Proxecto XERF@

Estudo sobre a formación e a profesionalización da acción cultural pública en Galicia

Francisco Xosé Candia Durán
Xesús Ferreiro Núñez
Membros do Proxecto Xerf@
Departamento de Pedagoxía e Didáctica, Universidade de Santiago de Compostela

 

Escuma de mar nas rompentes ou xerfa

 

1. Presentación e obxectivos do proxecto

«Xerfa» é o vocábulo que en galego designa a escuma da superficie do mar creada por efecto das rompentes das ondas, termo adaptado para a ocasión no acrónimo que apela á «XEstión, Reciclaxe, Formación e Acción cultural na era da dixitalización». O título remite ao ambicioso proxecto de investigación encabezado polos profesores José Antonio Caride Gómez (USC) e Héctor Manuel Pose Porto (UDC), que durante o bienio 2019-2020 dirixiron un equipo doutros 13 docentes de ciencias da educación e da cultura das tres universidades públicas galegas, con longa traxectoria no eido da reflexión e a formación en xestión cultural, así como na acción cultural municipal.

Primeira xuntanza plenaria de coordinación do equipo de Xerf@, 2 de xullo de 2019

 

A investigación, encargada pola —naquel entón— Dirección Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, buscaba identificar e valorar a situación profesional e formativa das persoas que se dedican á acción/xestión cultural pública en Galicia (persoal técnico de cultura, de animación sociocultural, de bibliotecas, de xestoría ou asesoría cultural etc.), así como propoñer melloras ao respecto. Esas dúas orientacións do estudo concretáronse:

- Nunha análise diagnóstico-avaliativa das realidades formativa e profesional no eido da acción cultural pública en Galicia, en clave de pasado-presente, tomando en consideración as informacións, datos, valoracións, necesidades e demandas ofrecidas por persoas, colectivos e entidades directamente vinculadas a este ámbito. Aínda sen desbotar outros contextos e realidades, púxose a atención fundamentalmente nas distintas circunstancias que concorren no labor institucional das administracións locais.

- Na formulación de propostas e recomendacións que poidan orientar decisións futuras das distintas instancias concernidas e que a priori poderán incidir na mellora do rol profesional e sociolaboral dos profesionais da xestión cultural, valorizando os seus sinais de identidade formativos e profesionais. Preténdese tamén mellorar a transición na práctica do rol formativo-profesional ao rol sociolaboral, nos amplos e diversificados escenarios do quefacer sociocultural en Galicia.

Complementariamente, a investigación tamén realiza unha análise do terreo percorrido no quefacer sociocultural dos profesionais das administracións locais galegas desde 2007, ano no que foi publicado un estudo parcialmente semellante (Pose e outros, 2007), con autoría de varios membros do novo equipo. Todo o proceso se realizou sen perder de vista outros traballos que antecederon estas investigacións (Caride e Meira, 2000; Bouzada, 2000; Pose, 2006; Lage, Losada e Gómez, 2012; Lorenzo, 2017; e outros).

 

2. Desenvolvemento do estudo

Situouse o punto de partida nunha exhaustiva análise da documentación existente sobre o estado da cuestión, incluída a normativa reguladora e aqueloutra de afectación indirecta vixentes.

Segunda xuntanza plenaria de coordinación do equipo de Xerf@, 27 de xaneiro de 2020

 

A complexidade da realidade que se quería estudar motivou que se optase por unha metodoloxía mixta, enfoque que, entre outras vantaxes, enriquece a investigación, facilita unha triangulación máis comprensiva dos datos obtidos e posibilita maior profundidade no estudo do fenómeno en cuestión (Chaves-Montero, 2018). Así, combinamos metodoloxía cuantitativa e cualitativa —segundo os requirimentos da investigación en cada caso e as posibilidades dos colectivos diana—, ben no deseño de instrumentos de obtención de información, ben na súa interpretación.

Abundando no asunto, as actuacións máis salientables que se promoveron durante o proceso de investigación concretamente foron as seguintes:

- Creación do espazo web do proxecto, que desde o inicio da investigación foi dando conta de maneira actualizada do progreso do estudo e doutras informacións e materiais relacionados coa acción e a xestión culturais.

- Entrevistas semiestruturadas a cargos electos municipais con responsabilidades na área de cultura e/ou afíns, de 16 concellos galegos de cor política, tipoloxía e tamaño poboacional variados.

- Deseño ad hoc e aplicación dun cuestionario para profesionais da acción e xestión cultural pública en Galicia, coa intención de coñecer o seu perfil sociolaboral. Recolléndose 181 cuestionarios válidos a partir de 692 contactos.

- Realización de entrevistas sociolóxicas en profundidade (historias de vida) a 15 profesionais de longa traxectoria no sector da acción cultural pública en Galicia.

- Desenvolvemento da técnica Delphi con expertos de todo o Estado na acción cultural, tanto no eido da xestión como da formación. De entre as 72 persoas coas que se contactou, responderon 31 na primeira rolda da técnica e 15 na segunda.

- Entrevistas anónimas, a través dun cuestionario en liña, a expertos e expertas no ámbito da xestión cultural e das políticas culturais en Galicia (profesorado, profesionais do xornalismo, de dirección de institucións culturais etc.). Recadáronse 17, a partir de 32 contactos previos.

- Revisión de toda a oferta formativa relacionada coa xestión cultural, tanto en graos e posgraos de universidades públicas e privadas, como noutros ámbitos de educación superior (formación profesional e ensino de réxime especial). Realizouse unha análise comparada de todo o Estado, pero con especial atención á situación en Galicia.

En termos cronolóxicos, logo do labor de preparación e indagación iniciais, desenvolveuse o correspondente traballo de campo, parte del executado nun momento verdadeiramente complexo pois coincidiu coa irrupción da pandemia provocada pola covid-19 e as conseguintes restricións sanitarias derivadas. Con todo, a fase empírica do proxecto xerou unha cantidade inxente de datos, información que, xunto cun estudo teórico-conceptual e normativo previo, unhas liñas de actuación suxeridas para os vindeiros 10 anos e outras informacións complementarias, no seu conxunto configuraron o informe final da investigación, de máis de 200 páxinas (Caride e Pose, 2021), que foi puntualmente remitido á Administración autonómica en xullo de 2020 e posteriormente presentado nun acto público o 26 de marzo de 2021 (só foi posible a asistencia virtual, por motivo da pandemia; con todo, o acto pode visualizarse na súa integridade premendo nesta ligazón.

Capa da presentación pública do informe final de Xerf@

 

3. Resultados acadados

Da extensa información extraída a través deste proxecto de investigación, ofrecemos de partida unha síntese de datos arredor de catro eixes fundamentais, que pretende amosar unha radiografía do sector da acción e xestión cultural profesional municipal en Galicia, nos seus aspectos básicos. De xeito telegráfico:

 

RADIOGRAFÍA DO SECTOR DA ACCIÓN/XESTIÓN CULTURAL PROFESIONAL MUNICIPAL EN GALICIA

1. Identificación profesional-laboral:

  • Colectivo heteroxéneo en formación inicial, formación continua, situación laboral, status administrativo etc.
  • Perfil: muller (67 %), máis de 45 anos, universitaria, máis de 20 anos de experiencia, tempo completo.
  • Fenda de xénero: temporalidade maior nas mulleres, predominio masculino en cargos políticos.
  • Case a totalidade traballa na Administración local, pero o 39 % faino sen contrato fixo.
  • Grupo profesional experimentado: 60 % supera 15 anos de desempeño, só 10 % menos de 5 anos. Atópase nunha etapa de consolidación do quefacer sociocultural municipal en Galicia.
  • O 82 % conta con estudos universitarios, pero evidénciase un desaxuste entre o nivel de estudos e o nivel de contratación (sobreformación).
  • O 71 % traballa na área/concellería de cultura (pero non só: educación, mocidade, deportes...). Apostan pola denominación «técnico/a de cultura».

2. Formación e cualificación profesional:

  • Necesidades formativas expresadas: lexislación, TIC, planificación e xestión da acción cultural.
  • Formación complementaria específica en xestión cultural: só o 52 %, debido á sobrecarga de traballo, conciliación, oferta formativa ou desprazamento.
  • Eixe central do quefacer profesional: deseño, difusión, coordinación e execución de iniciativas culturais (comunicación/difusión, animación e implicación directa, administración).
  • Dificultades: delimitación insuficiente das funcións nos contratos, escasa promoción laboral, retribución insatisfactoria (66 % - 20 000 € netos/ano).
  • Satisfacción pola valoración cidadá do seu traballo e pola autonomía laboral e a formación continua (prefiren cursos a distancia, visitas a outras institucións, intercambio de experiencias, redes profesionais...).

3. Colaboración con outros profesionais:

  • O 86 % mantén relación con outro persoal técnico de cultura (a máis experiencia, máis colaboración).
  • Membros de asociacións profesionais (43 %), redes informais (41 %), grupos de traballo (20 %); en suma, articulación feble. As persoas máis novas destacan en redes sociais e grupos informais.
  • Implicados en actividades especialmente de divulgación e xestión, non de mellora interna da profesión ou reivindicacións laborais/colectivas.
  • O 28 % das persoas está afiliada a sindicatos; o 20 %, a asociacións profesionais;  o 11 %, a colexios profesionais, pero o 54 %, a ningún deles.

4. Satisfacción e problemas da profesión:

  • O 90 % do persoal técnico está satisfeito con algunha ou varias dimensións do traballo.
  • Motivos: orgullo polos efectos da xestión, por dar resposta ás necesidades sociais, realización profesional, relacións cos creadores, coñecemento da actualidade cultural...
  • A realización persoal/profesional é o 30 % maior no persoal técnico con menos de 11 anos na profesión.
  • Problemas da profesión heteroxéneos e diferenciados por provincias: salario (35 %), conciliación (30 %), recoñecemento (29 %), condicionamento político (27 %).
  • Baixas laborais por estrés (44 %), enfermidades por sobrecarga (25 %), mal ambiente (22 %).

 

Achegamos tamén a continuación a análise DAFO que se realizou no transcurso da investigación, que ha representar unha ferramenta fundamental para calquera planificación estratéxica que se queira acometer co fin de mellorar a situación do sector da xestión cultural municipal en Galicia.

Análise DAFO do informe final de Xerf@

 

Conclusións e propostas

Incorporamos agora algunhas conclusións e propostas, seleccionadas de entre a dilatada listaxe recollida no informe final; enunciámolas de maneira sintética para evitar alongar en exceso este primeiro achegamento ao proxecto Xerf@. Sirvan as seguintes, pois, como botóns de mostra ao respecto:

- A formación inicial dos contratados A1 é universitaria no 100 % dos casos (case o 31 % posúe ademais un posgrao ou doutoramento), cifras que decrecen nos outros niveis de contratación, pero non demasiado, xa que mesmo os contratados cun nivel D posúen titulación universitaria case no 80 % dos casos, do que se infire que na actualidade a gran maioría das técnicas e técnicos culturais dos concellos galegos posúe formación universitaria.

- Fronte á gran heteroxeneidade, e mesmo á diversidade na denominación, da oferta formativa relacionada co sector, suxírese a implantación dun mestrado (de dous anos, pero flexible) para a formación de persoal técnico de cultura municipal.

- En canto á identificación das figuras profesionais, propoñemos que se clarifiquen oficialmente, apostando por dous niveis diferenciados: técnico de cultura (categoría A, subgrupos A1 ou A2) e técnico en animación sociocultural (categoría B).

- As tres necesidades formativas que o colectivo considera prioritarias para mellorar o seu desenvolvemento profesional están referidas a cuestións xurídicas e lexislativas, uso de novas tecnoloxías e aspectos ligados á planificación e á acción culturais.

- Considerando que a reciclaxe profesional é básica para garantir a calidade da acción e xestión cultural, faise imprescindible apelar á responsabilidade dos concellos para que organicen e implementen a formación permanente dos seus xestores culturais e, paralelamente, para que lles ofrezan facilidades reais de poder aproveitala.

- Abundando no anterior, sería recomendable que as entidades municipais realizasen unha aposta máis decidida pola formación continua do persoal técnico encargado do eido cultural, desenvolvendo accións proactivas que favorezan a súa reciclaxe, entre elas: racionalizar a carga e os horarios de traballo, dotar os técnicos e técnicas de apoio económico para sufragar os gastos derivados da formación e promover accións formativas relacionadas coa acción cultural da propia institución, atendendo ás inquedanzas e necesidades específicas do seu persoal.

- O estudo permitiu, ademais, confirmar sobre o terreo e poñer de manifesto a extremada potencia educativa da acción e da xestión culturais municipais, para todos os colectivos, cando aquelas se desenvolven desde os presupostos da democracia cultural e con orientación á transformación crítica dos individuos e das comunidades ás que pertencen.

Portada do informe final de Xerf@

 

4. Consideracións finais

Como indicabamos ao inicio, o proxecto universitario Xerf@ tivo por obxecto fundamental a realización dun diagnóstico e dunha avaliación da situación na que se atopa tanto a formación como a profesionalización dos actores da acción cultural pública municipal en Galicia, pero tamén incorpora suxestións concretas para vertebrar e dignificar este sector profesional, que  atinxen ás administracións locais e especialmente á Xunta de Galicia. Expresamos aquí, pois, o noso desiderato para que o informe cumpra, sobre todo, coa súa función prospectiva de orientar as políticas públicas que en diante se implementen dirixidas ao sector da xestión cultural.

Presentación pública do informe final de Xerf@, 26 de marzo de 2021

 

Para concluír, desexamos convidar aquelas persoas interesadas en obter máis referencias sobre o estudo realizado a que visiten a web do proxecto na que poderán atopar o informe final íntegro, o seu desenvolvemento metodolóxico, os datos de contacto e currículo do equipo investigador, numerosos materiais e publicacións sobre a temática, novidades do sector e outras informacións complementarias.

Portal da páxina web de Xerf@

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Bouzada, Xan (coord.) (2000). Cultura e concellos: as estratexias da promoción cultural no ámbito local. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.

Caride, José Antonio e Meira, Pablo Ángel (2000). La educación social en las políticas culturales: hacia una construcción pedagógica de la democracia cultural. En José Antonio Caride (coord.) Educación social y políticas culturales, 19-42. Santiago de Compostela: Tórculo-Universidade de Santiago de Compostela.

Caride, José Antonio (dir.) e Pose, Héctor Manuel (coord.) (2021). Proxecto XERF@. Formación e profesionalización da acción cultural pública en Galicia. Informe. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. https://www.xerfa.gal/

Chaves-Montero, Alfonso (2018). La utilización de una metodología mixta en investigación social. En Kenneth Delgado Santa Gadea, Walter Federico Gadea e Sara Vera-Quiñonez (coords.) Rompiendo barreras en la investigación, 164-184. Machala (Ecuador): UTMACH.

Lage, Xesús, Losada, Antón e Gómez, Marta (2012). La política cultural en la comunidad autónoma gallega: de la dependencia a la autonomía. RIPS: Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas, 11 (3), 115-148.

Lorenzo, Marcos (2017). As políticas culturais en Galicia. Grial: Revista Galega de Cultura, 55 (215), 61-73.

Pose, Héctor Manuel (2006). La cultura en las ciudades. Un quehacer cívico-social. Barcelona: Graó.

Pose, Héctor Manuel (coord.) e outros (2007). As necesidades e demandas formativas dos profesionais da acción cultural pública en Galicia. Informe. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. https://www.xerfa.gal/materiais

 

 

 

Sección: