Parlamento Xove

Unha xesta comunicativa

Araceli Costoya Taboada, Departamento de Lingua Castelá e Literatura
IES Marco do Camballón (Vila de Cruces-Pontevedra)
aracelicostoya@edu.xunta.gal

 

Contextualización

O alumnado do IES Marco do Camballón matriculado en Iniciación ao Debate amosou o seu compromiso coas tarefas de documentación, investigación e selección de información que esixía a participación no torneo de debate Parlamento Xove. Pero, sobre todo, aprendeu a argumentar, persuadir e convencer, combinando traballo e paixón ata acadar unha vitoria moi pelexada.

O IES Marco do Camballón é un centro da Galicia rural e interior, que conta cun alumnado procedente das familias que desenvolven as súas actividades persoais e profesionais nalgunha das parroquias do concello de Vila de Cruces. Trátase de estudantes, en xeral, que valoran positivamente as súas aprendizaxes e teñen un trato moi próximo co seu profesorado porque a comunidade educativa é pequena e iso favorece un clima de confianza recíproca.

Así, atendendo á necesidade de traballar a comunicación oral como ferramenta imprescindible dunha aprendizaxe integral, o Departamento de Lingua Castelá e Literatura decidiu ofertar a optativa de Iniciación ao Debate en primeiro de bacharelato. Esta materia foise consolidando pouco a pouco e espertando o interese dos estudantes, que moi pronto comprenderon a importancia de aprender a expresar as súas ideas de xeito persuasivo, con seguridade e convicción.

Agora ben, o aliciente máis eficaz para atraer os rapaces e rapazas foi a participación no torneo de debate Parlamento Xove, non só polo reto que supoñía medir as destrezas dialécticas con outros individuos da mesma idade e formación académica, senón pola emoción engadida de optar a un premio económico suficiente para facer unha viaxe inesquecible incluso en tempos pospandémicos. Este campionato axudaba, ademais, a reforzar os obxectivos que pretendiamos traballar a través desta materia.

 

Obxectivos

- Empregar o debate como ferramenta que desenvolve as destrezas comunicativas dos estudantes, de xeito que adquiran seguridade, credibilidade e convicción nas súas producións orais ante outras persoas.

- Favorecer que o alumnado se familiarice coas tarefas de documentación e investigación, o traballo en equipo, a xestión de información e o pensamento crítico asociadas á fase de preparación do debate.

- Formar persoas capaces de defender as súas ideas mediante argumentos razoados, reflexivas e críticas, dispostas a respectar as ideas dispares, sen abandonar a defensa das propias.

- Ofrecer formación en recursos lóxicos (tipos de argumentos, falacias, recursos retóricos...) e en comunicación non verbal (uso da voz, xestualidade, control do medo escénico, control do estrés...) para conseguir falar en público de xeito eficaz.

- Fomentar o autocoñecemento procedente da posta en práctica dun estilo comunicativo propio, adaptado á personalidade do individuo e respectuoso cos seus valores.

Estes foron os obxectivos cos que iniciamos, xa no curso 2018/19, a nosa participación en Parlamento Xove. Esa toma de contacto inicial resultou moi emocionante, tanto que no 2019/20 xa tiñamos outro equipo listo para probar fortuna de novo, pero a pandemia da covid-19 desbaratou os nosos plans. Tiñamos sede de debate, ganas de volver a medir as nosas forzas dialécticas fóra do Camballón. Así comezamos o 2020/21, preguntándonos como grupo se nos inscribiamos no torneo e soñando anticipadamente cos destinos que poderiamos visitar se gañabamos. A decisión foi unánime: queriamos participar na competición.

 

Desenvolvemento

Así chegamos ao momento en que era necesario tomar as decisións iniciais.

Fase de clasificación

A) En primeiro lugar, como dispoñiamos de alumnado suficiente, optamos por solicitar a participación de dous equipos para representar o noso centro. A continuación, houbo que seleccionar os seus integrantes. Como criterio fundamental empregamos a voluntariedade e, a continuación, o compromiso persoal co esforzo e a organización, porque estas iniciativas esixen de adestramento fóra de horario lectivo. Quedaron constituídos, entón, dous equipos: o equipo 1, integrado por Lucía, Aleixandra, Nerea e Breogán; e o equipo 2, con Elena, Sabela, María e Marta nas súas filas.

A partir da inscrición, só quedaba esperar a publicación da pregunta que sería obxecto de debate durante a fase de clasificación. Durante ese tempo, continuamos traballando cos materiais titulados El arte de hablar: oratoria eficaz, que abordan aspectos teóricos da comunicación oral, pero tamén ofrecen un laboratorio con propostas prácticas para traballar a vocalización, a proxección da voz, a redución do estrés, o coñecemento da propia personalidade para optimizar as mensaxes...

Cando se fixo público o tema de debate, comezamos coas estratexias organizativas: decidimos conxuntamente os roles que ían desempeñar os membros de cada equipo, é dicir, quen ía ser o orador inicial, quen asumiría as refutacións e a quen lle correspondería a conclusión. Neste caso, a selección de papeis específicos deseñouse atendendo á destreza comunicativa e aos trazos de personalidade de cada unha das alumnas e do alumno.

A continuación, comezou a fase de documentación e pescuda sobre a pregunta  «Debería un estado establecer como obrigatoria a vacinación entre a súa poboación?», empregando unha metodoloxía de investigación-acción. É dicir, puxémonos a traballar sobre a inventio, se empregamos a terminoloxía da retórica clásica. Primeiro, buscamos no dicionario o significado dos termos máis relevantes desde o punto de vista semántico, de modo que tivésemos clara a orientación exacta do significado da cuestión, evitando desviarnos cara a temas secundarios. Aclarado este punto, o alumnado creou un arquivo en Drive, subdividido en dúas carpetas (postura a favor e postura en contra), no que foron almacenando os artigos máis interesantes de cada unha das buscas que fixeron en Internet. A tarefa de buscar documentación e analizar e sintetizar información realizouse de forma conxunta, dirixida pola coordinadora. Como a xornada lectiva non nos permitía reunirnos fisicamente, empregamos como recurso a aplicación Meet de Google, na que o alumnado programou reunións telemáticas que serviron para orientar as buscas, facer lecturas conxuntas e compartir información. A miúdo completamos ese traballo cun documento no que figuraban datos bibliográficos concretos, fáciles de relacionar cun tipo de argumento. Ao final deste artigo ofrécese bibliografía específica que reflicte esta fase.

Unha vez que rematamos o traballo cos artigos e documentos que servirían de evidencias para os nosos argumentos, abordamos a dispositio, isto é, empezamos a elaborar os textos individuais que servirían para conducir a cada un dos participantes no debate. O deseño respondía a unhas pautas comúns:

- un exordio inicial co que captar a atención dos oíntes.

- unha mención e razoamento da tese que se defende, argumentatio ou corpo argumentativo constituído por tres argumentos razoados, acompañados das evidencias necesarias para darlles solidez.

- unha peroratio ou recapitulación con recordatorio da tese inicial.

- unha conclusión con referencia ao exordio inicial, de xeito que a estrutura fora encadrada.

A isto hai que engadir as particularidades de cada rol dentro do equipo; por exemplo, as refutadoras un e dous debían mencionar e refutar os argumentos do equipo rival e preparar repostas a preguntas posibles formuladas por el; pola súa banda, a persoa encargada da conclusión tiña que recoller os aspectos máis relevantes do debate, facer fincapé no argumentario propio e resaltar os acertos do equipo.

En relación cos exordios, era evidente a súa importancia, así que puxemos especial coidado en que fosen orixinais, que reflectisen a creatividade do alumnado, gardasen unha relación co tema evitando a simpleza e causasen un impacto nos espectadores. Por exemplo, as alumnas do equipo 2 empregaron globos de cores que facían explotar despois de certas afirmacións.

A redacción do conxunto de argumentos esixía sobre todo de razoamento e evidencias. Foi o aspecto máis laborioso, porque incidimos en argumentos claros, formulados de xeito sinxelo e acompañados da documentación probatoria presente na súa orixe. Ademais, tivemos que categorizalos, é dicir, asignalos a unha tipoloxía concreta segundo as clasificacións tradicionais, pero tamén empregando o sentido común. Foi preciso fotocopiar artigos enteiros ou partes específicas; neste último caso, preferimos sempre gráficos ou estatísticas, que plastificamos para que resultasen máis fáciles de manexar. Para finalizar, o alumnado organizou as evidencias en carpetas individuais, listas para ser utilizadas segundo o rol e a postura.

B) No paso seguinte, unimos as recapitulacións á tese inicial e, para as conclusións, empregamos como referencia os exordios iniciais e pretendemos sempre que houbese unha relación polo menos simbólica entre as dúas partes, de modo que, como xa se mencionou, resultase unha estrutura encadrada.

C) Finalmente, tamén nos dedicamos a preparar unha batería de posibles preguntas, para as que buscamos as respostas, porque intuiamos que moitas delas poderían ser similares ás que nos formulasen os contrarios. Pero tamén arriscamos nesta procura e formulamos cuestións moi específicas que, desde o noso punto de vista, demostrarían o grao de afondamento no tema que conseguiran os rivais. Para a súa formulación foi imprescindible un estudo sistemático do tema proposto e unha comprensión detallada dos aspectos máis específicos relativos a el.

D) Concluído este traballo, comezamos a practicar o que nós chamamos simulacros, entendidos como prácticas finxidas da situación real que nos esperaba. Trátase dunha estratexia que permite a corrección por parte das coordinadoras, do resto de membros do equipo e, tamén, a autocorrección. Ademais, con eles practicamos conxuntamente a elocutio, a memoria e a actio.

Daquela xa a organización de Parlamento Xove nos comunicara que a fase clasificadora se realizaría de xeito telemático e, por esta razón, pedímoslle axuda á Dirección do centro, pois eran necesarios recursos técnicos (dous portátiles con conexión a Internet, dous atrís, dous proxectores e dúas pantallas, dúas webcams externas para que a imaxe fose nítida, toda sorte de cables e conectores...) e tamén dous espazos físicos con luz axeitada e boa acústica. O equipo directivo e os nosos compañeiros prestáronse desde o primeiro momento a axudarnos coa loxística, amosando un compromiso completo co éxito deste proxecto. Polo tanto, os simulacros realizáronse enfrontando os dous equipos, que se atopaban situados en dous espazos independentes (a radio e a biblioteca) e que contaban con todo o material necesario para a intercomunicación telemática. Empregamos un número considerable de tardes fóra do horario lectivo, destinadas a familiarizarnos coa estrutura do debate, co rol que lle correspondía a cada alumna ou alumno e cos aspectos técnicos derivados da comunicación telemática. Tamén nos serviron para corrixir e mellorar os nosos discursos e introducir variantes derivadas desas prácticas. Nalgunha ocasión, gravamos cun móbil as intervencións individuais, para que o alumnado puidese analizar o seu desempeño durante o simulacro.

Cando chegou a fase clasificadora, os dous equipos estaban preparados para debater telematicamente cos seus rivais. Foi unha xornada tan emocionante como tensa, porque tanto o equipo 1 como o 2 participaron no torneo con paixón, con talento e convicción. Pero o sorteo de cruces determinou que os dous tivesen que medirse entre si, un momento moi difícil porque ían moi igualados e só podía gañar un deles. Finalmente, a xornada rematou coa clasificación do equipo 1 para a fase final e cunha máis que meritoria décima posición para o equipo 2, que non chegou a clasificarse.

Pero o máis importante é destacar as emocións que se viviron ese día: os nervios de cada intervención, a sensación de traballo ben feito, a euforia do triunfo dixerida ao mesmo tempo que a decepción de quedar ás portas da final, pero sobre todo o privilexio de compartir o éxito dunha actividade que se afasta do traballo cotián nas aulas.

 

Fase final

Unha vez confirmada a clasificación na fase final, o equipo excluído comprometeuse a participar activamente na preparación dos seus compañeiros. Ese compromiso formalizouse antes de que se coñecese a pregunta que sería obxecto de debate durante a final e mantívose ate o día en que se levaron a cabo os cuartos de final; ese compromiso, que implicou investir outra vez tempo fóra de horario lectivo, foi decisivo para acadar os logros finais e puxo de manifesto a importancia do traballo colaborativo.

A pregunta que a organización de Parlamento Xove expresou para a fase final foi a seguinte: «Debería limitarse legalmente o uso das pantallas entre as persoas máis novas?». O alumnado sentiuse directamente aludido, xa que todos son usuarios de tecnoloxía e redes sociais, de modo que os traballos de documentación e investigación resultaron moi interesantes.

A metodoloxía de traballo repetiuse, aínda que neste caso tivemos moi en conta o feedback que nos deran os xuíces da competición na fase de clasificación, tanto individualmente como no tocante ao traballo en equipo. Por exemplo, no caso da postura a favor da vacinación obrigatoria, da unión dos exordios dos catro alumnos resultaba un relato que remataba da man do que facía a conclusión. Os xuíces criticaron esa narrativa porque resultaba repetitiva e sorprendía pouco. Polo tanto, detivémonos moito en presentar, tanto na postura a favor como na postura en contra, exordios de natureza diferente (un poema, un obxecto que simbolizase o que se dicía, un relato curto independente...) e que tivesen  capacidade de evocar e sorprender. Ademais, fixeran algunhas observacións relativas ao ímpeto co que se defenderan os argumentos propios e se atacaran os dos opoñentes, así que tamén tratamos de mellorar a actio, apostando, iso si, por respectar o estilo persoal que se constrúe desde a personalidade individual.

Unha vez máis, documentámonos e investigamos con rigor e profundidade, manexando un número considerable de artigos e informes dos que extraer argumentos sólidos para ambas as posturas. O alumnado creou unha nova carpeta de Drive, titulada Fase final, na que organizou de modo sistemático toda a información que serviría para formular as teses e configurar os argumentarios coas súas evidencias. Unha vez máis, ao final deste artigo ofrecemos bibliografía específica que reflicte ese traballo. Cabe sinalar tamén que, na selección de evidencias, incluímos artigos publicados en inglés, xa que consideramos relevante que o alumnado se familiarice con textos especializados que están asociados a institucións internacionais e escritos noutras linguas.

Concluída a documentación e a escolma de información, traballamos de novo a elaboración das teses a favor e en contra, tendo en conta a importancia dunha formulación sintética, acompañada dun razoamento breve. Despois, centrámonos na creación de argumentos sólidos, preferindo outra vez os grupos de tres, razoados e acompañados das evidencias que os probasen. Para a nomenclatura de cada argumento seguimos o mesmo procedemento: consultamos as tipoloxías argumentativas e asociamos a un dos tipos a información concreta e a evidencia que a sustentaba.

Tamén repetimos estratexia nas recapitulacións e conclusións, aínda que, coma no caso dos exordios, a estas últimas tratamos de aportarlles máis doses de orixinalidade e capacidade para sorprender, así que foron variadas en formulación e, polo tanto, laboriosas.

Para a preparación da fase final optamos, unha vez máis, por practicar mediante simulacros. Como xa se dixo antes, o equipo 2, que resultara eliminado na rolda clasificadora, foi esencial durante a preparación. Seguindo as instrucións das coordinadoras, as alumnas completaron os procesos asociados ás partes da oratoria exactamente igual que os membros do equipo 1, o que permitiu que se convertesen nas contrincantes virtuais imprescindibles para probar a forza dos exordios, a validez das teses e argumentos e a eficacia das recapitulacións e conclusións. Tamén resultaron esenciais para a introdución de ideas innovadoras e para prever as reaccións ante as preguntas que se escolleron para esta fase.

En equipo fortalecemos o persuadere, o delectare e o movere presentes nos discursos de cada participante, de modo que se achegasen todo o posible ao seu obxectivo: convencer a través da expresión axeitada das ideas. Tamén decidimos que obxectos queriamos empregar para os exordios e o Departamento de Lingua Castelá encargouse de adquirilos (por exemplo, unha candea decorativa, un veleiro de xoguete, unha gorra de capitán de barco...).

E así, cooperando, chegamos aos cuartos de final, que se levaron a cabo de xeito telemático. De novo contamos cos recursos materiais e humanos imprescindibles para que todo funcionase correctamente. Seleccionamos a biblioteca como espazo para a realización dos cuartos e a Dirección do centro axudounos a montar a tecnoloxía necesaria: un portátil con conexión a Internet, un proxector e unha pantalla para ver os rivais e os xuíces, un atril, unha webcam externa para mellorar a imaxe... Cando comezaron os debates, tiñamos todo preparado. E non estabamos sós, porque o alumnado do equipo 2 foi testemuña directa dos acertos dos seus compañeiros e celebrou con eles a súa vitoria, que lles permitiu disputar a semifinal ao día seguinte. Aleixandra, a nosa oradora, Nerea, a nosa primeira refutadora, Lucía, a refutadora dous, e Breogán, o encargado da conclusión, os catro estiveron brillantes, convincentes e souberon usar as estratexias que tiñamos preparadas para derrotar o equipo contrario: animaron os exordios, empregaron a modulación de voz para introducir variedade tonal, defenderon desde a convicción a tese e os argumentos da postura que lles adxudicou o sorteo, contestaron as preguntas con seguridade e transmitiron unha imaxe moi precisa do que significa combinar traballo exhaustivo con paixón e destreza comunicativa.

Chegamos agora ao final desta xesta, a mañá na que se disputaron a semifinal e a final. Por fortuna para todos, a organización puido convocar os equipos clasificados de xeito presencial para disputar esas roldas no Parlamento de Galicia. Para o equipo 1 do IES Marco do Camballón, para Aleixandra, Nerea, Lucía e Breo, ese foi un gran estímulo. Os catro desexaban coñecer o hemiciclo e estaban convencidos de que ese espazo lles engadiría forza aos seus discursos. É verdade que tamén se sumaban algunhas incógnitas a estas modificacións, como o impacto que podería producir o cambio de escenario ou a presenza física dos membros dos outros equipos e dos xuíces, pero prevaleceu o entusiasmo por ter chegado tan lonxe e pola honra que supoñía disputar as últimas fases.

A semifinal, que tivo lugar nunha sala de xuntas do Parlamento, foi moi emocionante, porque os dous equipos sacaron a relucir todo o seu talento individual e de grupo. O equipo 1 do Camballón foi quen de amosar a temperanza suficiente para empregar os obxectos destinados a reforzar os exordios e conclusións, a forza para convencer coas súas teses, argumentos e evidencias e a serenidade para concluír co mesmo ánimo co que comezaron os seus discursos. E todo isto conduciunos á final.

A final disputouse na sala principal da Cámara, onde interveñen de xeito cotián os parlamentarios. O alumnado atopábase, ao principio, un pouco intimidado pola transcendencia do escenario, pero cando chegou o momento de debater esqueceron os seus nervios e enfrontáronse á última rolda con forzas renovadas, conseguindo gañar e facerse co premio de Parlamento Xove 2020/21. Unha auténtica xesta comunicativa!

 

Avaliación

En canto á avaliación, só podemos afirmar que foi moi positiva. O alumnado participante converteuse no centro deste proxecto, porque tivo a oportunidade de xestionar autonomamente información sobre temas de actualidade, que conectaban co seu coñecemento do mundo. Puido tamén realizar aprendizaxes significativas derivadas do seu traballo directo coa investigación e documentación, que implicaba entender os datos, manexar recursos novos e reforzar accións metodolóxicas xa aprendidas. Ademais, afirmaron as súas destrezas intelectuais e emocionais e mediron a súa capacidade de traballo en equipo. A suma de todo isto deu como resultado a vitoria en Parlamento Xove 2020/21, que era o obxectivo máis ambicioso co que empezamos a traballar.

 

Conclusión

Como conclusión, defendemos o alto interese metodolóxico do debate académico, especialmente se se desenvolve en contextos compartidos por varios centros educativos. Este é o caso do torneo de debate Parlamento Xove, unha experiencia formativa que favorece a aprendizaxe por descubrimento, o pensamento crítico fundamentado e a organización, análise e síntese de materiais no marco do traballo en equipo. Pero, sobre todo, propón un reto entre alumnado do mesmo ou similar nivel académico e rango de idade, de modo que permite coñecer e recoñecer estratexias comunicativas alleas e propias, que promove a autoestima procedente do feito mesmo de atreverse a competir e incentiva a capacidade oratoria, a calidade da lingua, o uso de fontes para investigación e a creatividade.

 

 

Bibliografía: 

 

 

BIBLIOGRAFÍA XERAL SOBRE ORATORIA E DEBATE

El orador, Marco Tulio Cicerón

El arte de hablar: oratoria eficaz, Servizio de Formación do Profesorado, Ministerio de Educación e Ciencia.

Guía práctica de oratoria, Jurg Studer

Manual de retórica, oratoria y liderazgo democrático, Ricardo Hormazábal Sánchez

Retórica, comunicación, interdircusividad, Tomás Albadalejo Mayordomo

Ganar debates. Una guía para debatir con el estilo del Campeonato Mundial Universitario de Debate, Steven L. Johnson

Cómo hablar siempre con eficacia, Ángel Ignacio Lafuente Zorrilla

Manual básico de oratoria, Krigguer Artola, Renee Salmerón

Argumentar para debatir, Antonio Unzué Unzué

Oratoria. El arte de hablar, disertar, convencer, Jurg Studer

 ¿Me hablas a mí? La retórica de Aristóteles a Obama, Sam Leith

Oratoria y Liderazgo. El orador del siglo XXI, David Angulo de Haro

Aprenda a hablar en público hoy: una lectura de la retórica clásica a través de los métodos actuales, Luis Ruiz Pérez

 

BIBLIOGRAFÍA ESPECÍFICA EMPREGADA DURANTE O TORNEO PARLAMENTO XOVE

Fase de clasificación:

Constitución española, artigo 43.2

Lei 41/2002, do 14 de novembro, básica reguladora da autonomía do paciente e de dereitos e obrigas en materia de información e documentación clínica.

Las vacunas en España. Situación actual y perspectivas de futuro, Deloitte, 2017

Plan de acción mundial sobre vacunas 2011-2020, OMS

Cuestiones ético-legales del rechazo a las vacunas y propuestas para un debate necesario, Comité de Bioética de España

El derecho a la salud y la vacunación en España y en el derecho comparado, César Tolosa Tribiño

El carácter voluntario de la vacunación. Análisis del marco jurídico y jurisprudencial de las vacunas, María Mora Moreno

Importancia de las vacunas en salud pública: hitos y nuevos desafíos, María Teresa Valenzuela

¿Es obligatoria la vacunación?Un análisis jurídico del problema, Mario Rueda

Tratamiento legal y jurisprudencial del consentimiento informado, Ignacio Sancho Gargallo

State of vaccine confidence in the EU 2018, Europen Comissión

Evolución y efectividad de los spots de la DGT, Rosario Segura-García

Mandatory Vaccination in Europe, Olivia M. Vaz, MPH, a Mallory K. Ellingson, MPH, b Paul Weiss, MS, c Samuel M. Jenness, PhD, a Azucena Bardají, MD, PhD, d Robert A. Bednarczyk, PhD, a,b,e,f Saad B. Omer, MPH, MBBS, PhD a, b, g, e

Eurobarómetro especial 488, actitudes de los europeos en relación con la vacunación, 2018

La función social de la publicidad: de la concienciación a la responsabilidad social, Mónica Viñarás Abad

Obligatoriedad o no. Derechos individuales vs. colectivos, Carmen Martínez González

Responsabilidades individuales y colectivas de las instituciones, los profesionales y la población en relación a las vacunas, Sociedade Española de Saúde Pública e Administración Sanitaria

Vacunas. Aspectos bioéticos, C. Martínez González

Duda vacunal y democracia, EDITORIAL semFYC

 

Fase final:

Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código civil e da Lei de axuizamento civil.

Lei 14/2010, do 27 de maio, dos dereitos e as oportunidades na infancia e na adolescencia.

Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia

Convención sobre os dereitos da infancia, ONU

La adicción a las TIC e Internet en adolescentes, Estela Hormaechea Lastra

Los niños y las niñas de la brecha digital en España, UNICEF

Convención sobre los derechos del niño, UNICEF

Uso y abuso de las tecnologías en adolescentes, Gloria Garrote

Fundamentación da metafísica dos costumes, Immanuel Kant

Bebés, niños, adolescentes y pantallas: ¿qué hay de nuevo?, Sociedad Argentina de Pediatría

Guía para padres y educadores sobre el uso seguro de Internet, móviles y videojuegos, Francisco Labrador Encinas, Ana Requesens Moll, Mayte Helguera Fuentes

Pantallas en casa: Guía para acompañar a las familias en el uso de Internet, UNICEF

Aprender a convivir con las pantallas, Comunidade de Madrid

Adiccións tecnolóxicas e adolescentes. ¿Quen lle pon o «cascabel» ó gato?, Antonio Rial Boubeta

Uso de los medios en niños de cero a ocho años, 2020. Explorando la brecha digital, Common Sense

Alcances de una ética en el ciberespacio, Luis Ignacio Sierra

Infoética, ciberespacio y derecho, M.Sc. Yarina Amoroso Fernández

Valores, ética y nuevas tecnologías, Asunción Vacas Hermida

La educación digital en los centros educativos en Europa, Comisión Europea

Influencia de la tablet en el desarrollo infantil: perspectivas y recomendaciones a tener en cuenta en la orientación familiar, Miguel Ángel Nogueira Pérez e Cristina Ceinos Sanz

Menores en Internet y redes sociales: derecho aplicable y deberes de los padres y centros educativos, Laura Davara Fernández de Marcos

Hábitos de los adolescentes en el uso de las redes sociales. Estudio comparativo entre comunidades autónomas, Adolfo Sánchez Burón y María Poveda Fernández Martín

Normativa internacional de protección de la infancia, José Ocón Domingo

Recommendations on digital interventions for health system strengthening, Who Guideline

Investigación sobre conductas adictivas a Internet entre los adolescentes europeos, Artemis Tsitsika, Eleni Tzavela, Foteini Mavromati and the eu net adb Consortium

Five days at outdoor education camp without screens improves preteen skills with nonverbal emotion cues, Elservier.

 

 

Sección: