A nosa música: achegándonos á tradición

Ao longo das once leccións do recurso dixital "A nosa música" faise un percorrido pola definición, tipoloxía e aspectos máis característicos e distintivos da música tradicional galega, os seus instrumentos, baile e danzas. Cada tema consta dunha introdución, o desenvolvemento do tema, unha infografía, unha partitura e uns exercicios de repaso.

Ignacio Portela Gómez-Macías, profesor de Música
CPI Viaño Pequeno (Trazo-A Coruña)
iportela@edu.xunta.es

Contextualización

Nun tempo e nun país cada día máis urbano, os cambios xeracionais, os medios de comunicación e a globalización impoñen un xeito novo de vida de costas ao noso rico patrimonio cultural, que debemos poñer en valor desde a escola.

Xa hai material dixital educativo de moito interese sobre música galega. Por exemplo, para unha ollada ampla desde a Idade Media ata a actualidade, contamos con  Un paseo pola música de Galicia; a organoloxía abórdase en páxinas como Instrumentos galegos e Instrumentos galegos na tradición galega, mentres o Arquivo do patrimonio oral da identidade se centra no repertorio vocal tradicional. Pero moita outra información en formato físico dificilmente chega ás aulas.

Daquela, decidimos crear A nosa música, un recurso dixital sobre a música, os instrumentos, as danzas e o baile galegos. Estas formas de expresión atopan sentido ao vinculalas coas manifestacións culturais que as orixinaron, como as festas, o ciclo da vida ou o ciclo anual labrego.
 
O recurso componse de once ODE (obxectos dixitais educativos) que expoñen os contidos dun xeito simplificado e estruturado para lle facilitar a comprensión ao alumnado.

Obxectivos

  • Utilizar de forma autónoma unha fonte de información TIC para o coñecemento e posta en valor da riqueza da música tradicional de Galicia.
  • Recoñecer as características de diferentes obras musicais como exemplos da creación artística e do patrimonio cultural.
  • Examinar as súas intencións e funcións e aplicar a terminoloxía apropiada para describilas e valoralas criticamente.
  • Informarse da ampla variedade da música tradicional galega.
  • Apreciar o seu valor como fonte de coñecemento, enriquecemento intercultural e pracer persoal, e interesarse por ampliar e diversificar as propias preferencias musicais.
  • Utilizar a voz, o corpo, obxectos, instrumentos da aula de música e desenvolver e aplicar diversas habilidades e técnicas que posibiliten a interpretación (vocal, instrumental e de movemento e danza) e a creación musical, tanto individuais coma en grupo.
  • Comprender e valorar as relacións entre a linguaxe musical e outras linguaxes e ámbitos de coñecemento.

 

Recursos empregados

Para a elaboración do proxecto empregamos estas ferramentas:

eXeLearning

LIM

Atube Catcher

Audacity

Peggo.tv

Canva

Online Converter

Facebook

Editor Youtube

Noteflight

 

Descrición da actividade

O proxecto consta de once ODE, para os cales propoñemos esta orde:
1. Que é a música tradicional?
Definimos as súas características, diferenciándoa da música folclórica, popular, música folk ou músicas do mundo. Repasamos os cancioneiros e a conexión cos coros galegos, as bandas de música e a melodía galega.

2. Os instrumentos
Faise un repaso dos principais instrumentos idiófonos, membranófonos, cordófonos e aerófonos.

3. O ciclo da vida: arrolos e regueifas
Abordamos a música que nos acompaña nas diferentes etapas vitais, reparando na música infantil  e na regueifa.

4. O Nadal
Preséntase a rica tradición galega relacionada con esta época.

5. Cantos de traballo
Diferenciamos os cantos de ritmo libre e os cantos de ritmo fixo.

6. Danzas
Cómpre distinguirmos o termo «baile» do de «danza». Ademais, revísanse as danzas brancas da nosa tradición.

7. O baile solto I: a muiñeira
Presentamos o noso ritmo máis definitorio, indicando variantes polo territorio e a súa clasificación, intentando aclarala.

8. O baile solto II: a xota
Incluímos neste ritmo ternario da tradición ibérica os bailes dalgunhas zonas, como son o pateado, o vira ou o maneo.

9. Os bailes agarrados
Clasifícanse algúns ritmos novos procedentes doutras culturas que a música galega asimilou e integrou.

10. Romances e cantos de cego
A tradición medieval dos cantares de xesta e do romanceiro ten a súa continuidade nos cantos narrativos novos.  

11. Agora... a bailar!
Serve como introdución xeral para entender o baile tradicional e a súa relación coa música, instrumental ou vocal.

Esta é a estrutura dos capítulos:

I) Introdución: empézase cunha copla tradicional e/ou unha fotografía antiga alusiva, seguidas dunhas preguntas e comentarios para que o alumnado vaia focalizando a súa atención, reflexione e amose inquietude por aprender.  

II) Que é?: continuamos coa explicación do tema abordado, presentando os datos dun xeito claro e cos conceptos destacados en letra grosa. En certos ODE foi preciso dividir a información en subpáxinas (Que é? I, II, III). Compleméntanse varios capítulos con audios e vídeos ilustrativos ou que resumen algúns aspectos do contido.

III) Dunha ollada: por medio dunha infografía preséntase o tema dun xeito esquemático, lúdico e moi visual.

IV) Dálle marcha!: proponse unha partitura do repertorio tradicional adaptado para voz e/ou frauta ou outro instrumento Orff.  En varios ODE inclúese un arquivo de son sinxelo.

V) Canto sei!: trátase de actividades que avalían o aprendido, presentadas en formato LIM.

Os capítulos 1, 2 e 11 prescinden do apartado IV. A sección de créditos e a bibliografía do proxecto soamente aparecen no tema final: 11. Agora...a bailar!.

 

Metodoloxía

Malia estar pensado como un proxecto unitario, cada un dos ODE pódese traballar de xeito autónomo.

Na Introdución repararemos na imaxe e no texto que contextualiza os puntos principais ou suxire cuestións para aclarar máis adiante.

Chegamos á información máis concentrada no apartado Que é? Recomendamos ler detidamente o texto antes de acudir aos audios e vídeos e pode ser útil ver e/ou escoitar máis dunha vez o proposto.

Coa partitura de Dálle marcha! traballamos a linguaxe musical e deseguido a práctica vocal e/ou instrumental. Escolléronse temas musicais representativos con interese por seren pouco frecuentes ou que poden resultar atractivos para o alumnado.

 

Cada cartel de Dunha ollada axuda a simplificar a mensaxe, achegando a información esencial dun xeito non só textual, para que  o alumnado asimile os coñecementos con máis facilidade.

Nas actividades LIM do apartado Canto sei! deberanse ir respondendo os exercicios. Estas pretenden afianzar a aprendizaxe do alumnado, que pode ler de novo e repasar aquilo no que errou, e serven tamén para que o profesorado avalíe o proceso de aprendizaxe. Algúns exercicios acompáñanse de audios relacionados.

Dado que sempre se inclúe unha infografía a xeito de resumo, considerouse interesante achegar a actividade Crebacabezas para fixar a atención e a memoria (cando menos visual) do alumnado.

Avaliación

As actividades LIM ofrecen a posibilidade de consultar, en rematándoas, o informe final de avaliación. Así, a persoa usuaria ten a oportunidade de comprobar o resultado obtido en cada unha delas.

Ademais destas actividades, o profesorado, atendendo ao uso dos materiais, ás características e ao interese do alumnado, pode presentar outras tarefas para comprobar o grao de aprendizaxe.

Conclusións

O proxecto inicialmente elaborárase enfocado na materia de libre configuración autonómica para primeiro da ESO de Obradoiro de Música. Unha vez realizado, constatamos que, pola complexidade dalgúns temas, pode empregarse como fonte de información para cursos superiores. Así, atendendo á dificultade das actividades e á práctica musical proposta, pode utilizarse en Música de segundo, terceiro e cuarto da ESO, amais de Educación Artística (Música) en quinto e sexto de primaria e en materias do bacharelato como Linguaxe e Práctica Musical, Análise Musical ou Historia da Música e da Danza.

O recurso axuda a que o alumnado desmonte os seus prexuízos sobre a música tradicional e a que valore o patrimonio que chegou a nós pola súa riqueza, complexidade e variedade. Entender o contexto no que as pezas eran creadas, a súa finalidade e lóxica interna contribúe a que acaden unha visión máis ampla da nosa cultura.

 

 

 

Bibliografía: 

 

  • Alén, M. P. (2009). Historia da música galega. Santiago de Compostela: Andavira.
  • Bará, M. (21 de abril de 2011). Ranchos de Reis e de entroido [Menxase nun blog]. Recuperado de http://patrimoniomusicalgalego.blogspot.com.es/2011/04/ranchos-de-reis-e-de-entroido.html
  • Calvo López, A. (2013). Cancioneiro tradicional galego: instrumentos pobres na escola. (Traballo fin de grao, Universidade de Santiago). Recuperado de http://hdl.handle.net/10347/12889
  • Camafeita Longa, O. M. (2010). Dicionario da música popular en Galicia. Cangas do Morrazo: Morgante.
  • Cancelas, S., Jurado Centeno, J., e Sampil, P. (2013). De roda en roda: Músicas e danzas do mundo. Vigo: Galaxia.
  • Carpintero, P., e Marín Martínez, X. R. (2009). Os instrumentos musicais na tradición galega (1ª ed.). Ourense: Difusora de Letras, Artes e Ideas.
  • Colectivo de recolleita Ruote. (1999). O baile agarrado en Galicia. A Xanela, 7, 23-24.
  • Concello de Cangas. (2013). Danzas ancestrais en Cangas. Recuperado o 19 de agosto de 2017, de http://cangas.gal/danzas_gal.php
  • Consello da Cultura Galega. (6 de xuño de 2012). As escuras danzas brancas: Un grande patrimonio de bailes gremiais mantense agochado en festas de carácter local. Recuperado o 19 de agosto de 2017, de http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=21027
  • Veiga Iglesias, P. (2009). La danza de Aldán: un estudio descriptivo y sociológico. Pontevedra: revista de estudos, 22. Recuperado de http://pdf.depontevedra.es/ga/127/zqyGKWnLRV.pdf
  • Valenciano López de Andújar, A. (1998). Os romances tradicionais de galicia (1ª ed.). Santiago de Compostela: Centro de Investigacións Lingüísticas e literarias Ramón Piñeiro; Madrid: Fundación Ramón Menéndez Pidal.
  • Valenciano López de Andújar, A. (1994). Los romances tradicionales de Galicia: catálogo ejemplificado de sus temas. (Tese de doutoramento, Universidade Complutense de Madrid). Recuperada de http://eprints.ucm.es/3358/1/T19556.pdf
  • Vaamonde Manteiga, X., Romero, X. L. (2010). Pel & madeira: Repertorio básico para gaita e percusión galegas (2ª ed. rev.). Baiona: Dos Acordes.
  • Silvia R. (3 de marzo de 2008). El baile de los pasos perdidos. El País. Recuperado de https://elpais.com/diario/2008/03/03/galicia/1204543101_850215.html
  • Schubarth, D., Santamarina, A. (1995). Cancioneiro popular galego. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa.
  • Santamarina, A., González Reboredo, X.M. e Vázquez-Monxardín Fernández, A. (coord.). (2004). O patrimonio oral e a música popular. En Actas I, II e III encontros "O son da memoria" . Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.
  • Rodríguez Calviño, M. e Saénz-Chas Díaz, B. (2000). O tecido. Santiago de Compostela: Museo do Pobo Galego. Recuperado o 19 de agosto de 2017, de http://museodopobo.gal/web/uploads/file/edac-tecido.pdf
  • Rico Verea, M. (1996). Vente vindo, ven cantando. A Coruña: Fontel.
  • Quintas Suárez, M. (s.d.). O pito galego. Recuperado o 19 de agosto de 2017  de http://pitogalego.gal/opitogalego.htm
  • Quintas Suárez, M. (2015). Pito galego: Método práctico. Sarria: Ouvirmos.
  • Quintas Suárez, M. (2011). Guía didáctica de instrumentos galegos. Sarria: Ouvirmos.
  • Prieto, M., Rivera Crespo, M., de Carvalho, J. V., Barriga, M., e Pesdelán. (2010). Na punta do pé. Pontevedra: Kalandraka.
  • Prego, L., Iglesias, M., Villegas, F., e Meixide, C. (2013). Xogos musicais (1ª ed.). Vilaboa: Edicións do Cumio.
  • Prego, L., e Cobos, S. (2008). Para cantar e bailar (1ª ed.). Vilaboa: Edicións do Cumio.
  • Pintos, D. (2 de setembro de 2015). As danzas brancas (danzas de Reis). Recuperado o 19 de agosto de 2017, de http://www.trepia.org/actividades-trepia/18-ciclo-nadal/103-as-danzas-brancas-danzas-de-reis.html
  • Pinheiro Almuinha, R., Garzia, J., e Ossa, S. (2016). Repente galego. Pontevedra: Deputación de Pontevedra.
  • Peón, M. (xaneiro de 2014). Xénero e creación colectiva [Menxase nun blog]. Recuperado de http://pletora.es/Xenero-e-creacion-colectiva#article_73
  • Outeiro, X. (2012). Manüele de pandeireta e canto tradicional. Pontevedra: Ediciones Intermitentes.
  • Ossa, S., Iglesias, X., Fügedi, J. e Parga, J. (2009). Así fan os bailadores (1ª ed.). Baiona: Dos Acordes.
  • Martínez San Martín, A. (1997). Historia e evolución da danza en Galicia. En Grupo Milladoiro, Villanueva, C. (coord.),  O Feito Diferencial Galego na Música (pp. 111-139). Santiago de Compostela : Museo do Pobo Galego, A Editorial da Historia. Recuperado de https://ascancionsedanzasdanosaterra.files.wordpress.com/2012/11/historia_danza_galicia.pdf
  • Loureiro Fernández, Á. (1995). Cancións para o ano. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
  • López Cobas, L. (2013). Historia da música en Galicia. Sarria: Ouvirmos.
  • o canto galego de tradición oral. (Tese de doutoramento, Universidade de Santiago). Recuperado de http://hdl.handle.net/10347/3621
  • Groba González, X. (2011). O legado musical de Casto Sampedro Folgar (1848-1937):
  • Groba, R. (1999). Análisis de 252 alalás. A Coruña: Deputación Provincial da Coruña.
  • González Reboredo, X. M., Costa, L., e González Pérez, C. (2002). Nos lindeiros da galeguidade. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, Sección de Antropoloxía Cultural.
  • Forneiro Pérez, J. L. (2017). El romancero tradicional de Galicia: Estado de la cuestión. Boletín De Literatura Oral, (Extra 1), 105-130. doi:10.17561/blo.vextrai1.4
  • Fernández Senra, M., e Fernández Senra, X. (1999). Danzas gremiais e procesionais da provincia de Ourense (1ª ed.). Ourense: Deputación de Ourense.
  • Feijoo, B. (12 de abril de 2011). O pasado do folclore tradicional galego traído ao presente: O músico e bailarín Luis Prego afondará nos aspectos que caracterizaban o traballo comunitario no rural. Diario da Universidade de Vigo. Recuperado de  https://duvi.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=4665
  • Diaz Carro, P., e Kirk, O. (2012). Cancioneiro de Cabana de Bergantiños. Cabana de Bergantiños: Concello de Cabana de Bergantiños. Recuperado o 19 de agosto de 2017, de http://pt.calameo.com/books/001044426fa7746fa4121
  • Couto, G. (23 de outubro de 2008). Veciños de Limiñoa. A Muiñeira Vella [Menxase nun blog]. Recuperado de http://ronsel.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=46&Itemid=52
  • Cotilla Quintela, E. e Couto Rodríguez, G. (2010). Bailabén. Manual de aprendizaxe do baile tradicional galego. Vigo: Edicións do Cumio.

 

DISCOGRAFÍA

  • Arreixeira (2008). Arreixeira [CD]. A Estrada: Golfiño Records.
  • Brincadeira (2005). Se non fora por quen baila [CD]. A Estrada: Audia Records.
  • Fiadeiro, Rumbadeira, Beltaine (1996). Para cantar como eu canto [CD]. Vilaboa: Edicións do Cumio.
  • Pallamallada (1989). Porque non hei de cantare [CD]. Madrid: Tecnosaga.
  • Pallamallada (1994). Na seitura do Barroso [CD]. Vilaboa: Edicións do Cumio.
  • Tres pesos (2015). Acta fundacional [CD]. Compostela.
  • Varios (1986). Galicia. Derradeira polavila [CD].  Madrid: Tecnosaga.
  • Varios (1997). Raiceiras vol.I [CD]. A Coruña: Disco Trompo.
  • Varios (2002). Raiceiras vol.II [CD]. A Coruña: Disco Trompo.
  • Varias (2000). Este noite hai un serán [CD]. Vilaboa: Edicións do Cumio.

 

FERRAMENTAS DIXITAIS