Unha longa viaxe: na procura dunha escola de cores

Desde hai xa varios anos, o noso centro, o CEIP Francisco Vales Villamarín, está inmerso nunha longa viaxe na procura dunha verdadeira escola inclusiva (unha escola de cores), viaxe que transcorre polo camiño do cambio pedagóxico, dun novo xeito de ensinar e avaliar. A formación de toda a comunidade educativa (profesorado e familias) será o motor que guíe a nosa viaxe.

Lucía Ruiz Casal
CEIP Francisco Vales Villamarín (Betanzos-A Coruña)
luciaruizcasal@edu.xunta.es

 

O comezo da viaxe…

A nosa viaxe comeza no curso 2011/12. Unha serie de circunstancias conflúen (características de alumnado escolarizado, grupo de pais moi implicados no proceso educativo, equipo docente motivado e convencido da necesidade de cambio) e isto lévanos a unha profunda reflexión sobre a diversidade e sobre a situación real do centro: 
  • Comunidade educativa sen un claro concepto de inclusión e centrada nas NEE das persoas, pero non na totalidade do alumnado. 
  • Profesorado con moitas dificultades para atender o alumnado con NEE, que demanda constantemente axuda e solucións ao Departamento de Orientación.
  • Aulas moi diversas (reflexo da sociedade): alumnado con diferentes nacionalidades, con casuísticas familiares particulares, alumnado con NEE propiamente ditas, con dificultades de aprendizaxe, problemas de conduta, altas capacidades, doutras etnias e culturas… 
  • Familias, especialmente con fillos con necesidades educativas, demandando do profesorado metodoloxías, formas de organización da aula e actividades que dean resposta ás necesidades dos seus fillos e unha coordinación entre todos os axentes educativos (familia, profesorado, especialistas externos, médicos…). 
  • Taxas de fracaso escolar elevadas derivadas dunha deficiente atención á diversidade. Respostas educativas inaxeitadas que non teñen en conta as capacidades do alumnado e a aprendizaxe por competencias. 
A partir desta reflexión, familias e docentes fomos conscientes da necesidade dun cambio e conscientes de que as dificultades coas que nos atopabamos partían do descoñecemento por parte de toda a comunidade sobre que se entende realmente por escola inclusiva e os principios que a rexen, que se entende por atención á diversidade e que metodoloxías son as máis axeitadas para dar respostas efectivas. 
Fomos conscientes da necesidade de sensibilización e formación sobre a atención á diversidade a toda a comunidade educativa.

O proxecto…

A nosa viaxe ten os seguintes obxectivos: 
  • Sensibilizar e formar a toda a comunidade educativa sobre a atención á diversidade e alcanzar, como finalidade última, unha escola de calidade para todos.
  • Fomentar a colaboración e asunción de dinámicas cooperativas entre os diferentes centros educativos, de todos os niveis, incluíndo as familias.
  • Crear experiencias de éxito nos nosos centros educativos; compartir e exportar aquelas que ofrezan valor engadido cara á consecución dunha escola inclusiva real. 
Así, a través da formación e sensibilización sobre a atención á diversidade de toda a comunidade educativa, procuramos unha escola de calidade que dea resposta á diversidade persoal, cultural e social que a caracteriza e a enriquece, sabendo que o xeito de acadalo é a través do traballo en equipo e a participación de todos os axentes educativos.
 

 

XORNADAS DE FORMACIÓN E SENSIBILIZACIÓN SOBRE A ATENCIÓN Á DIVERSIDADE PARA A COMUNIDADE EDUCATIVA

Desde o curso 2011/12, e durante seis cursos consecutivos, o noso centro organiza Xornadas de Formación e Sensibilización sobre a Atención á Diversidade para Mestres e Familias. A participación, interese suscitado e implicación crecente de toda a comunidade educativa fan que estas xornadas se convertan nun referente na nosa contorna.
 
 
As primeiras xornadas son eminentemente teóricas. As segundas abordan a atención á diversidade desde unha perspectiva eminentemente práctica con conferencias, obradoiros, debates e exposicións e inclúen tamén actividades paralelas de carácter lúdico-cultural. As terceiras abordan o traballo por proxectos, as TIC e a aprendizaxe servizo como medios para a atención á diversidade. As cuartas xornadas céntranse no traballo por competencias para lle dar resposta á diversidade, as comunidades de aprendizaxe e a educación emocional. Nas quintas a motivación será o eixe fundamental e as sextas, que están por chegar aló polo mes de xuño, versarán sobre a coeducación. As xornadas pretenden, ademais de informar e formar, ser punto de encontro e colaboración entre os profesionais das diversas etapas educativas, as familias e as institucións, co fin último de mellorar a educación do noso alumnado. 
 
 
Na súa organización colabora un equipo multidisciplinar crecente, formado por mestres dos diferentes centros públicos do concello, as súas ANPA, o concello, o CFR da Coruña... e están abertas a toda a comunidade educativa. Pretendemos que a sensibilización, o coñecemento e incluso as accións formativas sexan interiorizadas de forma paralela por toda a comunidade educativa, creando espazos de complicidade, de debate, de empatía, de emocións compartidas, que nos axuden a entender o reto da educación e que nos animen a traballar en equipo.

FORMACIÓN NO CENTRO

A partir desta formación, todos os anos xorden no centro diferentes grupos de traballo, seminarios e charlas: A biblioteca de educación infantil, Uso das TIC no Departamento de Orientación, Mestra, ensíname a ser inclusiva, Proxecto Abalar con formación continuada durante dous anos (Posibilidades didácticas da Aula Abalar, Metodoloxía e didáctica da Aula Abalar), Deseño e aplicación do traballo por competencias na aula, Introdución ao equipamento e aos recursos metodolóxicos das aulas Abalar, cursos para o profesorado en colaboración coas asociacións sobre altas capacidades, TDAH, síndrome Asperger...
 
Culminan este curso escolar 2016/17 coa implicación de case a totalidade do claustro no Plan de formación permanente do profesorado, previsto para dous anos e con dous itinerarios formativos (Atención á Diversidade e Biblioteca Escolar) que inclúe un curso inicial para todo o profesorado e aberto ás familias sobre as respostas educativas ordinarias para a atención á diversidade, e dous grupos de traballo (sobre traballo cooperativo e habilidades sociais) e dous seminarios (Elaboración recursos para desenvolver as competencias clave do alumnado con NEE e Biblioteca como centro de recursos): Da man dos outros, Nos zapatos dos outros, Recursos para desenvolver competencias clave no alumnado con NEE, Unha viaxe desde a biblioteca.
A partir das diferentes formacións xorden no centro proxectos e prácticas educativas encamiñadas á mellora da práctica educativa e sensibilización e formación do alumnado; procúrase a participación e colaboración das familias en todas as actividades e solicítase a axuda de axentes externos (concello, asociacións, centro de formación e recursos, entidades privadas...).
 
Os diferentes equipos docentes traballan de xeito coordinado para poder levar a cabo os proxectos de centro.
 
 
Como consecuencia da sensibilización do sobre a atención á diversidade, xorde o compromiso de traballar de xeito coordinado desde a biblioteca do centro, a través de diferentes proxectos documentais integrados. O primeiro deles, Todos iguais, todos diferentes, de dous anos de duración (Somos capaces, somos incapaces e Xuntos podemos), vese apoiado no ámbito institucional pola inclusión do centro en PLAMBE (Plan de mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia).
 
En anos posteriores, A auga en Betanzos, Para que as cousas sucedan primeiro hai que soñalo, Descubrindo as cores do Mundo. Unha viaxe en globo serán os proxectos que guiarán a práctica docente para abordar as competencias clave do noso alumnado, fomentando a convivencia, o coñecemento mutuo e o traballo colaborativo, utilizando a biblioteca como centro de recursos para achegarnos a unha axeitada competencia informacional, traballando a recollida e o tratamento da información, a elaboración e a presentación do aprendido.
 
O noso proxecto de centro fundaméntase no concepto de diversidade como elemento enriquecedor para o conxunto da sociedade; os principios educativos de normalización e inclusión para dar resposta á dita diversidade e a importancia da coordinación, colaboración e intercambio de todos os axentes educativos.
 
A atención á dita diversidade realizarase a través de medidas e accións que teñen como finalidade adecuar a resposta educativa ás diferentes características e necesidades, ritmos e estilos de aprendizaxe, motivacións, intereses e situación sociais e culturais de todo o alumnado. 
 
Nesta longa viaxe estamos intentando levar a cabo cambios pedagóxicos nas aulas que faciliten a atención á diversidade, como son cambios na organización da aula (nos espazos, os recunchos, a variabilidade de agrupamentos por tarefas e a flexibilización dos tempos entre outras); existe apoio por parte dos mestres con dispoñibilidade horaria (docencia compartida que permite diferentes variables para organizarse: apoiar só a un alumno/a, a varios, intercambiar papeis, axudar a todos…); dáse unha adecuación das programacións didácticas incluíndo o mundo que nos rodea e o que é máis significativo para os nosos rapaces e rapazas; a metodoloxía está baseada no traballo colaborativo en grupos heteroxéneos, a titoría entre iguais e a aprendizaxe por proxectos; e a avaliación enténdese máis aló da reprodución de aprendizaxes memorísticas, flexible na forma e nos instrumentos, e aprendizaxe baseada no desenvolvemento de competencias, non de contidos.
 
Realízanse co alumnado accións encamiñadas á mellora da convivencia escolar e das habilidades sociais, ademais de todas as actividades encamiñadas ao desenvolvemento dos proxectos documentais integrados deseñados ao longo destes seis anos: conmemoración de datas sinaladas (Día Deficiencia Auditiva, Autismo, Día das Persoas con Discapacidade, Día da Muller Traballadora, Día de Rosalía etc.); desenvolvemento de actividades para a paz, Entroido, Letras Galegas… tendo como elemento motivador a diversidade (na arte, na música, na natureza…), actividades formativas en colaboración con entidades externas ao centro (PAI MENNI, ONCE, CEE Nuestra Señora de Lourdes...).
Algunhas das actividades realizadas pódense consultar na páxina web do centro.

O recoñecemento...

O CEIP Francisco Vales Villamarín recibiu, no 2014, o Premio Nacional de Educación para centros docentes, na modalidade A dirixida aos centros de educación infantil, primaria ou educación especial, na categoría de inclusión do alumnado con necesidades educativas especiais.
 
 
 
O proxecto co que participamos, Atención a la Diversidad a través de la Sensibilización y la Formación Permanente: ¿SEGUIMOS O PLANTAMOS?, ao que podedes acceder premendo aquí, non é máis ca a recompilación das actividades que durante os tres primeiros anos se desenvolveron no centro.

O final da viaxe...

E desde entón seguimos a traballar nesta longa viaxe.
Ano tras ano fomos vendo medrar a implicación do claustro e da comunidade educativa no proxecto; pero somos conscientes de que a nosa viaxe non chegou á súa fin. Debemos seguir na procura da sensibilización dos que aínda non o están, seguir a mellorar o traballo en equipo, sen barreiras (familias, profesorado, Administración, Asociacións...), seguir na procura dun cambio metodolóxico profundo que dea resposta a todo o alumnado, teremos que intentar ilusionar a todos e todas por igual para poder acadar unha verdadeira escola inclusiva.
 
De momento a nosa viaxe continuará cara a esa escola de cores dos nosos soños e... estamos convencidos: para que as cousas sucedan, primeiro hai que soñalas.
 
Palabras clave: 
Sección: