SCORM / AICC

Un paquete SCORM (Sharable Content Object Reference Model, Modelo de Referencia para Obxectos de Contido Compartibles) é un bloque de material web empaquetado segundo o estándar SCORM de obxectos de aprendizaxe.

Dito estándar está baseado en XML para representar a estrutura dos cursos, o que permite utilizalo en diferentes ámbitos virtuais de aprendizaxe.

Estes paquetes poden incluír páxinas web, gráficos, programas Javascript, presentacións Flash e calquera outra cousa que funcione nun navegador web.

O módulo SCORM integrado en Moodle permite cargar doadamente calquera paquete SCORM estándar e convertelo en parte dun curso.

Cada vez son máis as editoriais que publican materiais didácticos en paquetes SCORM que poderiamos deste modo importar á nosa aula Virtual.

Ademais, algunhas outras plataformas virtuais de aprendizaxe permiten tamén exportar os seus contidos neste formato.


Características dos paquetes SCORM

O paquete é un arquivo particular con extensión zip (ou pif) que contén arquivos válidos de definición de curso SCORM ou AICC.

Un paquete SCORM contén na raíz do zip un arquivo chamado imsmani-fest.xml o cal define a estrutura dun curso SCORM, a localización dos recursos e moitas outras cousas.

Un paquete AICC está definido por varios arquivos (de 4 a 7) con extensións definidas.

SCORM baséase en XML para representar a estrutura dos cursos, o que permite utilizalo en diferentes ámbitos virtuais de aprendizaxe.

Mediante unha API, permite a comunicación entre os ámbitos virtuais de aprendizaxe e os contidos.


Como engadir un paquete SCORM

Para engadir un paquete SCORM hai que activar o modo de edición e na lista despregable "Engadir unha actividade... " seleccionamos SCORM para engadilo na sección que nos interese.

Isto lévanos ao formulario de configuración onde completaremos os campos que se describen a continuación.

Xeral

  • Nome: texto identificativo co que quedará enlazada a actividade na páxina principal do curso, dentro da sección elixida. Pódense incluír marcas ou etiquetas HTML para resaltar parte ou a totalidade do nome.
  • Informe: resumo dos obxectivos da actividade e información acerca dos seus contidos.
  • Paquete: selección do arquivo zip en formato SCORM para subilo ao servidor. Non se debe descomprimir nin restaurar o paquete SCORM.
  • Método de cualificación: os resultados dunha actividade SCORM/AICC móstranse en páxinas que poden cualificarse de diversas formas:
    • Situación de SCOes (obxectos de aprendizaxe compartibles): este modo mostra o número de SCOes aprobados/completados para a actividade. O valor máis alto é o número total de SCO.
    • Cualificación máis alta: mostrarase a puntuación máis alta obtida polos usuarios en todos os SCOes aprobados.
    • Cualificación media: se eliximos este modo, Moodle calculará a media de todas as puntuacións.
    • Cualificacións sumadas: con este modo sumaranse todas as puntuacións.
    • Cualificación máxima: como sucede con calquera outra cualificación máxima en Moodle, podemos escoller un valor entre 1 e 100.
  • Número de intentos: especifica o número de intentos, que pode chegar a ser ilimitado.
  • Tamaño de marco/ventá: define o tamaño da ventá ou marco onde se abrirá a actividade.

Opcións do módulo común

  • Modo de grupo: establece a forma de interacción entre os membros dos grupos de traballo.
  • Visible: permite mostrar ou ocultar a actividade aos estudantes.

Unha vez configurado o paquete SCORM, este quedará inserido como un contido ou actividade máis do curso.

Non obstante, SCORM é un estándar moi pouco respectado polo que estas variacións do formato poden dificultar que os paquetes SCORM sexan realmente transportables dun lugar a outro e funcionen sen problemas en calquera ambiente, como é o seu propósito.

Última modificación: Mércores, 23 de Decembro de 2015, 11:06