MeteoGalicia: ciencia e educación, sempre xuntas

Meteogalicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, encárgase, desde a súa fundación no ano 1999, da predición meteorolóxica tanto terrestre como marítima de Galicia, tamén da observación meteorolóxica, oceanográfica e da calidade do aire. Ademais en MeteoGalicia sempre se considerou un aspecto fundamental a formación, deste xeito téñense desenvolvido distintos servizos de formación, sempre abertos á sociedade galega. Concretamente, neste artigo descríbese en primeiro lugar o papel da ciencia en MeteoGalicia, nomeando os proxectos nos que participa actualmente. A continuación pásase a detallar a implicación de MeteoGalicia, desde o ano 2012, co proxecto MeteoEscolas, no ámbito do Plan Proxecta da Consellería de Educación. MeteoEscolas intenta achegar a meteoroloxía e a observación meteorolóxica á comunidade educativa a través da aprendizaxe baseada en proxectos. Por último, descríbense as distintas actividades de formación promovidas por MeteoGalicia, dirixidas a distintos colectivos e desenvolvidas ao longo do ano.

Ana Lage González, M.ª de los Ángeles Lago Núñez e Natalia Solovieva Soloviev
MeteoGalicia: Dpto. Predición Operativa, Dpto. Climatoloxía e Observación e Dpto. Administración

 

MeteoGalicia. Creación

MeteoGalicia é o servizo meteorolóxico de Galicia dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Entre os seus cometidos está a predición meteorolóxica, tanto terrestre como marítima, de Galicia e a observación meteorolóxica, oceanográfica e da calidade do aire.

MeteoGalicia naceu no seo da Universidade de Santiago de Compostela no ano 1999 a través dun convenio asinado pola Xunta e a universidade. A partir de entón, MeteoGalicia foi progresivamente ofertándolle novos servizos á sociedade. No ano 2006, MeteoGalicia incorpórase á estrutura da Consellería de Medio Ambiente. Desde os seus comezos, MeteoGalicia sempre apostou polo desenvolvemento de novos servizos e pola formación. Concretamente, no ano 2007 ponse en marcha o programa MeteoEscolas co obxectivo de formar unha comunidade global de profesores, alumnos e científicos traballando na tarefa común de coñecer mellor o clima galego. Asemade, desde hai máis dunha década, o persoal de MeteoGalicia imparte diversas actividades de formación tales como sesións formativas no ámbito da meteoroloxía, calidade do aire e ruído, e visitas guiadas ás estacións meteorolóxicas e de calidade do aire e ao radar meteorolóxico de Cuntis.

Por outra banda, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio asinou tres convenios coas universidades galegas para recibir estudantes de grao, posgrao e máster. Ao longo dos últimos anos, MeteoGalicia recibiu unha media de quince alumnos por ano. Estes alumnos pertencen aos graos de Matemáticas, Física, Bioloxía, Xeografía e Ciencias Ambientais, fundamentalmente.

Áreas de MeteoGalicia

En MeteoGalicia existen varios departamentos. Aínda que cada un deles ten uns cometidos específicos, están interrelacionados entre si, de xeito que algunhas tarefas son compartidas por varias áreas:

  • Predición Operativa: elabora a predición meteorolóxica tanto terrestre como marítima, tamén fai un especial seguimento das situacións meteorolóxicas adversas.
  • Investigación e Predición Numérica encárgase da modelización dinámica, tanto atmosférica como oceánica, e dispón de modelos numéricos específicos para a atmosfera (tanto determinista como probabilístico), as correntes mariñas, as ondas oceánicas, o transporte de contaminantes e calidade do aire, así como de radiación solar ultravioleta.
  • Climatoloxía e Observación xestiona una ampla rede de estacións meteorolóxicas e agrometeorolóxicas, e conta cun sistema de xestión de calidade ISO 9001. No mar cóntase cunha rede de boias océano-meteorolóxicas.
  • Calidade de Aire ten unha rede de estacións de medida dos niveis de distintos contaminantes aéreos que poden afectar a poboación, e elabora, así mesmo, mapas de predición da calidade do aire.
  • Administración Web encárgase de todo o relacionado coa páxina web, as bases de datos que a sustentan e as aplicacións internas que serven de ferramentas de traballo para o resto de departamentos de MeteoGalicia.
  • Desde o Departamento de Administración planifícanse as actividades de formación de MeteoGalicia. Ademais, realízanse as xustificacións económicas dos proxectos tecnolóxicos e de investigación nos que participa MeteoGalicia.

Desde MeteoGalicia búscase a proximidade co cidadán, facendo dela o noso sinal de identidade. Pódese contactar cos distintos departamentos por teléfono, correo electrónico ou redes sociais. A formación en MeteoGalicia é tarefa compartida polos departamentos de Predición Operativa, Calidade de Aire e Climatoloxía e Observación coa programación levada a cabo desde Administración.

Ciencia en MeteoGalicia

MeteoGalicia participa activamente en distintos proxectos nacionais e internacionais, nalgúns casos liderando proxectos, como foi o caso dos proxectos Interreg RAIA e RAIAco de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal. O principal obxectivo destes programas foi a consolidación da oceanografía operacional na marxe ibérica e no litoral da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal, mediante a posta en marcha de servizos operacionais de observación e predición. Esta infraestrutura permite ofrecerlles unha serie de servizos específicos a sectores económicos tan importantes para Galicia e Portugal como son o turístico, os portos, o recreo marítimo ou o sector marisqueiro, por citar soamente algúns deles.

Noutros proxectos participouse colaborando con distintas entidades europeas, como no proxecto EnergyMare, que tiña como fin a creación dunha Rede de cooperación transnacional para o impulso das enerxías renovables mariñas, establecendo un fondo común transnacional de experiencia e recollida de datos e creando unha zona de experimentación a poucos metros do porto de Langosteira.

MeteoEscolas

Desde hai máis dunha década, numerosos centros educativos galegos colaboran, a través do programa MeteoEscolas, con MeteoGalicia. O obxectivo deste programa é o de apoiar a didáctica da meteoroloxía e a observación meteorolóxica no ámbito educativo.

MeteoEscolas forma parte do Plan Proxecta da Consellería de Educación desde o ano 2012. O Plan Proxecta é unha iniciativa que busca un avance nas dinámicas de mellora da calidade educativa, á vez que favorecer a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo cooperativo e en rede do alumnado e profesorado implicado.

Seguidamente farase unha breve exposición da metodoloxía que se segue en MeteoEscolas, continuarase coa descrición da extensión da rede, explicarase como se traballa nos centros adscritos ao programa MeteoEscolas.

A metodoloxía na que se traballa nas MeteoEscolas é a aprendizaxe baseada en proxectos (ABP). Naceu no remate do século XIX e baséase no learning by doing. A ABP supón un cambio de modelo, trataríase dunha transformación dun profesor transmisor de coñecementos a través de leccións maxistrais e un libro de texto nun profesor orientador, que formula obxectivos a longo prazo que se van lograr a través da resolución de problemas, que darán como resultado a obtención dun produto final. A ABP é activa, xa que son os alumnos os que, desenvolvendo o seu pensamento crítico, son capaces de ir dando os pasos para a consecución dun proxecto.

Un aspecto fundamental na ABP é a interdisciplinariedade. As materias non funcionan soas e independentes, senón que se interconectan, de modo que é difícil encontrar os límites entre elas. O problema será así tratado desde as distintas áreas do coñecemento, no caso de MeteoEscolas é a meteoroloxía a que vai sendo introducida desde as distintas materias. Mediante a ABP os alumnos serán xestores do tempo e dos recursos. Todo o proceso é parte dunha driving question, unha análise, revisión e avaliación. Os alumnos verán ao longo do proxecto como medra a súa autoestima, o que os levará a poder afrontar outros problemas noutras áreas da súa vida cotiá.

A forma óptima de levar a cabo a ABP é por medio do traballo en equipos ou cooperativo, posto que neste caso se multiplicarán os beneficios obtidos, xa que se verán desenvolvidas as habilidades de comunicación e negociación. O papel do profesor nesta metodoloxía será esencialmente motivador. Será o que espertará as necesidades de saber do alumnado. Estimulará a discusión e a elección entre varias alternativas.

Toma de datos (CEIP Plurilingüe de Frións)

 

Extensión da rede de MeteoEscolas

Desde o 2012, en que MeteoGalicia participa no Plan Proxecta da Consellería de Educación, o número de centros admitidos foi medrando: desde os 28 iniciais ata os 40 actuais. A demanda de participación é moi elevada, aínda que este número é o máximo que podemos atender na actualidade. Inicialmente contouse coa participación de centros de educación primaria, secundaria e bacharelato. De todos os xeitos, coa idea de implicar no proxecto todas as etapas educativas, incorporáronse centros de educación infantil, de formación profesional e de educación especial.

Funcionamento das MeteoEscolas

A observación do tempo e a aprendizaxe da meteoroloxía, ademais de ser temas curriculares, convértense no proxecto MeteoEscolas nun centro de interese que dá cabida a todas as materias, implicándose profesores, alumnos e outros membros da comunidade educativa. Os centros educativos propoñen a MeteoGalicia o proxecto que van desenvolver no seguinte curso escolar. Os criterios de selección dos centros baséanse nos seus obxectivos innovadores, plan de traballo, actividades que se van realizar e difusión do proxecto, tendo en conta a implicación neste proxecto do maior número de alumnos, abarcando distintas etapas educativas.

Os recursos recibidos polos centros seleccionados desde MeteoGalicia van desde unha guía de traballo, instrumentación meteorolóxica, ademais de facilitarlles varios materiais educativos como unidades didácticas e asesoramento durante todo o curso. Todo proxecto comeza coa construción da caseta meteorolóxica e a inserción dos datos rexistrados polos propios alumnos na web. Esta parte é tan só a semente para a realización de actividades relacionadas coa meteoroloxía, desde as distintas áreas de coñecemento. A continuación danse exemplos de actividades para os distintos grupos de idade:

Infantil: calendarios meteorolóxicos; muíños de vento; debuxos meteorolóxicos, contos, cancións e representacións teatrais nas que o tempo é o protagonista etc.

Mural meteorolóxico (CEIP As Nogais)

 

Primaria: refraneiros e vocabulario meteorolóxico en distintos idiomas, construción de instrumentos meteorolóxicos sinxelos, representación dos datos meteorolóxicos recollidos; introdución dos datos na web desde as aulas TIC (tecnoloxías da información e comunicación) etc.

Exposición de aparatos meteorolóxicos (CPR Santiago Apóstol)

 

Secundaria: elaboración de gráficos, estatísticas e climogramas; construción da caseta meteorolóxica; análise da relación entre meteoroloxía e arte e relixión, difusión da predición meteorolóxica en distintos idiomas, elaboración de software para facilitar a observación e predición do tempo, estudos relacionados con fenómenos meteorolóxicos curiosos etc.

Climogramas comparativos (IES Carlos Casares)

 

Formación en MeteoGalicia

Desde que se empezou, a formación estaba supeditada principalmente á celebración da semana da ciencia, coincidindo co Día Meteorolóxico Mundial. Dirixidas ao público en xeral, nesa semana había numerosas actividades, conferencias e obradoiros aos que pronto se foron engadindo centros educativos, asociacións e outros grupos interesados na meteoroloxía. Co tempo, a formación foise ampliando considerablemente, ata o día de hoxe en que existe unha gran demanda para visitar as instalacións de MeteoGalicia e atender ás sesións formativas en meteoroloxía e observación meteorolóxica. Todos os martes e mércores e mesmo outros días da semana en casos excepcionais, o equipo de MeteoGalicia desenvolve unha tarefa de formación moi importante a través de distintas charlas e exposicións, adaptadas sempre ao nivel do público ao que van dirixidas. Algunhas das máis importantes son:

  • Radiosondaxe: lánzase unha radiosonda meteorolóxica que, impulsada por un globo, proporciona información sobre o estado actual da atmosfera. Este lanzamento, ademais de proporcionar información aos grupos que nos visitan sobre os preparativos antes de iniciar o lanzamento, permite coñecer algunhas nocións sobre a estrutura vertical da atmosfera e os fenómenos que ocorren na capa límite planetaria.

Lanzamento de radiosondeo en MeteoGalicia (CEIP Mestre Rodríguez Xixirei)

 

  • Sesión formativa sobre meteoroloxía e aparellos meteorolóxicos: faise unha visita á sala de Predición Operativa, onde poden observarse as ferramentas que os preditores empregan para o desenvolvemento do seu traballo e dáse unha breve explicación de como o desenvolven. A continuación, e adaptándose ás necesidades do grupo que fai a visita, trátanse conceptos básicos da meteoroloxía e da climatoloxía.A formación complétase na sala didáctica, onde o grupo se aproxima ao coñecemento de como se mide o tempo: presentación dunha estación meteorolóxica, datos interesantes e exposición de instrumentos meteorolóxicos tanto manuais como automáticos explicada.
  • Sesión formativa sobre contaminación ambiental e visita á estación de calidade do aire: o principal obxectivo desta sesión é o de informar os asistentes sobre o estado da calidade do aire na nosa comunidade e dar a coñecer os métodos para o seu control e o traballo realizado na rede. Consta de dúas partes, unha charla informativa sobre o funcionamento da rede e o coñecemento dos gases contaminantes e outra que consiste na visita á estación de control de calidade do aire de San Caetano, para ver o funcionamento dos analizadores en tempo real.

Visita a estación de calidade do aire (Escola Técnica de Enxeñería, USC)

 

  • Sesión formativa sobre ruído ambiental: esta actividade, destinada a grupos cuxos integrantes sexan maiores de 16 anos, introduce os conceptos principais para coñecer a contaminación acústica, o oído humano e as características do son. Así mesmo, móstrase a instrumentación empregada para levar a cabo esta tarefa.
  • Visita a unha estación meteorolóxica: dirixida ao público maior de idade, explícanse in situ todos os instrumentos da estación de observación atmosférica de Santiago de Compostela (EOAS), ademais doutros instrumentos, requirimentos dos distintos tipos de estacións e tamén algunhas curiosidades.
  • Xornada de portas abertas (Día Meteorolóxico Mundial): tendo en conta a temática que cada ano se escolle na Organización Mundial de Meteoroloxía, todos os equipos de MeteoGalicia se unen para elaborar unha serie de obradoiros e sesións formativas, así como actividades especiais, relacionadas co tema que se celebra nese día.
  • Visita ao radar meteorolóxico: o radar meteorolóxico é un dispositivo de teledetección capaz de localizar precipitacións, diferenciando entre chuvia, neve e sarabia. Está situado no alto do monte Xesteiras. Esta fabulosa situación permite monitorar as frontes que, na súa maioría, se aproximan polo Atlántico.

Visita ao radar meteorolóxico de Cuntis (CPI Aurelio Marcelino Rey García)

 

  • Sesión formativa do programa MeteoEscolas para o profesorado que vai desenvolver este programa dentro do Plan Proxecta nos seus respectivos centros.

En todo caso, desde MeteoGalicia estamos abertos a adecuarnos tanto ao nivel do alumnado como ás especificacións en canto a sectores temáticos solicitados polos profesores que concerten a visita.

 

 

Bibliografía: 

 

 

LAGE GONZÁLEZ, M. A.; LAGO NÚÑEZ, A. (2011). Meteoroloxía. Unidade dicáctica. MeteoGalicia, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Xunta de Galicia.

LAGO NÚÑEZ, M. A.; SOLOVIEVA SOLOVIEV, N. (2009). Divírtete e aprende. MeteoGalicia, Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Xunta de Galicia.

LAGE GONZÁLEZ, M. A.; LAGO NÚÑEZ, A.; SOLOVIEVA SOLOVIEV, N. Cómo acercar la Meteorología a la comunidad educativa: Proyecto MeteoEscolas. RAM (Revista del Aficionado a la Meteorología). Publicado o 23/01/2017 na sección: “Reportajes”

LAGE GONZÁLEZ, A.; CASTILLO RODRÍGUEZ, F.; SALSÓN CASADO, S. (2009). Actividades didácticas de meteoroloxía e climatoloxía.

LAGE GONZÁLEZ, A.(2014). “Educación baseada en proxectos. Experiencia en MeteoGalicia”. XXVII Congreso de ENCIGA (Asociación dos Ensinantes de Ciencias de Galicia).

 

Referencias e páxinas web recomendadas

MeteoEscolas no Plan Proxecta

Formación e MeteoEscolas

Estacións escolares

MeteoGalicia

Sección: