obtidos nunha aula e facelo extensivo ao maior número de aulas do centro e, dese xeito, poder alcanzar a todo o alumnado. Así, o salto a este curso de formación para o resto do profesorado, en contacto ou non con esta alumna, que quería aprender/mellorar o seu nivel de coñecemento desta, foi, como sinalamos, algo natural e necesario porque xa descubriramos que este tipo de linguaxe xestual supoñía un enriquecemento claro na motivación cara ás distintas aprendizaxes e presentábase como oportunidade para implementalo no maior número de situacións educativas posibles.
Efectivamente, grazas ao tempo vivido e traballado os cursos anteriores, tiñamos claro que a lingua de signos non só mellorara a fala e a linguaxe do grupo completo da clase, senón que influíra na mellora do desenvolvemento da autoestima do alumnado, da súa confianza nas súas capacidades, era facilitadora da sociabilización e reducía comportamentos negativos en casos onde as condutas disruptivas, por exemplo, impedían o desenvolvemento fluído das clases diarias ou de interaccións afectivo-sociais normalizadas.
Derámonos conta tamén que mesmo a utilización da lingua de signos en todas as actividades —contos, cancións, rutinas, asembleas de diálogo, explicacións xerais e individuais...— aumentaba o tempo de atención, diminuía o nivel de ruído e, polo tanto, a tranquilidade e o control da impulsividade chegaba a facerse máis fácil naqueles casos e situacións onde outras dinámicas non estaban a dar tanto resultado.
Tamén tiñamos moi presente a curiosidade e motivación que para o resto do alumnado do centro e para o profesorado espertaba a utilización da lingua de signos en todas e cada unha das festas, festivais e celebracións, que preparaba, sen ningunha dúbida, a chegada deste interese primeiro e desexo despois de formación no ámbito do profesorado.
O alto nivel de implicación, participando no curso de formación primeiro e no seminario despois, e o feito de que as persoas participantes fosen non só titores ou titoras senón tamén especialistas de distintas materias favoreceron que as distintas tarefas e actividades levadas a cabo alcanzaron todos os niveis desde infantil ata sexto curso de primaria.
Os obxectivos establecidos encamiñados a aspectos tan importantes como coñecer e aplicar en distintos contextos as diferentes formas de comunicación empregando como estratexia expresiva o xesto, o corpo e a lingua de signos ou aplicar habilidades, destrezas e comunicación en lingua de signos e expresión corporal como recurso para apoiar as dinámicas educativas foron o eixe vertebrador, o padrón de guía e referente constante e, unha vez finalizadas as actividades de formación, podemos dicir que tamén se conseguiron con éxito coa práctica totalidade do alumnado.
En relación coas actividades realizadas durante o curso e o seminario, faise necesario destacar que se trasladaron de forma entusiasta a partir do aprendido e practicado nas docencias, é dicir, todo aquilo que se aprendeu de forma divertida e lúdica entre os docentes, logo serviu de padrón e guía para trasladalo ás aulas á vez que se ía aprendendo.
Cremos que foron un acerto actividades con títulos tan suxestivos como:
- Vou presentarme
- Así é a miña familia, así cho conto
- Que che gusta facer?
- Que pensas de?
- Un día na escola
- As miñas mans bailan e falan
Tamén o foron as sesións de docencia planificadas e baseadas en xogar a signar para aprender de forma significativa e motivadora, para que non diminuíse o interese por asistir e participar en todas e cada unha das sesións de formación e a motivación por incorporalo a dinámicas e situacións de ensino-aprendizaxe.
Así mesmo, cremos que é necesario destacar que a adquisición de material manipulativo, xogos de mesa e outros materiais pensados para utilizar o signado de vocabulario e organizar actividades nas que o alumnado con máis coñecemento explicase normas e regras do xogo a iguais que aínda non tiñan o mesmo grao de dominio foi outro acerto e motor claro de motivación.
Puidemos comprobar, ademais, que o feito de que o profesorado puidese practicar na aula ou en espazos comúns do colexio o vocabulario adquirido reforzou de forma clara a motivación dos docentes para continuar non só a implementación da lingua de signos nas súas aulas e actividades diarias senón tamén para expresar o seu interese por inscribirse e participar en novos cursos e seminarios.
Por último e a modo de conclusión, cremos que se fai necesario destacar que este proceso, como a adquisición e integración de calquera outra lingua, precisa dunha utilización continua, dunha práctica e visualización diarias e dunha motivación constante. Isto significa que o esforzo para realizar non ha de quedar na utilización puntual senón que ha de ir unido á responsabilidade de crear conciencia e sensibilización cara á igualdade de oportunidades e dereitos de todas e cada unha das persoas que forman parte da comunidade educativa e, en especial, a aqueles casos que desafortunadamente, non as teñen. Aprender e aplicar, descubrir e integrar. Formarse e, se é posible, non conformarse.