EF desde a pantalla

Complementación do traballo e aprendizaxe dos contidos prácticos da materia de EF co contido teórico a través do recurso dixital
Neste traballo preséntase o proxecto de EF desde a pantalla, coa finalidade de que o alumnado de quinto e sexto de primaria puidese traballar certos estándares cunha tendencia máis teórica de maneira dixital para logo poder complementar na aula coa práctica. Coa situación de pandemia que nos tocou vivir, esta primeira idea de apoio teórico das sesións de EF converteuse durante o confinamento do curso 2019/20 nun recurso fundamental de traballo, sen esquecer a posibilidade de práctica do alumnado no seu contorno. E no curso actual, xa coa presenza de todos na aula, retomamos o traballo coa idea inicial do proxecto, pero adaptándonos ás medidas covid-19 lexisladas.

Juan Manuel Campos Míguez, profesor de EF
CPI Plurilingüe Alfonso VII (Caldas de Reis - Pontevedra)
 jpencho@edu.xunta.gal

 

 

Introdución

A EF foi, é e esperemos que sempre sexa unha materia fundamentalmente práctica, pero que conta cun contido teórico, que queda moitas veces sen asimilar ou incluso sen poder impartir por falta de medios nas aulas de prácticas (ximnasio, pavillón, aire libre), por falta de tempo e outras veces pola dificultade que ten o seu enfoque teórico no que respecta á idade do alumnado. É aquí onde xorde a idea de elaborar un material para poder ensinar e, ao mesmo tempo, recoñecer certos estándares (ou nas futuras leis novos contidos) que ata o de agora podían estar quedando relegados a un segundo plano.

É importante salientar que este proxecto se leva a cabo nun centro educativo E-Dixgal, co cal todo o alumnado ao que vai dirixido dispón dun ordenador propio, o que facilita o traballo dixital.

 

Descrición do recurso

 

O noso trevo: a explicación deste proxecto desenvólvese a través da imaxe dun trevo de catro follas, onde tres das follas corresponden a apartados propios da materia da EF e o último corresponde á competencia dixital utilizando as TIC. Trátase das capacidades físicas básicas, a actividade física, a saúde e as TIC.

O proxecto EF desde a pantalla preséntase baixo o formato dun curso de Moodle, facilmente incorporable á aula virtual do centro, e consta de nove unidades didácticas integradas (UDI), agrupadas en tres bloques: a saúde, a actividade física e as capacidades físicas básicas. 

En cada unha das unidades atoparemos diferentes obxectos dixitais educativos (ODE). A maioría destes ODE están incorporados dentro de paquetes eXeLearning e EdiLim, xunto con outras actividades presentadas directamente en Moodle. 

Non se trata de actividades pechadas nin secuenciadas en función do currículo, de xeito que será o profesor quen en cada momento decida cal das actividades debe realizar o alumnado en función dos temas que se estean tratando na aula (ximnasio, pavillón ou natureza).

Os paquetes de eXeLearning conteñen pequenas explicacións teóricas e algunha actividade que reforza eses contidos, mentres que as actividades de EdiLim, aínda que o contido é o mesmo, permitiranlle ao alumnado asimilar e consolidar as aprendizaxes anteriores. Os elementos presentados directamente en Moodle limítanse a aquelas actividades nas cales o alumnado debe facerlle chegar ao profesor ou profesora un ou varios arquivos, que poderán ser enviados directamente a través desta plataforma ou por calquera outra vía que o profesor considere. 

  • a) Navegar polas actividades EdiLim

Todas as actividades EdiLim teñen un menú de contidos que nos permitirá ir ao apartado que desexemos directamente. Tamén premendo nos botóns < ou > nos poderemos ir movendo a través das diferentes páxinas de xeito ordenado, aínda que nalgunhas non nos permitirá retroceder. Despois de rematar o exercicio, pódese comprobar o resultado premendo na pestana azul que se indica na imaxe.

  • b) Navegar polas actividades eXeLearning

Todas as actividades eXeLearning teñen un menú de contidos que nos permitirá ir ao apartado que desexemos directamente. Tamén premendo nos botóns Seguinte ou Previo nos poderemos ir movendo a través das diferentes páxinas de xeito ordenado.

Nestes paquetes amósanse dous formatos de contido diferente, un deles máis explicativo e outro no final de cada unidade de actividades que nos dan unha idea dos coñecementos adquiridos do tema.

 

A nosa experiencia

Nestas liñas amosarase a experiencia vivida nestes dous cursos citando algunhas das tarefas que se levaron a cabo coas UDI na práctica e como utilizamos os recursos do traballo EF desde a pantalla para complementar e reforzar as aprendizaxes.

Este traballo ao longo destes dous cursos estivo presente en escenarios moi diferentes:

- Escenario 1: no primeiro e segundo trimestres do curso 2019/20 realmente utilizouse coa finalidade para a que foi creado (primeiros auxilios, deportes).

Os primeiros auxilios corresponden á unidade 3 do noso traballo e nel dámoslle moita importancia ao protocolo PAS (protexer, avisar, socorrer), así é como comezamos os nosos cursos incidindo na forma máis eficaz de actuación que debemos ter ante un accidente e como o practicamos.

 

 

 

Continuando nesta liña, no curso pasado, no mes de outubro, o CPI Plurilingüe Alfonso VII, coa colaboración de Protección Civil de Caldas de Reis, celebrou o Día Mundial da Parada Cardíaca. Tras as diferentes explicacións e as prácticas realizadas polo alumnado cos voluntarios de Protección Civil, o estudantado complementou este traballo coas actividades da unidade 4 da RCP. 

 

 

Día Parada Cardíaca (outubro 2019). Imaxe relacionada con actividade EdiLim explicativa

 

Na unidade 6 do noso traballo fálase sobre os deportes individuais e colectivos, pero dentro deste faise unha mención específica a través dun eXeLearning sobre a competición, o que fai que o alumnado poida coñecer, organizar e desenvolver diferentes competicións dentro da aula e incluso nos recreos coa finalidade de utilizar esta como outro medio motivador de aprendizaxe.

Para a integración dos xogos dentro do tempo de lecer serviunos Campos (2006). 
COMPETICIÓN… Medio para conseguir o noso fin.

Cal?

- Escenario 2: o último trimestre do curso anterior, no que o confinamento nos levou a traballar desde as nosas casas, puidemos utilizar este recurso para desenvolver tanto na teoría como na práctica certas actividades (frecuencia cardíaca, sendeirismo, retos…).

Na unidade 4 sobre a frecuencia cardíaca amósase un vídeo explicativo de como debemos tomar as nosas pulsacións a través dunha táboa de rexistro adaptada á práctica coa que esteamos traballando e o alumnado aprende a tomar as pulsacións e a asocialas a diferentes estados de actividade que efectúe. 

A unidade 5 está relacionada coa nutrición. Aquí tivemos a posibilidade de reforzar no ámbito interdisciplinar sobre a roda de alimentos e facer un rexistro mediante unha táboa para despois poder mandala a través da nosa aula virtual habilitada (no noso caso, E-Dixgal). Neste caso o alumnado realiza esa táboa despois de participar tanto no ExeLearning como no EdiLim que fan referencia a esta unidade. 

No medio do confinamento e cando comezamos a ter a posibilidade de poder saír das nosas casas, traballáronse dentro da unidade 7 de xogos populares e deportes na natureza os paquetes relacionados co sendeirismo, onde o alumnado puido coñecer un pouco máis sobre a súa nomenclatura e simboloxía e planificar dun xeito sinxelo e cunhas instrucións previas como gozar de rutas que xa temos marcadas no noso contorno natural e moitas veces próximas ás nosas casas.

Imaxe relacionada coa actividade eXeLearning hipervinculada con Wikiloc

 

- Escenario 3: o curso actual, no cal a normativa covid-19 e os protocolos aprobados nos levaron a adaptar as nosas actividades de EF a estes tempos de pandemia.

O feito de que nas aulas existe cada vez máis alumnado con alerxias ou algún tipo de enfermidade lévanos a que utilicemos as unidades 1 e 2 para tratar sobre lesións e enfermidades. Esta última ten un apartado moi interesante sobre a asma e a diabetes, dúas das enfermidades tan presentes dentro do noso alumnado. Pensamos que é moi importante que o alumnado coñeza como se convive con este tipo de enfermidades, xa que están presentes no protocolo de alerta escolar, e como debemos proceder a axudar no caso de que alguén teña algunha crise.

Neste caso, o alumnado recibe a información a través dun pequeno vídeo explicativo onde a insulina é a protagonista. Tamén nos paquetes deste tema aparecen os diferentes materiais que se precisan, así como a súa utilización.

 

 

A unidade de capacidades físicas básicas e expresión corporal axudounos moito neste comezo de curso, no que o alumnado puido gozar do baile como medio de actividade física e, ao mesmo tempo, do traballo creativo na súa composición. Foi o alumnado quen creou a coreografía do vídeo do noso cole para a celebración do 25 N.

Neste tipo de actividades expresivas e respectando as normas covid-19, elaboramos uns listóns (4 por alumno/a) que nos permitiron delimitar os nosos espazos e incluso por grupos crear diferentes composicións.

A unidade 6 (capacidades físicas básicas) foi a protagonista do noso segundo trimestre deste curso para vivenciar actividades relacionadas coa forza, a velocidade, a resistencia e a flexibilidade. Ao meso tempo, a través do paquete EdiLim relacionado con este e o que fai referencia especificamente á flexibilidade, queríase  conseguir que o alumnado puidese relacionar a práctica co contido teórico axeitado á súa idade.

Imaxe relacionada con actividade EdiLim de relacionar

 

Metodoloxía 

En canto á metodoloxía de aplicación, esta será tan variada e mutable como o profesor de EF queira.

Algunhas das suxestións metodolóxicas son as seguintes:

Contido teórico: todas as propostas teóricas das actividades, así como as súas realizacións, non fan máis que fortalecer ou mellorar os coñecementos adquiridos nas clases prácticas. 

Secuencia das UDI: a disposición temporal das UDI dentro da programación queda aberta á proposta particular de cada mestre e ao momento do curso onde considere máis idóneo levala a cabo.

Obxectos dixitais: pola propia natureza dos ODE, estes deben posibilitar a súa posta en práctica de xeito independente. Isto pode ser empregado polo profesorado para poder reforzar traballos anteriores de xeito xeral no grupo, ou mesmo no ámbito individual para utilizar como reforzo ou apoio nalgún alumno en particular.

Combinación de estilos diferentes de ensino: en EF, xa na práctica, son varios e diversos os estilos de ensino que se levan a cabo e que teñen unha tendencia directiva ou non directiva, pero que buscan en todo momento a maior eficiencia. Esta mesma liña é a que seguen as tarefas que marquemos neste traballo, que se inclinarán por estilos diferentes (resolución de problemas, descubrimento guiado, deseño do alumno, autoensino, estilo para o alumnado iniciado…).

 

Conclusión 

En definitiva, con este proxecto tratamos de darlle máis calidade a unha materia maiormente práctica, onde o xogo non é só utilizado como un fin en si mesmo, senón como un medio de aprendizaxe doutros obxectivos.

Esta nova perspectiva da materia de Educación Física permitiranos atender e potenciar diferentes aspectos moi relevantes do currículo e do ensino en xeral:

Inclusividade: este proxecto non só leva a cabo actividades pensadas para alumnado con necesidades educativas especiais (NEE), senón que parte dunha liña de traballo totalmente inclusiva, onde por moitas causas debemos ter en conta os ritmos de aprendizaxe, as experiencias previas etc. de todo o noso alumnado. Para isto céntrase nun principio cada vez máis básico en educación, que non é outro que o principio de progresión, onde as tarefas levan unha progresión na súa complexidade e que fai que o alumno mellore a aprendizaxe a través dos seus propios resultados ou en casos de achega do seu grupo ou ao seu grupo.

Traballo cooperativo: xa desde a aula de EF os agrupamentos e as dinamizacións de grupo están en constante actividade. Nas tarefas presentadas inténtase seguir fomentando o traballo en grupo para certas actividades onde o alumnado debe asumir roles diferentes que darán achegas ao seu conxunto de traballo.

TIC: coa presentación desde tipo de actividades conseguimos varios avances no campo dixital: por un lado, a súa utilización como ferramenta para adquirir novas aprendizaxes e, por outro, xustificar esta dentro do desenvolvemento no noso currículo.

Aprender facendo: non se trata nada máis que de combinar todo o anterior e conseguir construír coñecementos, compartilos cos demais, experimentalos e utilizar os erros para analizalos e darlle outras solucións.

Exemplo práctico: podemos traballar coa visualización previa de situacións reais e proceder posteriormente cun modelo de clase invertida ou traballar dinámicas prácticas en contextos reais onde o alumnado por grupos e con gravacións un dispositivo móbil, poida, por exemplo, no caso do tema de primeiros auxilios, realizar algún simulacro de resposta a un accidente ou ben elaborar un vídeo representando algunha lesión para que outro grupo poida darlle unha solución e resolver o problema.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

 

Blázquez, D. (1995). La iniciación deportiva y el deporte escolar. Barcelona: Ed. Inde.

Blázquez, D. (2009). Enseñar por competencias en EF. Barcelona: Ed. Inde.

Blázquez, D. (2013). Iniciación a los deportes de equipo. Barcelona: Ed. Inde.

Campos, J. M. (2006). O noso patio en xogo. 2.º Premio Innovación Educativa 2006 - Modalidade A. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Recuperado de https://sites.google.com/site/dporjais/opatioenxogo2

Campos, J. M. (2008b). O recreo: unha parte máis do proceso formativo – educativo dos nosos nenos. Saudiña. Revista do Plan Valora, 14, pp.114-118.

Castañer, M. e Camerino, O. (1993). La EF en la enseñanza primaria. Barcelona: Ed. Inde.

Castañer, M. e Trigo, E. (1995). Globalidad e interdisciplinariedad en la enseñanza primaria. Barcelona: Ed. Inde.

Cortizas, A. (2001). Chirlosmirlos. Enciclopedia dos xogos populares. Vigo: Ed. Xerais.

Hernández, J. (1994). Análisis de las estructuras del juego deportivo. Barcelona: Ed. Inde.

Mosston, M. e Asworth, S. (1996): La enseñanza de la EF. Barcelona: Ed. Hispano Europea.

Target, Ch. e Cathelineau, J. (2002). Cómo se enseñan los deportes. Barcelona: Ed. Inde.

Viciana, J. (2002). Planificar en educación física. Barcelona: Ed.Inde.