Trabajar la convivencia en los centros educativos. Una mirada al bosque de la convivencia.

Pedro Mª Uruñuela, Narcea, S.A. 2016

Carmen Vaz Dapía
cvaz@edu.xunta.es
CFR Vigo

Para desenvolverse e vivir dignamente na sociedade complexa do século XXI, é preciso adquirir habilidades, ideas, destrezas e valores que fagan posible que a convivencia sexa positiva e en paz. Polo tanto, na escola temos a necesidade de educar na convivencia, no respecto, na aceptación da diferenza, na cooperación e colaboración con outras persoas. Aprender a convivir, aprender a ser é fundamental para unha educación integral. Pero isto non só ten valor en si mesmo senón que, como asegura Pedro Uruñuela nesta obra, «unha boa convivencia é, á vez, un obxectivo que cómpre conseguir e unha condición necesaria para que a aprendizaxe sexa posible. Só cun bo clima de aula e de centro, cunhas boas relacións interpersoais é posible mellorar a aprendizaxe».

Neste libro, como froito dos últimos trinta anos de traballo con moitos grupos e asociacións, Pedro Uruñuela ofrécenos unha visión xeral sobre «o bosque da convivencia», recollendo formulacións básicas sobre como traballar hoxe a convivencia e ideas e pautas para facelo.

A obra está organizada en dúas partes. Na primeira preséntanos diferentes temas de reflexión xeral: a definición de convivencia e as razóns para traballala; análise e xestión positiva dos conflitos, elemento sempre presente na convivencia; as diferentes situacións de quebra da convivencia: acoso e ciberacoso, condutas disruptivas e violencia de xénero; o modelo dominio-submisión e o modelo de convivencia baseado en dereitos; o paso do modelo reactivo ao modelo proactivo de convivencia; e a autoridade do profesorado.

Na segunda parte, eminentemente práctica, atopamos actuacións concretas para fomentar a convivencia: establecemento e control de normas para unha convivencia positiva; as interaccións, a comunicación e as técnicas para a xestión da aula; o plan de convivencia e os seus elementos; o plan para o éxito escolar —motivación, cambios metodolóxicos e na avaliación—; o desenvolvemento da intelixencia interpersoal, das habilidades sociais e dos valores morais; a transformación dos conflitos —etapas do itinerario para a xestión dos conflitos—, o protagonismo do alumnado e das familias cunha proposta de módulos de formación para contribuír a «crear unha boa tribo para educar un neno»; e a apertura á contorna: aprendizaxe-servizo, elementos clave e algúns exemplos.

Todos os capítulos rematan cun apartado titulado «En la práctica» no que pon á nosa disposición diferentes ferramentas para a análise, a reflexión e a elaboración de propostas, que nos poden axudar a avanzar no traballo que hai que desenvolver nos centros para a mellora da convivencia.

 

 

Sección: