Os ciclos formativos de Imaxe e Son de formación profesional de grao superior en Galicia

Os ciclos formativos de Imaxe e Son de formación profesional de grao superior en Galicia: que opina o seu profesorado?

Resultados da investigación cualitativa para analizar a valoración que o profesorado que imparte estas ensinanzas fai da formación permanente do profesorado.
M.ª Dolores Fernández Tilve
Antía Figueiras Carballo
Universidade de Santiago de Compostela

1. Marco da investigación: desde onde?

Se por algo podemos caracterizar o incipiente século XXI é polas continuas e vertixinosas transformacións no eido económico, tecnolóxico, político e social, vinculadas a unha sociedade globalizada e acompañadas dunha evolución permanente da maior parte dos sectores industriais.

É preciso, polo tanto, entender a Galicia non como un escenario illado, senón como un territorio inmerso nun escenario mundial globalizado, onde a nosa economía debe competir coa nacional, coa doutros países da Unión Europea e mesmo cos mercados dos Estados Unidos e Asia, o que implica unha intervención a grande escala desde a política e as organizacións que vertebran a sociedade (Carnota Caneiro, 2009).

Neste marco, a educación, considerada na sociedade actual do noso contorno como a maior riqueza e o principal recurso dun territorio, enfróntase a un gran reto: ser quen de responder ás cambiantes necesidades e demandas que xorden das persoas e dos grupos sociais.

Cabe sinalar que a formación profesional, dentro do sistema educativo, se consolidou, neste sentido, nas sociedades modernas, como un instrumento clave para avanzar cara a un novo modelo de crecemento económico, sostible e diversificado, que camiña de cara ao obxectivo de promover unha oferta formativa de calidade, actualizada e adecuada aos distintos destinatarios, de acordo coas necesidades de cualificación do mercado laboral e coas expectativas persoais de promoción persoal, como ben se indica na Lei orgánica 5/2002 das cualificacións e da formación profesional (BOE do 20 de xuño de 2002). A formación profesional será, polo tanto, un elemento fundamental que permita facer efectiva a actualización constante dos profesionais ante a actual evolución acelerada da maior parte dos sectores industriais.

Isto non sería posible sen unha axeitada formación do profesorado que imparte estas ensinanzas, factor fundamental no camiño de cara ao logro dun sistema educativo moderno, caracterizado pola permanente renovación e capaz de adaptarse ás necesidades e demandas da sociedade do coñecemento.

Se a formación permanente do profesorado, en xeral, se converte nun eixe fundamental na formación profesional, máis aínda o é nunha industria como o sector audiovisual, na que o cambio tecnolóxico é constante, motivado pola introdución das tecnoloxías dixitais nun ámbito ata o de agora analóxico e os continuos avances informáticos. As empresas de comunicación deben actualizarse permanentemente, conscientes da importancia da tecnoloxía no proceso competitivo dos medios audiovisuais. A realidade caduca das novas tecnoloxías esíxelle á empresa unha reciclaxe continua que é, pola súa vez, causa dunha evolución constante (Lavine e Wackman, 1992). Pero a reciclaxe non é só exclusiva da empresa, senón que os profesionais dos medios de comunicación deben facerlle fronte ao cambio dos seus útiles de traballo, polo que hoxe en día a formación tecnolóxica e a polivalencia constitúen os aspectos máis valorados dos profesionais da industria audiovisual.

Conscientes desta realidade, iniciamos unha investigación que nos permitise aproximarnos ao coñecemento das continxencias dos ciclos formativos de Imaxe e Son no contexto galego e, en especial, á formación en exercicio do seu profesorado no marco da nosa comunidade autónoma, co obxecto último de tratar de dilucidar a súa adecuación a un sistema educativo moderno e capaz de renovarse paliando as necesidades e demandas cambiantes do sector audiovisual.

2. Obxectivos do estudo: cara a onde?

Neste estudo perseguimos, fundamentalmente, describir as características dos ciclos formativos de Imaxe e Son no marco da formación profesional de grao superior en Galicia. Máis especificamente, buscamos dar resposta a obxectivos tales como:

  • Examinar as características xerais, singularidades e principais nós problemáticos dos ciclos formativos de Imaxe e Son impartidos na Comunidade Autónoma de Galicia. Revisaranse criticamente os significados atribuídos polas diferentes instancias que participan na formación profesional.
  • Valorar o posible crecemento de demanda dos ciclos formativos de Imaxe e Son no contexto galego nos últimos cinco anos.
  • Estimar a posible vinculación dos ciclos formativos de Imaxe e Son coas necesidades do mercado laboral e o mundo produtivo.
  • Analizar o grao de formación competencial (saber, saber facer, saber ser/estar) do profesorado en exercicio que imparte ensinanzas nos ciclos formativos de Imaxe e Son en Galicia, enmarcados na familia profesional de Comunicación, Imaxe e Son.
  • Formular novas accións formativas encamiñadas a mellorar a propia formación do profesorado en exercicio que desenvolve a actividade docente nos ciclos formativos de Imaxe e Son da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Metodoloxía de traballo: como nos organizamos?

Para lles dar resposta aos obxectivos de investigación propostos, seguimos unha metodoloxía de corte cualitativo, empregando como procedementos de recollida de información a análise documental e a entrevista.

A análise documental permitiunos afondar no coñecemento dos trazos constitutivos e peculiaridades da formación profesional e, máis especificamente, no ámbito dos ciclos formativos da familia profesional de Comunicación, Imaxe e Son. Doutra banda, posibilitounos, así mesmo, achegarnos ao coñecemento da formación en exercicio do seu profesorado, examinando os modelos, modalidades e redes de apoio presentes na nosa comunidade autónoma e así penetrar nas singularidades e trazos característicos da formación en exercicio do profesorado de formación profesional dos ciclos formativos da familia de Comunicación, Imaxe e Son-

A entrevista constituíu un interesante instrumento cualitativo que nos permitiu triangular e complementar a información recadada a partir da análise documental. Optamos pola realización dunha entrevista semiestruturada, en profundidade e grupal. Semiestruturada, por contar cunha guía máis flexible que lle permitise ao entrevistador alterar sobre a marcha as cuestións en función das respostas recibidas. En profundidade, para permitirnos obter unha visión máis profunda do noso problema de investigación. E grupal, pola enorme riqueza que supón o xogo e cruzamento de perspectivas dos informantes.

Decidimos enmarcarnos nun estudo dun caso e centrámonos na Escola de Imaxe e Son da Coruña, por considerala a máis representativa no eido galego, pois foi a escola pioneira do audiovisual en Galicia e conta na actualidade coa maior oferta educativa pública da familia profesional de Comunicación, Imaxe e Son de Galicia, integrando a totalidade dos ciclos formativos de grao superior da citada familia profesional (Temos que sinalar, en todo caso, que nos centramos na oferta educativa de formación profesional en centros sostidos con fondos públicos polo réxime ordinario en Galicia). Traballamos cunha mostra deliberada e intencional, composta por profesorado de formación profesional en activo da familia profesional de Comunicación, Imaxe e Son. Estes informantes clave, profesionais cun especial valor como fontes de información, foron seleccionados en función duns criterios específicos: a súa capacidade de reflexión crítica, os seus itinerarios profesionais e formativos, a súa experiencia docente e o seu interese e dispoñibilidade para participar na investigación.

Cruzando os resultados extraídos das distintas fases de investigación, análise documental e entrevista, corroboramos como ambas as técnicas de recollida de datos nos proporcionaron información de gran valor e interese para a investigación.

Algúns dos achados obtidos

Primeiramente cabe sinalar que o noso estudo nos posibilitou establecer unha radiografía completa da industria audiovisual en Galicia (peculiaridades e trazos característicos, a súa incidencia no sistema educativo, características das ensinanzas da familia profesional de Comunicación, Imaxe e Son, continxencias do profesorado no marco da formación permanente etc.). A continuación, presentaremos aqueles achados máis relevantes.

En primeiro lugar, debemos sinalar que o sector audiovisual, no marco das TIC, é un eixe fundamental da sociedade do coñecemento, considerado pola propia Xunta de Galicia como un sector puxante na economía galega. Non obstante, o actual contexto de crise económica orixinou unha redución importante das axudas ás industrias culturais, polo que os niveis de crecemento desta industria en Galicia, nos últimos anos, son negativos; así mesmo, a taxa de ocupabilidade dos profesionais do sector, como podemos observar na figura 1, é baixa.

Figura 1. Datos de ocupabilidade laboral dos fotógrafos e operadores de equipos de gravación de Imaxe e Son nos últimos 5 anos en Galicia.

Fonte: datos facilitados polo Instituto Galego das Cualificacións (2011).

Paradoxalmente e malia este dato, a demanda destas ensinanzas continúa sendo unha das máis altas das familias de formación profesional, o que conduce inevitablemente a unha indesexable relación entre o sistema educativo e laboral no noso contorno. Puidemos constatar, neste sentido, que a demanda das ensinanzas de formación profesional da familia de Comunicación, Imaxe e Son se atopa en crecemento constante na maior parte dos seus ciclos formativos (véxase a figura 2).

No caso da Escola de Imaxe e Son da Coruña, pioneira no noso contorno, representativa e que goza do maior recoñecemento institucional e social, o crecemento é moito maior tanto no réxime modular coma no réxime ordinario, chegando a acadarse unha ratio duns 300 alumnos preinscritos por cada praza.

Figura 2. Prazas e alumnado matriculado no primeiro curso dos ciclos formativos de FP da familia de Comunicación, Imaxe e Son en centros públicos ata o 31 de outubro de cada ano en Galicia.


Fonte: datos facilitados pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia (2011).

A alta demanda formativa orixinou a aparición de numerosas escolas e iniciativas –de carácter público, concertado e privado– de formación audiovisual nos últimos anos, que están a absorber o alumnado que non pode acadar praza na Escola de Imaxe e Son da Coruña. Este feito provocou unha sobreoferta formativa e unha importante bolsa de alumnado graduado, pendente de ser inserido no mercado laboral, pois a industria audiovisual galega non é quen de absorbelo na actual situación económica e social.

Doutra banda, temos que facer referencia á necesidade de reciclaxe dos sistemas formativos que preparan os profesionais, especialistas e polivalentes, dunha industria en constante evolución tecnolóxica. Neste sentido, a transformación do analóxico ao dixital e multimedia condicionou cambios tanto nas infraestruturas da industria audiovisual coma nas ferramentas de traballo e nos modos de operar, o que supuxo unha actualización constante dos seus profesionais.

Esta necesidade de reciclaxe das cualificacións profesionais e, polo tanto, dos currículos formativos dos ciclos da familia profesional de Comunicación, Imaxe e Son, supuxo, ao tempo, a constante aparición de lagoas formativas en determinados ámbitos (véxase a figura 3) e incluso o xurdimento de novos campos profesionais, moi amplos, onde se constata unha ausencia de formación na nosa comunidade autónoma, como é o campo multimedia ou dos videoxogos.

A celeridade nas transformacións da industria audiovisual tamén supuxo, en simultáneo, que determinados campos profesionais vaian quedando obsoletos. É o caso, por exemplo, do ciclo de formación profesional de grao medio de Laboratorio de Imaxe. Neste caso, a dixitalización dos procesos no mercado de traballo condicionou, substantivamente, a formación ofertada. Isto explica, polo tanto, que a saída laboral dos profesionais formados neste campo sexa, na actualidade, máis ben escasa, cando non case nula, feito que contribúe a diminuír a taxa de ocupabilidade da familia profesional de Comunicación, Imaxe e Son.

Figura 3. Lagoas formativas atopadas nos profesionais do sector audiovisual

Fonte: adaptado da Xunta de Galicia (2002).

Se con anterioridade falabamos da sobreoferta de profesionais cun certo perfil, non podemos deixar de sinalar tamén as interferencias curriculares que ocasionan posteriormente solapamentos entre os distintos perfís do sector (formación profesional, ensino superior, escolas privadas etc.). Non obstante, debemos ter en conta que este non é un problema exclusivo da formación profesional, senón que se estende a outros ámbitos educativos, como é o caso da formación universitaria. Este solapamento curricular pode, como advirte Fandiño (2005), xerar competencias profesionais obsoletas e desvinculadas do mundo produtivo e, incluso, áreas formativas deficitarias.

Constátase, entón, en Galicia, un certo solapamento profesional entre os titulados dos distintos sistemas formativos que abarcan o sector audiovisual: ciclos de formación profesional de Imaxe e Son, licenciaturas en Comunicación Audiovisual, Publicidade, Xornalismo, enxeñerías de telecomunicacións, escolas de cine etc. Neste sentido, Cordero (2005) apunta que se tende a mesturar perigosamente todos os perfís profesionais, sen ter claro cales son as competencias específicas deles. Parece que o parcelamento da formación audiovisual non atende adecuadamente aos perfís profesionais, así como non existe unha relación directa e proporcional entre a demanda e a oferta. En todos os casos, como di o propio autor, se dan “ausencias significativas nos programas educativos e presenzas de contidos que pertencen con máis dereito a uns ca a outros”(13).

Isto contribúe ao feito de que, malia atoparmos na actualidade un mercado saturado de profesionais en ámbitos específicos da profesión audiovisual en Galicia, curiosamente, existe unha carencia de profesionais cualificados noutros espazos da cadea creativa e produtiva.

Unha das dificultades ás que se enfronta o profesorado dos ciclos de formación profesional da familia de Comunicación, Imaxe e Son é a actual organización do currículo por parte da Administración educativa. Estruturar o currículo por especialidades ou ámbitos de coñecemento (produción, realización, son, imaxe, iluminación etc.) nunha familia profesional ampla e complexa fragmenta o profesorado: profesorado técnico e profesorado de educación secundaria, herdanza dos antigos mestres de taller, e profesores de tecnoloxía; división obsoleta na actualidade, pois a súa función é moi similar (Sarceda, 2002). Isto comporta que os docentes, malia gozaren da formación competencial necesaria para a súa actividade profesional (saber, saber facer, saber ser/estar), adoezan de falta de especialización, pois optan á docencia non só dun determinado ámbito do sector audiovisual senón a multitude de saberes propios de distintas áreas de coñecemento. Esta falta de especialización do profesorado na totalidade dos módulos supón, necesariamente, unha falta de especialización do alumnado.

Ante esta situación e conscientes do papel que xoga, neste contexto (de vertixinosa evolución da industria, que implica a necesidade de reciclaxe permanente e falta de especialización do profesorado) a formación en exercicio como instrumento para paliar as necesidades formativas dos docentes dos ciclos de formación profesional de Comunicación, Imaxe e Son na Comunidade Autónoma de Galicia, quixemos coñecer as continxencias e peculiaridades desta etapa de formación. Neste sentido, debemos destacar o feito de que os suxeitos da investigación, os nosos informantes, coñecen o conxunto das modalidades de formación existentes no ámbito da formación permanente (cursos, congresos, grupos de traballo, xornadas, seminarios permanentes etc.) e participan activamente nelas desde o seu centro de traballo. Doutra banda, constatamos positivamente que, ademais, desde a coordinación de formación do centro, se avalían anualmente as necesidades formativas do profesorado ao inicio do curso, para así organizar diversas actividades de formación.

Manifestouse, así mesmo, a vontade intrínseca do profesorado da Escola de Imaxe e Son da Coruña á hora de acudir ás actividades de formación. Neste caso, os motivos responden, máis ben, á necesidade de paliar lagoas formativas reais e sentidas e non á consecución dos actuais incentivos profesionais (sexenios, por exemplo) que, contundentemente, rexeitan, pois cren que perverten a formación permanente do profesorado. Neste ámbito, propoñen alternativas específicas como, por exemplo, incluír os tempos de formación dentro da carga lectiva ou darlles prioridade aos docentes na escolla de determinados módulos na área de coñecemento para a que foron formados. Constátase, así mesmo, coincidindo co estudo de Fernández Tilve (2006), a necesidade de establecer maior cotas de esixencia nos procesos de avaliación das actividades formativas e así garantir o seu aproveitamento e posterior traslado á realidade das aulas.

Para o centro educativo, unha das modalidades formativas que máis contribúe ao desenvolvemento profesional do seu profesorado e á aprendizaxe do alumnado son as prácticas en empresas, algo que xa puidemos constatar noutro lugar (Fernández Tilve, 2006), pois permiten unha reciclaxe inmediata desde o propio mercado laboral. Particularmente, a modalidade que máis contribúe ao desenvolvemento institucional son as prácticas intercentros, que se organizan periodicamente desde a propia escola.

En termos xerais, os suxeitos da investigación valoran positivamente as instancias que promoven a formación permanente do profesorado (cefore, sindicatos, asociacións profesionais…). Non obstante, obsérvase, ao igual que Sarceda (2002), que a oferta formativa non acaba de axustarse ás necesidades sentidas do profesorado. Os docentes entrevistados manifestaron, neste sentido, que a formación ofertada é demasiado xeneralizada e non responde a necesidades formativas específicas do sector audiovisual. Para paliar esta situación, reclaman a descentralización da formación, dotando así o centro educativo de autonomía e poñendo á súa disposición os recursos económicos que fagan viable a organización e xestión da formación, partindo sempre das necesidades específicas deste e do sector. De feito, o propio centro educativo, xa tomou unha iniciativa nesta dirección. É dicir, para paliar este tipo de necesidades de formación, dedica unha parte do presuposto do centro a dotar de axudas económicas a aquel profesorado que requira unha formación específica e que non poida conseguir mediante as actividades formativas organizadas e propostas pola Administración educativa ou cefore.

4. Achegas e propostas de futuro

Queremos pechar cunhas achegas e propostas de futuro que, cremos, poden axudar a paliar algunhas das problemáticas formuladas máis arriba ou, polo menos, a reflexionar de maneira crítica sobre estas:

  • Regular a oferta formativa tendo en conta as necesidades do mercado laboral, evitando a sobreoferta en determinados perfís profesionais (laboratorio de imaxe, produción etc.) e cubrindo os baleiros de formación de profesionais nos novos ámbitos que a industria require (videoxogos, multimedia...).
  • Coordinar os diferentes sistemas formativos no ámbito audiovisual, para evitar solapamentos e interferencias curriculares, establecendo desde, unha visión integral, currículos formativos que presenten competencias profesionais claras e específicas e conducindo a cada profesional, nun marco global e polivalente, cara á especialización nun determinado ámbito profesional.
  • Suprimir as actuais especialidades para acceder ao corpo de profesorado (profesorado técnico e profesorado de educación secundaria) e igualar os requisitos de acceso (formación específica e pedagóxica).
  • Establecer a especialización do profesorado en función das diversas áreas de coñecemento audiovisual (Imaxe, Son etc.).
  • Descentralizar a formación permanente do profesorado, posibilitando a xestión da formación desde o propio lugar de traballo, acompañada dos recursos económicos necesarios que a fagan viable.
  • Revisar as actuais condicións da formación permanente (incentivos profesionais, tempos de formación...).
  • Facilitar que o profesorado transite polo mundo produtivo, vaia e veña, para a súa reciclaxe profesional e para unha formación máis acorde coas necesidades inmediatas da industria audiovisual.


Bibliografía: 
  •  
  • CARNOTA CANEIRO, M. (2009). Relación e interrelación dos subsistemas de formación profesional en Galicia. En  RIAL A. e  LORENZO M. (Coords.): A formación para o traballo en Galicia: da ensinanza obreira á profesional (pp. 171-203). Santiago de Compostela, Xunta de Galicia.
  • CORDERO, A. (2005). "Que cousa vén sendo por acó comunicador audiovisual e onde se aprende? Reflexións arredor do desenvolvemento da formación de Comunicación Audiovisual". Estudios de Comunicación (3-4), pp. 11-21.
  • FANDIÑO, X. (2005): "Ingreso e especialización universitaria nos estudos de comunicación audiovisual". Estudios de Comunicación, (3-4), pp. 23-31.
  • FERNÁNDEZ TILVE, M. D. (2006). Modalidades de formación y desarrollo profesional docente: un estudio evaluativo en Galicia. Sanxenxo, Concello de Sanxenxo.
  • LAVINE, J. e WACKMAN, D. (1992). Gestión de empresas informativas. Madrid, Ediciones Rialp.
  • Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional (BOE do 20 de xuño, 147, pp. 22437-22442).
  • SARCEDA, M. C. (2002). Análisis de las necesidades formativas del profesorado de formación profesional en Galicia. Tese de doutoramento, Universidade de Santiago de Compostela.
  • Xunta de Galicia (2002): Estudo das necesidades formativas no sector audiovisual en Galicia. Santiago de Compostela, Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.
     
Sección: