Permitir que o profesorado faga copias de seguridade de cursos incluindo datos de usuarios

Nesta páxina descríbese o procedemento para que un usuario Administrador do sitio conceda aos profesores/as do centro o permiso para incluir nas copias de seguridade dos cursos os datos relativos á participación dos usuarios (alumnado e profesorado) no mesmo.

Seguiranse os seguintes pasos:

  • Acceder á Administración do sitio > Usuarios > Permisos > Definir roles
  • Editar o rol Profesor (editingteacher)

Editar o rol Profesor

  • Buscar o permiso moodle/backup:userinfo, concedelo e gardar.

Conceder o permiso

Hai que ter en conta os riscos de seguridade e contra a protección de datos de carácter persoal do alumnado que pode ter a mala utilizacións deste permiso:

  • Estas copias de seguridade non só incluirán os datos relativos á participación dos usuarios no curso senón tamén os datos das contas de usuario, de xeito que se estas copias foran restauradas en outra aula virtual, incluindo os datos dos usuarios, estes usuarios serían dados de alta na nova aula virtual, cando en realidade non serían usuarios da mesma.
  • Esas copias conteñen datos de caracter persoal do alumnado. Ademais de datos como nome, apelidos ou correo electrónico, tamén os datos de cualificacións.
  • Desas copias de seguridade poderían extraerse os datos de acceso dos usuarios, comprometendo as súas contrasinais.

Para evitar estes riscos son importantes varias medidas:

  • Que o profesorado teña contrasinais fortes que sexan difíciles de adiviñar. No caso de que alguén conseguira suplantar a identidade dun profesor/a podería extraer os datos persoais do seu alumnado.
  • Que se faga unha custodia axeitada dos ficheiros de copia de seguridade. No caso de que se descarguen estas copias de seguridade desde a aula virtual, estas nunca deben quedar en ordenadores de acceso público, como pode ser a sala de profesores do centro, nin tan sequera no ordenador particular, xa que podería quedar comprometido por algún virus. O axeitado sería almacenalas exclusivamente nun dispositivo externo que non se use habitualmente, mellor nun soporte tipo CD ou DVD.
  • Sería recomendable conceder este permiso só de xeito temporal, unha vez finalizado o curso para que o profesorado faga as copias, e quitalo pasado un periodo de tempo establecido, por exemplo antes de iniciarse o novo curso.
Última modificación: Luns, 13 de Setembro de 2021, 17:54