Alta e actualización do alumnado desde o informe AL955 do XADE

Este procedemento fai dúas cousas:

  • Dar de alta novas contas de usuario da aula virtual para o alumnado que entra novo no centro. No caso de ter eliminado previamente todas as contas de usuario do alumnado, este procedemento daraos a todos de alta.
  • Actualizarar as contas de usuario do alumnado que xa foi dado de alta previamente desde o informe AL955 do XADE.

Con este procedemento máis o previo de dar de baixa o alumnado que abandona o centro, en cada inicio de curso escolar acadamos o conxunto de contas de usuario necesario para o alumnado do centro.

Para o caso do alumnado xa existente vanse actualizar os valores dos campos Departamento e Grupo actualizando así a información sobre o grupo-aula no que está matriculado cada alumno e alumna, datos que posteriormente facilitarán o proceso de matriculación nos cursos. Actualizarase ademáis o valor do correo electrónico de cada alumno. Para o alumnado maior de 14 anos ou que cumpra os 14 anos no presente ano natural, o informe AL955 do XADE incorporará o correo electrónico que teña na súa ficha do XADE (Datos xerais/Persoais/Correo elect). Os que non cumpran este criterio de idade e os que non teñan un correo electrónico na ficha do XADE irán co correo nonresponder@edu.xunta.gal

Un administrador da aula virtual debe seguir estes pasos:

  • Obter, revisar e preparar o informe AL955 do XADE.
  • Ir a Administración do sitio > Usuarios > Contas > Cargar usuarios
    • Subir o ficheiro en formato CSV obtido do informe AL955 do XADE.
    • Escoller o delimitador. Se non se cambiou será o valor por defecto do punto e coma (;).
    • Escoller a codificación. Recoméndase traballar sempre con UTF-8. Se previamente temos aberto e gardado o ficheiro CSV con Libre Office Calc, non teremos problema neste sentido porque esta aplicación traballa por defecto con esta codificación. Se o temos aberto e gardado con outra aplicación de folla de cálculo, seguramente cambiou a codificación por outra e cando carguemos o usuarios no Moodle non poderemos ver correctamente as vogais con acento e as eñes. Recoméndase preparar o ficheiro CSV con Libre Office Calc.
    • En "Vista previa das filas" podemos elixir un valor maior que 10 para ver máis datos e así facer unha mellor verificación da corrección dos mesmos.
    • Prememos no botón Cargar usuarios.
Subir ficheiro CSV
  • Verificamos que os datos vense correctamente.
    • Debemos verificar que eñes e acentos vense correctamente.
    • Se observamos caracteres estraños nos campos de nome (firstname) e apelidos (lastname) será debido a que os datos están gardados nunha codificación diferente á que seleccionamos na pantalla anterior. Recomendamos traballar sempre con UTF-8. Neste caso deberiamos volver abrir o ficheiro CSV na folla de cálculo e asegurarnos de que o gardamos coa codificación correcta.
Vista previa dos datos
  • Configuramos o proceso de carga de usuarios.
    • En Tipo de envío, eliximos a opción "Engadir os novos e actualizar os usuarios existentes".
    • En Detalles de usuario existente eliximos a opción "Sobreescribir con valores de arquivo".
    • En Xa existe un contrasinal deste usuario, temos dúas posibilidades:
      • "Sen cambios": Os usuarios existentes, alumnado do ano pasado, seguirán entrando co contrasinal que xa tiñan.
      • "Actualizar": Pónselle o contrasinal changeme igual que a os usuarios novos e terán que cambialo no primeiro acceso. Se se considera que moitos alumnos e alumnas terán esquecido o seu contrasinal, sería recomendable elixir esta opción. Se non se fai así nun primeiro momento e aparece logo a necesidade, sempre se pode volver cargar o ficheiro para actualizar todo o alumnado con esta opción.
    • En Previr duplicados de enderezos de correo eliximos Non xa que pode haber varios usuarios co correo nonresponder@edu.xunta.gal
    • En Estandarizar os nomes de usuario eliximos Non xa que non é necesario e non queremos que haxa ningún cambio respecto dos valores que saen do informe AL955.
Cofiguración da carga
  • Prememos no botón Cargar usuarios.
Cargar usuarios

  • Revisamos o resultado do proceso de carga.
    • As mensaxes de "Enderezo duplicado" e "changeme A directiva de contrasinais non é válida" son só informativos e non teñen importancia.
Resultado da carga
    • Ao final do listado vemos o resumo.
      • Se indica algún erro debemos revisar o listado anterior para localizalo.

Resumo da carga




Última modificación: Mércores, 7 de Setembro de 2022, 19:05