Documentación

Novidades destacadas

Moodle 3.9
Esta é a versión de Moodle empregada na aula virtual desde agosto de 2021. A interface parace similar á da versión 3.3, polo que non debería haber moitos problemas. O Manual Moodle 3.9 para el profesor da Universidade Politécnica de Madrid ofrece información detallada sobre esta versión de Moodle.
Moodle 3.3
Trala actualización de software realizada pola consellería no mes de xullo de 2020, a aula virtual funciona coa versión 3.3 de Moodle, do ano 2017, que incorpora moitas melloras e novas funcionalidades con respecto da versión empregada anteriormente, a versión 2.6 do ano 2013.
Tema gráfico Boost
Boost é un tema novo que proporciona unha experiencia de usuario mellorada. A interface ten tres elementos principais:
  1. A barra de navegación está situada á esquerda e pode ocultarse e despregarse facilmente mediante o botón da esquina superior esquerda.
  2. O menú do usuario, situado na esquina superior dereita, desprégase ao pulsar no nome ou na icona do usuario.
  3. O menú de administración, anteriormente situado á esquerda debaixo da barra de navegación, desprégase agora pulsando nunha roda dentada situada na esquina superior dereita da portada do curso, ou de cada actividade ou recurso.
Editor de texto Atto
Atto é o novo editor de texto predeterminado do sistema; está mellor integrado na nova interface pero non ofrece tantas opcións como o editor anterior, TinyMCE. Cada usuario pode seleccionar como editor predeterminado o que máis lle guste: consulta como facelo en Cambiar o editor de texto.
Papeleira de reciclaxe (Recycle bin)
A nova versión de Moodle inclúe unha papeleira de reciclaxe (recycle bin) onde as actividades e recursos eliminados permanecen durante catro semanas antes de ser eliminados definitivamente. Accédese a ela mediante o menú de administración (a roda dentada).
URL
O novo enderezo da aula virtual é https://www.edu.xunta.gal/centros/iessantairene/aulavirtual, sen un «2» ao final. Aínda que de momento o enderezo vello redirixe as peticións automaticamente ao enderezo novo, nunca está de máis actualizar os marcadores do navegador.
Organización da aula virtual
Aproveitando a revisión necesaria dos axustes da aula virtual trala actualización do software, reorganizáronse os cursos en categorías orientadas cara ao alumnado, reducindo tamén o seu número para facilitar o mantemento. Simplificouse tamén a creación de cursos e creouse unha categoría oculta Papeleira para trasladar os cursos desbotados. Realizáronse tamén axustes nas convencións de denominación dos cursos para ofrecer unha imaxe máis coherente e uniforme: os nomes de todos os cursos expresaranse en galego, igual que se fai con todas as materias na documentación oficial. Prégase a todo o profesorado que revise atentamente estas novas pautas de Organización da aula virtual á hora de crear e editar os seus cursos.

Condicións de uso

  1. A prestación deste servizo está condicionada a que o alumnado permaneza matriculado no centro, ou o profesorado manteña o seu destino no mesmo.
  2. O servizo terminarase sen previo aviso cando o alumnado cause baixa ou non renove a súa matrícula, ou o profesorado cese no seu destino no centro: é a súa responsabilidade descargar e almacenar pola súa conta todos os documentos que desexen conservar antes da terminación do servizo, así como, no caso do profesorado, facer copias de seguranza dos cursos que queiran conservar.
  3. Todas as normas do centro teñen plena vixencia na aula virtual.
  4. Todas as notificacións e mensaxes da aula virtual enviaranse aos enderezos de correo do alumnado no dominio iessantairene.es.

Organización da aula virtual

Categorías de cursos

Os cursos da aula virtual organízase principalmente en categorías por cursos e niveis de ensino: 1º ESO, 2º ESO, 3º ESO, 4º ESO, 1º Bacharelato, 2º Bacharelato, Materias Pendentes, ESA 3, ESA 4, 1º Bacharelato Adultos e 2º Bacharelato Adultos. Nestas categorías só deben estar visibles os cursos usados actualmente co alumnado; os cursos non usados deberán ocultarse para conservalos, ou ocultarse e moverse á categoría oculta Papeleira para que o administrador da aula os elimine definitivamente.

Hai cinco categorías adicionais: Outros Cursos, para outros cursos dirixidos ao alumnado que non correspondan ás categorías indicadas anteriormente; Formación do Profesorado, para cursos dirixidos ao profesorado do centro; Cursos de Práctica, para prácticas e probas do profesorado; a categoría oculta Arquivo, para almacenamento de materiais e recursos diversos; e a categoría oculta Papeleira para os cursos desbotados. Todos os cursos das categorías ocultas deben estar tamén ocultos.

Denominación dos cursos

Na configuración dos cursos hai tres datos que figuran na portada da aula e que, polo tanto, deben axustarse a unhas pautas comúns e expresarse en galego, poñendo en maiúscula a letra inicial de cada un dos substantivos e adxectivos dos nomes de cursos e categorías.

En xeral, nos cursos dirixidos ao alumnado, o Nome completo do curso consistirá no nome da materia seguido do curso e da letra ou letras do grupo ou grupos, se hai cursos diferentes para os distintos grupos. Se o nome completo da materia é demasiado longo, empregaranse as formas abreviadas habituais, p.e. Matemáticas Académicas en lugar de Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Académicas, ou Inglés en lugar de Primeira Lingua Estranxeira I: Inglés.

O Nome curto do curso debe consistir nas iniciais do nome completo do curso (sen as letras do grupo), un guión, e as iniciais do nome e apelidos do profesor ou profesora que crea o curso. En caso necesario, incluiranse outras letras dalgunha palabra para evitar coincidencias. Se o nome na materia consta dunha soa palabra, usaranse as primeiras letras. Por exemplo:

Nome completo do curso Nome curto do curso
Lingua Castelá e Literatura 2º ESO BC  LCL2E-AFL
Matemáticas Académicas 3º ESO MAc3E-FBR
Matemáticas Aplicadas 3º ESO MAp3E-FBR
Música 3º ESO Mus3E-FBP
Xeografía e Historia 4º ESO XH4E-MAH
Inglés 1º Bacharelato A Ing1B-JFT
Grego 2º Bacharelato Gre2B-RBB

A Descrición deixarase en branco, salvo para indicar o nome completo da materia (p.e. Primeira Lingua Estranxeira I: Inglés 1º Bacharelato), ou no caso de que o profesor ou profesora considere oportuno realizar unha breve descrición da materia (menos de 40 palabras), evitando o uso da letra negra ou palabras en maiúsculas, ou calquera outro formato que destaque indebidamente. En ningún caso se usará a Descrición para dar instrucións ou incluír contidos do curso.

Última modificación: Venres, 6 de Agosto de 2021, 10:26