On the road

On the road

Seccións bilingües no IES David Buján de Cambre (A Coruña).
Con motivo da participación do noso instituto na rede de centros con seccións bilingües durante os últimos catro cursos, propoño unha revisión da evolución desta experiencia. O punto de partida serán as enquisas que cada ano lle pasamos ao alumnado participante. Seguindo o fío das preguntas, comentarei os aspectos máis destacados da valoración que fan da súa experiencia e dos pasos que cómpre dar no futuro próximo. Tamén se menciona brevemente a participación do alumnado de terceiro da ESO na actividade Xplore Health durante este curso. Por último, achégase un breve comentario sobre unha selección de libros (algúns de acceso libre na rede) que cremos que poden axudar e ofrecer ideas e solucións concretas para o traballo na clase dentro das seccións bilingües (en particular, pero non en exclusiva, en relación coas materias de ciencias).
Manuel Cid Fernández
IES David Buján – Cambre (A Coruña) 
Departamento de Física e Química

Cando no ano 2009 decidimos incorporarnos á rede de centros con seccións bilingües, o noso primeiro obxectivo foi usar a motivación e bo nivel académico dun grupo de alumnos que, naquela promoción de terceiro de ESO, pensamos que aproveitarían moi ben a incorporación á experiencia. Ao mesmo tempo, consideramos que era unha excelente oportunidade para todos (alumnado e profesorado) no camiño da innovación constante e no intento de mellorar a competencia no uso da lingua inglesa.

Os departamentos de Matemáticas e Física e Química tiñamos os recursos, a dispoñibilidade horaria e a acreditación mínima esixida en inglés; ademais foi moi fácil conseguir o apoio do Departamento de Inglés e a complicidade da comunidade educativa do IES David Buján, que historicamente está afeita a participar en diferentes actividades de innovación.

Unha vez pasado o primeiro curso e á vista da valoración positiva que fixo o alumnado participante nas seccións, tiñamos a intención de continuar coas seccións bilingües que xa estaban operativas. Non obstante, a experiencia acumulada e o intercambio de opinións con profesores doutros centros máis veteranos convencéronnos de que a mellor vía para consolidar a experiencia era implantar as seccións desde primeiro de ESO. Así o fixemos e o éxito desta orientación está reflectido no dato de que nos tres últimos cursos case a metade do total de alumnos que se incorporan ao centro se está matriculando voluntariamente nas seccións bilingües de Matemáticas e Ciencias Naturais. Aínda máis, no paso de primeiro a segundo da ESO é mínimo o número de alumnos que renuncia a seguir nas seccións, pero deste e doutros aspectos da opinión do alumnado falarase máis adiante.

No tocante ao profesorado, se no primeiro ano estivemos a cargo das seccións bilingües dous profesores coa asesoría dunha profesora de Inglés, no curso actual estamos traballando nas sete seccións implantadas cinco profesores de tres departamentos e contamos co apoio de dúas profesoras de Inglés. Tamén hai que destacar que tres destes profesores participamos en diferentes convocatorias do programa PALE (actualmente PIALE), para intentar mellorar a nosa competencia lingüística en inglés e coñecer e aprender dun sistema educativo tan acreditado (especialmente no ensino bilingüe) como o de Canadá. 

Bilingual sections: the straight dope

Unha tradución posible do título é “ir ao gran”. Interpretaremos aquí a expresión a través do que opina o noso alumnado sobre o desenvolvemento das seccións bilingües que temos implantadas.

En publicacións como CLIL. Integrando linguas a través do currículo ( Acceso: http://www.edu.xunta.es/contidos/rede_linguas/files/CLIL%2009%20WEB.pdf operativo; comprobado en febreiro de 2012) recóllense datos “referidos a actitudes, resultados nas distintas linguas que conforman o currículo en Galicia, resultados na materia CLIL e implantación do plan, contrastando alumnado CLIL e alumnado non-CLIL” (segundo as propias palabras dos autores do traballo). A nosa intención é a de descender máis ao detalle coa revisión dos datos que recollemos entre o alumnado do noso centro durante os tres últimos cursos. 

A redacción e selección das preguntas fíxose coa intención de abordar o máximo número de variables en relación coa valoración que fai o alumnado da súa participación nesta experiencia. Ademais, queriamos detectar os puntos fortes e débiles da proposta que estabamos desenvolvendo para facilitar a nosa propia autoavaliación. 

A enquisa, con pequenos cambios entre un e outro curso durante os tres anos que levamos desenvolvendo a experiencia, consta de 16 preguntas. Cada curso realizouse arredor do mes de maio (co curso avanzado, pero aínda sen facer a avaliación final) e os alumnos respondérona ben por escrito na clase ou ben (no último curso) a través da aula virtual do centro para facilitar o seu procesamento. O número total de enquisas que temos rexistradas é de 83, correspondentes a alumnos de primeiro, segundo e cuarto de ESO. 

A continuación revisamos as preguntas e respostas:

  • 1. Cres que o teu nivel na lingua estranxeira se adecúa ao nivel requirido nas materias bilingües?

O 61% indica que si, o 35% di que non e o 4% afirma que máis ou menos. 

  • 2. Cales son as maiores dificultades (se existe algunha) que encontras? 

O 2% fala de dificultades co léxico en xeral, o 43% indica que ten dificultades co léxico específico da materia, o 35% expresa dificultades coa comprensión ou co listening e o 20% afirma que ten dificultades coa redacción na lingua estranxeira.

  • 3. A túa capacidade lectora na lingua estranxeira:

O 82% expresa que mellora e o 18% indica que non varía.

  • 4. A túa capacidade auditiva na lingua estranxeira (vídeos, listenings…):

Di que mellora o 83% e considera que non varía o 17%.

  • 5. A túa capacidade de comprensión oral na lingua estranxeira:

Para o 84% mellora, non varía para o 16% do alumnado.

  • 6. A túa expresión escrita na lingua estranxeira: 

Mellora segundo o 77% dos alumnos; non varía na opinión do 23%.

  • 7. A túa capacidade de comunicación na lingua estranxeira: 

O 76% afirma que mellora; non varía para o 24%.

  • 8. Se a túa resposta á pregunta anterior foi “non varía”, a que cres que se debe?

Unha mostra da variedade de argumentos que dá o alumnado:

   - Non facemos as clases en inglés, só os exercicios. 

   - Non temos un vocabulario suficiente.

   - Non falamos moito en inglés. 

   - Na clase de Matemáticas ou Naturais, fálase un inglés moi avanzado e todos nos perdemos.

   - Utilizamos as mesmas palabras para expresarnos.

   - Nestas seccións aprendemos vocabulario referido á materia, pero ese vocabulario non fai mellorar a nosa capacidade de comunicación na miña opinión.

  • 9. Consideras que o feito de que as materias de Física e Matemáticas sexan impartidas en inglés axuda a mellorar ou teu nivel nesta lingua?

Manifesta que si o 85%, o 3% di que non, o 11% afirma que a mellora é escasa e o 1% considera que “debería mellorar, pero...”

  • 10. Tes problemas nas clases de Matemáticas? En caso afirmativo, indica se os teus problemas se deben aos contidos da materia, ao feito de que sexa impartida en inglés ou ao feito de que gran parte do material sexa proporcionado en inglés.

Non expresa ningún problema o 67%, pero o 8% comenta que si que ten problemas habitualmente. Tamén hai un 25% que confesa que ten dificultades ocasionais (na práctica totalidade dos casos vinculados aos contidos da materia, non ao uso do inglés nas clases).

  • 11. Tes problemas nas clases de Ciencias (e/ou Física e Química)? En caso afirmativo, indica se os teus problemas se deben aos contidos da materia, ao feito de que sexa impartida en inglés ou ao feito de que gran parte do material sexa proporcionado en inglés. 

Como sucede coas Matemáticas, una maioría (o 55%) non expresa ningún tipo de problema. O 10% di que si ten problemas e o 35% manifesta que ten problemas ás veces (o 7% relaciona estes problemas co uso do inglés).

  • 12. Como te sentes nas clases bilingües?

A inmensa maioría confesa que está a gusto, cómoda, sente que está aprendendo e progresando no uso do idioma, na extensión de vocabulario que manexa e na superación do seu medo a empregar a lingua para se expresar en público (cando menos no ambiente da clase).

Entre as opinións que reflicten incomodidade ou inseguridade, o máis frecuente é dicir que ás veces se perden ou que se senten diferentes porque lles parece que todos entenden menos eles.

  • 13. Cales son os aspectos que botas en falta?

A maioría, nada. Ocasionalmente, máis uso do inglés (ou do castelán ou do galego). En xeral, propostas variadas pero moi dispersas.

  • 14. Se tiveses a oportunidade de cursar outra/outras materia bilingües, faríalo? Indica as razóns.

O 64% comenta que si (porque están contentos ou porque aprenden máis inglés). Di que non o 36% (é complicado, son suficientes materias en linguas estranxeiras…).

  • 15. Cal foi o motivo principal para integrarte nos grupos de seccións bilingües? 

O 19% indica que lle gustan as linguas, o 39% considera que é una boa oportunidade para coñecer os contidos destas materias na lingua estranxeira, un 30% comenta que a súa principal motivación é “probar”(coma una aventura) e, finalmente, un 9% afirma que o decidiron os seus país.

  • 16. Quen tomou a decisión para integrarte nas sección bilingües?

Un 54% do alumnado di que foi unha decisión autónoma deles, o 42% afirma que o decidiron os seus pais despois de consultar con eles, e un 4% informa de que a decisión a tomaron os seus pais.

En síntese:

  • Unha parte importante do alumnado ten dificultades co léxico específico da materia e coas actividades de comprensión (listening especialmente). É lóxico e por iso un traballo constante que levamos a cabo é o de elaboración de vocabularios específicos a partir de actividades con vídeos e arquivos de audio, animacións etc.
  • A maioría do alumnado (en todos os casos por riba do 75%) considera que está mellorando a súa capacidade para se comunicar en inglés en todo tipo de actividades (ler, escoitar, escribir…). Nos casos nos que indican que non varía, ofrecen diferentes argumentos sobre aspectos que non debemos descoidar: usar máis o inglés nas clases pero atendendo sempre ao afianzamento do vocabulario específico, darlles (sempre que é posible) oportunidade de falar e de escribir en inglés a todos (non só aos que se desenvolven con soltura) etc. Por último, hai que resaltar tamén que unha gran maioría opina que o seu nivel en inglés mellora ao ter nese idioma as clases de Matemáticas e Ciencias.
  • Cando xulgan os problemas que teñen nas clases de cada materia, arredor da cuarta parte confesa que ten dificultades, pero relacionadas sobre todo co contido das Matemáticas ou das Ciencias, non co idioma no que se desenvolven as clases. Daquela podemos deducir que o feito de traballar cun idioma estranxeiro, ademais de ser percibido como útil, non ofrece unha dificultade adicional para acceder ás capacidades esixidas nos correspondentes currículos das materias.
  • O alumnado séntese, en xeral, cómodo nas clases bilingües; parece que non hai sensacións dunha “presión” adicional no seu traballo e, como consecuencia, a súa motivación para aprender é un factor máis que facilita (a todos, profesores e alumnos) o desenvolvemento do traballo na clase.
  • É moi positivo e satisfactorio que arredor de dous terzos do alumnado manifesten que aproveitarían a posibilidade de cursar materias adicionais en seccións bilingües. Igualmente, o feito de que a inmensa maioría decidiu con autonomía ou tras acordalo cos seus pais integrarse nesta experiencia é un dato para o optimismo e unha mostra da madurez coa que este alumnado afronta as decisións sobre a súa formación.

Un último apuntamento no resumo dos datos (positivos, na nosa opinións) anteriores: no paso de primeiro a segundo de ESO, todo o alumnado que cursou as materias bilingües en primeiro continuou cursándoas en segundo (coa excepción dun alumno que repetiu curso). No paso de segundo a terceiro continúan nas seccións bilingües as tres cuartas partes do alumnado. 

As actividades que desenvolvemos

Dentro dun desempeño no que o alumnado manifesta en xeral un alto grao de motivación, que alimenta e se alimenta dun profesorado que poderiamos describir xenericamente como “axitador”, o normal é unha práctica docente na que a innovación resulta constante. A idea xeral é a de compartir sen medo os inxentes recursos dispoñibles en inglés, como consecuencia de ser o vehículo de comunicación máis habitual no ámbito da ciencia; así, o uso de animacións, vídeos, laboratorios en liña (exemplo: PhET da Universidade de Colorado; unha auténtica xoia que non deixa de medrar e mellorar), podcasts etc. son habituais tanto no traballo na clase coma nos “deberes” asignados.

Entre todas estas actividades, é de destacar no presente curso a participación do grupo de terceiro de ESO en Xplore Health (http://www.xplorehealth.eu/es), portal educativo sobre investigación biomédica. No primeiro trimestre, traballamos na clase a actividade (http://www.xplorehealth.eu/es/recursos-para-educadores) “Participa na investigación dun fármaco”, que posteriormente se desenvolveu como práctica de laboratorio xunto co xogo de diálogo (e debate) “Acceso ao tratamento” durante unha xornada na Casa do Home (Domus).

 
 
 

Todo o protocolo para a realización da práctica se traballou en inglés e a actividade foi un éxito entre os alumnos que, por unhas horas, foron investigadores que sintetizaban un fármaco.

Desde ese momento seguimos traballando coas diferentes actividades e xogos do portal, usando sempre indistintamente os protocolos e guías en inglés e español.

Os pasos que cómpre dar no futuro son os de seguir ampliando as seccións a outros niveis e materias e, sobre todo, difundir as nosas achegas a través da páxina web do centro. Con isto, queremos contribuír ao crecemento dunha comunidade de intercambio que xa estamos aproveitando para o noso traballo e que debe ampliarse para facilitar e enriquecer a incorporación á experiencia desde outros centros. 

Recomendacións bibliográficas

Sen ánimo de abarcar todas as necesidades nin todas as posibilidades de traballo, indicamos algúns títulos que nos inspiran e que consideramos de utilidade para calquera profesor ou profesora que traballe en CLIL.

1. Materiais plurilingües 3.0: formación, creación e difusión

 
 

Texto que se pode descargar no portal da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria:

http://www.edu.xunta.es/contidos/rede_linguas/?q=node/382

(comprobado en febreiro de 2012)

Recolle unha selección das actividades desenvolvidas polo profesorado que participou nos últimos cursos no programa PALE (actualmente PIALE). 

 

2. DELLER S. e  PRICE C. (2007):Teaching Other Subjects Through English.

Oxford University Press,  p. 151 (ISBN 978 0 19 442578 0)

Escrito especificamente para proporcionar recursos e materiais para profesores CLIL. Consiste en arredor de 60 actividades para a clase nas que se empregan como exemplos temas clave dos currículos de diferentes materias do ensino secundario que son adaptadas para conseguir diferentes contextos de ensino. As actividades atenden á mellora do vocabulario, habilidades lingüísticas en xeral, obter e asimilar nova información e á consolidación e revisión usando diferentes recursos, contextos e organización no traballo da clase.

 

3. KATHERINE S. MCKNIGH: The Teacher's Big Book of Graphic Organizers: 100 Reproducible Organizers that Help Kids with Reading, Writing, and the Content Areas. Publisher: Jossey-Bass; 1.ª edición (xuño 8, 2010) ISBN-10: 0470502428

ISBN-13: 978-0470502426

Diferentes estudos mostraron como a organización visual da información lles axuda aos estudantes a aprender. Aquí preséntanse máis de 100 modelos con suxestións sobre o seu uso en diferentes contextos e materias do currículo.

 
 

A imaxe anexa presenta un exemplo concreto de uso de organizador gráfico chamado “cyber vocabulary detective”. Constitúe un modelo fácil de usar e, ao mesmo tempo, moi útil para contextualizar mellor e arquivar de xeito ordenado o novo vocabulario que se vai usando na clase.

 
 
 

4. No ámbito das ciencias,  RAE NELSON, M. (2010): Experiment Central Understanding Scientific Principles Through Projects. Publicado por Gale Cengage learning . ISBN 978-1-4144-7613-1

Centos de experiencias (máis de 300) de Bioloxía, Ecoloxía, Xeoloxía, Física, Química etc. explicadas e desenvolvidas paso a paso, incluíndo xustificación, propósito, materiais e manipulacións detalladas, breve glosario, toma de datos e establecemento de conclusións… Unha enciclopedia para a experimentación nos laboratorios de ciencias.

5. California Free Digital Textbooks Initiative

Libros de texto de acceso libre na rede que son parte dunha experiencia xurdida en California nos últimos anos. Neste momento están editados diferentes textos, sobre todo de Matemáticas e Ciencias, pero tamén doutras materias.

Os libros están elaborados con diferentes enfoques: para profesores, para estudantes, manuais de prácticas, libros de traballo…

http://www.ck12.org/flexbook/

(acceso comprobado en febreiro de 2012)

 

 

Palabras clave: 
Sección: