FONOTIC

Atención á diversidade
FONOTIC é un unha ferramenta interactiva para dispositivos dixitais que permite traballar os aspectos fundamentais da linguaxe oral e a súa expresión física: a fala. Unha actividade pensada para a atención á diversidade.

Javier Prado Espiñeira
Especialista en Audición e Linguaxe
CEIP San Benito de Lérez (Pontevedra)
javier.prado@edu.xunta.gal

 

Descrición da actividade e obxectivos

FONOTIC son un conxunto de actividades interactivas para dispositivos dixitais que permiten traballar os aspectos fundamentais da linguaxe oral e a súa expresión física: a fala.

O seu obxectivo principal é o traballo das tres dimensións da linguaxe (forma, contido e uso) e os seus compoñentes (fonético, fonolóxico, morfosintáctico, semántico e pragmático).

Pola súa vez, estas actividades queren acadar dúas finalidades:

  • Servir de ferramenta de uso cotián para o traballo de intervención na aula do especialista de Audición e Linguaxe ou de Pedagoxía Terapéutica.
  • Que se empregue como ferramenta de apoio da avaliación das necesidades que o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo pode presentar.

Ao centrarse na linguaxe e as súas tres dimensións principais, que supoñen a adquisición da linguaxe oral, da linguaxe escrita e da correcta aprendizaxe e desenvolvemento do proceso lectoescritor, podemos falar da transversalidade máis total dos contidos deste proxecto, xa que se trata de aprendizaxes básicas e constantes ao longo das etapas de escolarización do alumnado.

 

Contextualización

O uso desta ferramenta está indicado principalmente para os cursos de educación infantil, así como para o primeiro e segundo de educación primaria.

Aínda que se pode executar en diversos dispositivos, está dirixido principalmente ao emprego nun EDI (encerado dixital interactivo), xa que as diversas actividades están pensadas para interactuar de xeito táctil.

 

Metodoloxía

En canto á metodoloxía, a ferramenta FONOTIC baséase nunha metodoloxía comunicativa aberta e lúdica, na que se lle dá prioridade á realización dunha aprendizaxe mediante o xogo e a interacción con dispositivos dixitais

O traballo poderá levarse a cabo de xeito grupal nunha aula ordinaria ou de forma individual nas aulas de PT ou de AL.

Séguese unha liña moderna da psicoloxía e da neurociencia baseada na plasticidade cerebral e a idea de que a aprendizaxe se produce cando o noso cerebro está estimulado. No caso do alumnado de infantil e primaria, isto ocorre principalmente durante actividades relacionadas co xogo.

 

Estrutura da ferramenta

O menú da ferramenta está composto por tres opcións fundamentais, tal e como se pode observar na imaxe:

 

Os nomes correspóndese con cada unha das dimensións da linguaxe:

  • Dándolle forma á lingua (forma)
  • A caixa das palabras (contido)
  • Falando entre nós (uso)

Dentro de cada un destes menús, atopamos as distintas actividades, cun título orientativo correspondente. Vexamos cada un deles:

 

Por último, dentro de cada unha das actividades, teremos un menú inferior de navegación, que nos permitirá facer diversas actividades referidas ao tema proposto. Vexamos o caso da actividade referida á discriminación de palabras con r suave e r forte.

 

Tal e como vemos na imaxe, a actividade está composta por un título e unha pequena explicación para que lea o docente. Conta, ademais, cunha opción de activar ou desactivar o son, un botón de reiniciar a actividade e outro para volver ao menú anterior. Por último, se existen varias actividades sobre o mesmo tema, aparecerá o menú de navegación inferior composto por dous lapis, un para avanzar e outro para retroceder, así como unha numeración de páxina.

As actividades están dispostas cunha tipografía escolar e cun tamaño axeitado para ser visto con claridade nun dispositivo pequeno, como unha tableta. Ademais, inclúense nel unha serie de gráficos modernos, coloridos e atractivos.

 

Tipos de actividades

En toda a ferramenta pódense atopar unha serie de actividades tipo de manexo doado e intuitivo para o noso alumnado. Ademais, estas actividades dispoñen en todo momento de son: en ocasións trátase do feedback positivo ou negativo e a interacción cos botóns e noutras é un audio específico, necesario para o desenvolvemento da actividade. Así podemos escoitar os distintos vocábulos que vemos no exercicio, oracións completas ou ben diálogos situacionais. Tendo en conta isto, a ferramenta require de altofalantes ou auriculares para o seu correcto uso.

Vexamos os distintos tipos de actividades:

  • Selección con frechas: neste caso deberemos activar previamente a frecha para despois seleccionar a diana correspondente. Esta actividade adoita ir acompañada dun audio que axuda na identificación da selección.
  • Arrastre: este tipo de exercicio lévase a cabo premendo nunha das opcións e arrastrándoa a cada unha das caixas baleiras. En caso de responder correctamente, escoitarase un son positivo e o elemento quedará prendido; pola contra, se nos equivocamos, escoitaremos un son negativo e o elemento volverá ao seu punto de orixe.

 

  • Selección simple: é o modelo de exercicio máis sinxelo, simplemente premeremos na opción que consideremos correcta.
  • Completar con arrastre: diferénciase coa da actividade de arrastre en que aquí os elementos só se poden arrastrar unha única vez.

 

  • Tarxetas memory: a actividade consiste en voltear tarxetas e facer as parellas correspondentes, axudándose da memoria e das posibles relacións entre os elementos.

 

  • Sopa de letras: deberemos atopar as palabras ás que se fai referencia no exercicio entre un montón de letras que non forman palabras. Normalmente a asociación é da imaxe ou son coa palabra.
  • Ordenar: teremos que ser quen de, ben por arrastre ou ben por selección, poñer de xeito ordenado unha secuencia temporal.

 

Avaliación

A ferramenta é de tipo autoavaliativo, de xeito que o alumnado recibe un feedback inmediato de se o completou correctamente ou non no momento en que está facendo a actividade. Isto permítelle de decatarse do erro e corrixilo no mesmo momento, de modo que se afianza a súa aprendizaxe.

Ademais, mediante a observación directa, podemos avaliar onde se atopan as maiores necesidades e incidir posteriormente nelas.

 

Consideracións finais 

Da posta en práctica da ferramenta na aula de Audición e Linguaxe extráese que os exercicios, ademais de ser un bo xeito de traballo específico das distintas dimensións da linguaxe, permiten unha complementariedade co traballo ordinario na aula de Audición e Linguaxe.

Ao longo dun curso, empregouse como guía principal da sesión de traballo da aula de Audición e Linguaxe e provocou un interese maior á hora de afrontar o resto do traballo; en ocasións usouse como reforzo positivo despois de facer outras actividades. En ambos os casos, o interese por completar as actividades e facer os exercicios por parte do alumnado sempre foi positivo.

Tamén se mostrou como unha boa ferramenta para o traballo de reforzo desde a casa, demandada polo propio alumnado, en parte polo seu atractivo gráfico, así como pola variedade e dinamismo dos distintos tipos de actividades.

Atendendo á realidade que existe hoxe en día nas nosas aulas, debemos rexernos sempre polo principio de atención á diversidade, un conxunto de medidas que ten como finalidade a resposta educativa ás diferentes necesidades, ritmos e estilos de aprendizaxe, motivacións, intereses e situacións socioculturais de todo o alumnado. Non cabe dúbida de que ferramentas deste tipo, intuitivas, dinámicas, cun deseño atractivo e destinadas ao traballo da linguaxe oral, tamén en galego, son máis necesarias ca nunca.

https://www.edu.xunta.gal/espazoAbalar/espazo/repositorio/cont/fonotic