BiblioMaraña ten a palabra

Pensando na nosa traxectoria, ao longo destes cursos fomos coñecendo a importancia da oratoria na formación do noso alumnado grazas á participación nos programas de Radio na Biblio e Biblioteca Creativa, así como nas Xornadas de Bibliotecas Escolares, os Encontros Plambe... A formación recibida por parte de profesionais que implica participar nestes proxectos axudounos a darnos conta da importancia que ten a expresión oral na formación da rapazada. A linguaxe é o instrumento co que a persoa se expresa; polo que falar con corrección é moi importante. A fluidez verbal, a elocuencia, o ritmo, o ton, as pausas, son fundamentais para conseguir comunicar con éxito e facer aflorar sentimentos.

Laura Gómez Gómez, orientadora e coordinadora da biblioteca
CEIP Plurilingüe Vilar de Barrio (Vilar de Barrio - Ourense)
lggomez@edu.xunta.gal

 

Somos un pequeno centro dun pequeno concello do centro da provincia de Ourense, o CEIP Plurilingüe Vilar de Barrio. Trátase dun centro singular do rural ourensán composto por un pequeno claustro con destino definitivo hai xa uns anos. Un claustro con moitas inquedanzas e con moitas ganas de lle dar resposta á difícil tarefa de «educar» alumnado de 3 a 12 anos en pleno século XXI.

A nosa biblioteca converteuse, tras uns anos de traballo, nun importante elemento de dinamización educativa que conta coa implicación de todo o profesorado do centro na realización das súas actividades.

Todo o claustro deste colexio entende que a biblioteca é un recurso activo e renovado que facilita a construción do coñecemento, recurso imprescindible para a formación do noso alumnado nunha sociedade da información que demanda cidadáns dotados de destrezas para a consulta eficaz das distintas fontes informativas e para a construción autónoma do coñecemento. Día a día intentamos que a nosa biblioteca sexa un organismo vivo, activo e con capacidade de mutación, incorporando as tecnoloxías emerxentes, onde ten cabida o impreso e o dixital, a lectura e a interpretación de imaxes, de planos... e, por suposto, a palabra.

Este curso o lema de Bibliotecas Escolares é «A biblioteca escolar ten a palabra» e ten o obxectivo de visualizar a importancia da linguaxe, como ferramenta que abre camiños de pensamento, de imaxinación, de aprendizaxe, de comunicación...

Un dos retos da escola do século XXI é formar o alumnado coa capacidade de poder expresarse con todos os recursos que están ao seu alcance.
A palabra está presente na vida educativa do noso alumnado: nas clases, nos recreos… Somos conscientes que tamén estará presente nuns anos na súa vida profesional e persoal como cidadáns.

A nosa experiencia neste tipo de traballo e formación foi madurando co tempo, aínda que aos comezos no Plambe empezamos a traballar a competencia comunicativa a través de actividades como Os padriños lectores ou Os martes de conto. Estas dúas eran actividades sinxelas, onde o alumnado de maior idade preparaba a lectura duns contos para lles ler aos máis pequenos nos recreos. Nese tipo de dinámicas traballamos a entoación, a posta en escena...

Pensando na nosa traxectoria, ao longo destes cursos fomos coñecendo a importancia da oratoria na formación do noso alumnado grazas á participación nos programas de Radio na Biblio e de Biblioteca Creativa, Xornadas de Bibliotecas Escolares, Encontros Plambe... A formación recibida por parte de profesionais por participarmos nestes proxectos axudounos a darnos de conta da importancia que ten a expresión oral na formación da rapazada. A linguaxe é o instrumento co que a persoa se expresa; polo que falar con corrección é moi importante. A fluidez verbal, a elocuencia, o ritmo, o ton, as pausas son fundamentais para conseguir comunicar con éxito e facer aflorar sentimentos.

Así, na reforma que levamos a cabo do noso espazo nos últimos anos, en BiblioMaraña creamos o Espazo Faladoiro, un recuncho onde, dependendo do momento en que nos atopemos, podemos empregalo para facer unha lectura informal ou convertelo nun lugar onde facemos minicharlas, recitais de poesía, lecturas en voz alta, contacontos ou escenificación de teatro. Coa creación deste recuncho quixemos pór en valor a importancia da expresión oral na nosa escola.



Somos conscientes de que a través da práctica e do ensaio-erro de diferentes actividades mellora a oratoria e a comunicación do noso alumando, incluída a súa expresión oral e corporal, aumentando así a súa autoestima. Porque no desenvolvemento deste tipo de actividades hai un esforzo, un traballo por mellorar e un intento de facer as cousas o mellor posible e, por suposto, un gozo da lectura, da aprendizaxe e da comunicación.
Ao longo destes cursos levamos a cabo actividades de maneira planificada e pautada. Quizais non se trate de grandes actividades, pero si son actividades a través das cales acadamos os obxectivos propostos: traballar a palabra en calquera versión posible.

- En RadioMaraña, creamos o noso programa A xanela cultural, a través da cal preparamos podcasts de diferente temática: especial Letras Galegas, igualdade... Tamén participamos en concursos de podcast para coles, como o de RNE e o propio da Asesoría de Bibliotecas. Na seguinte ligazón, podes escoitalos.

- Obradoiros de expresión oral co alumnado con dinámicas aprendidas cos compañeiros de Ponte nas Ondas  e Charo Pita.

- Audiocontos: o curso pasado propuxémonos implicar as familias na creación dun banco de audiocontos gravados polo noso alumnado na casa durante a Semana do Libro. Na seguinte ligazón, pódese escoitar o resultado.

- Recitais de poesía: sempre hai boas ocasións para recitar poesía no noso Espazo Faladoiro: o Día de Rosalía; o 21 de marzo, Día da Poesía; Coplas de Entroido…

- Días das escritoras: levamos dous cursos facendo unha pequena homenaxe ás nosas escritoras galegas, preparando pequenas lecturas da súa obra. A posta en escena é no noso Espazo Faladoiro.

- Minicharlas científicas: o alumnado de educación primaria escolleu un tema de ciencias para investigar e preparar un pequena charla científica. Para iso, facilitamos un guión cos pasos que se deben seguir para preparar a actividade.


Todas son dinámicas que colocan no centro do proceso educativo o propio alumno ou alumna e son abordadas de maneira multidisciplinar. Todo ten cabida.

O alumnado comezou a comprender a importancia de ler ben cando é posto en situación real de comunicación. Existe un grande esforzo en mellorar; cada vez elaboramos traballos de mellor calidade. Danlles protagonismo a todos os que participan no proxecto, descubrindo eles mesmos as habilidades e destrezas que teñen para comunicar. Todos saen fortalecidos, todos van mellorando respecto das súas capacidades e posibilidades, e nós vémonos sorprendidos con frecuencia polos seus logros.

Ao mellorar a competencia comunicativa no noso alumnado, a seguridade e confianza neles mesmos tamén mellora. Este feito axuda ao desenvolvemento dunha importante autoestima positiva. O esforzo que fan para sacar adiante un programa relaciónase coa percepción de que poderán executar as accións que conducen ao resultado desexado. Desta maneira, as relacións interpersoais tamén saen fortalecidas.

Promover a atención á diversidade é un obxectivo que se debe ter en conta en toda sociedade desde calquera ámbito, comezando polos fogares e, por suposto, desde a escola. Nestes caso, a atención á diversidade e este tipo de dinámicas de biblioteca sempre van da man. Este aspecto é moi importante para que a nosa sociedade poida ir avanzando e que exista respecto entre todas as persoas, sen importar a condición de cada unha.
Ademais, é un recurso compensador de desigualdades. Para o noso contexto, isto é moi importante. O claustro desta pequena escola traballa arreo e acotío para poder ofrecer a mellor calidade educativa.

BiblioMaraña é o corazón da nosa escola. Cada curso escolar reinvéntase con novas dinámicas que axudan ao desenvolvemento persoal do noso alumnado. Espérannos moitos retos e desafíos por explorar e superar, pero sabemos que a motivación está garantida.

 

 

Sección: