Skip to Content

AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE FORMACIÓN EN LINGUAS ESTRANXEIRAS NO ANO 2024

ORDE do 29 de xaneiro de 2024 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2024, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento ED504B).
O contido desta orde e a información complementaria atoparase na páxina web:
https://www.edu.xunta.gal/axudasle

Persoas destinatarias: Alumnado de centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, matriculado no curso 2023/2024 no réxime xeral de 1º e 2º Bacharelato que cumpra os requisitos establecidos no artigo 3 da orde de convocatoria.
Prazo de solicitude: do 13/02/2024 ata o 12/03/2024 (ambos incluídos)
Solicitude: Realizarase a partir da aplicación dispoñible na páxina web do programa (https://www.edu.xunta.gal/axudasle), non sendo válidas as solicitudes que non procedan deste xeito.
Presentación da solicitude: As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Procedemento: ED504B Actividades de formación en linguas estranxeiras.


Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.


VISITA A PULL&BEAR

O alumnado de 2º curso de Bacharelato dentro da materia "Economía e Deseño de modelos de negocio" visitaron o pasado 28 de febreiro a sede de Pull&Bear en Narón, pertencente ao grupo Inditex. Alí puideron coñecer o funcionamento da empresa, o proceso de distribución que seguen os produtos, así como coñecer as súas modernas instalacións.


VISITA A LIBRERÍAS E BIBLIOTECAS DA CORUÑA

O alumnado de Literatura Galega do século XX e actualidade realizou unha saída o 27 de febreiro para coñecer algunhas das bibliotecas e librerías da Coruña.
O percorrido comezou na librería Moito Conto, na que descubriron outro xeito de achegarse aos libros e á lectura, e na cal puxeron de manifesto o seu gran coñecemento respecto das editoriais galegas e dos escritores e escritoras máis actuais. A seguir, na librería Bululú tiveron unha pequena aproximación ao
labor editorial.
Na Biblioteca da Deputación da Coruña puideron observas as distintas salas de lectura, as máquinas de microfilm e os fondos da videoteca.
A mañá rematou cunha visita á exposición do fotógrafo berlinés Helmut Newton no Porto da Coruña.

 

SOBRE A NOTICIA DE LA VOZ DE GALICIA

O domingo 25 de febreiro de 2024, o diario La Voz de Galicia publicou, na páxina 9 da sección Local da Edición de A Coruña, un artigo asinado polo periodista Toni Silva cheo de falsidades, falsidades facilmente demostrables que se inician no Titular, continúan na Entrada e discorren ao longo do corpo do texto.

O periodista, lonxe de facer o traballo que se lle presupón á súa profesión, en ningún momento tentou contrastar os datos co centro; semella que deixou de lado a súa función primordial, que é informar, e dende o titular buscou situar os lectores en contra dos profesionais e de alumnado deste centro. En definitiva, estamos ante unha “noticia”  de corte amarelista, máis propia dun tabloide que de un xornal serio.

Lamentamos enormemente as repercusións que esta suposta noticia poida ter no alumnado e na convivencia no centro, así como os comentarios de odio contra menores que a publicación está xerando nas redes sociais.

Máis alá do menoscabo do nome do centro, que é o único nome que non se oculta, e a falta de respecto cara ao profesorado e ao noso traballo, este tipo de publicacións o que provocan é minar a confianza do alumnado e das familias, facendo que as vítimas de acoso se sintan desprotexidas e se xere a sensación de que aqueles que as deben protexer e axudar están mirando cara outro lado, o que tamén é falso.

Claustro de profesores do IES María Casares

ADMISIÓN ALUMNADO CENTROS ADSCRITOS

Rematado o procedemento de reserva de postos escolares para o alumnado procedente dos centros adscritos (CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal e CEIP Luís Seoane), informamos que os postos dispoñibles en 1º de ESO no IES María Casares para o curso escolar 2024-2025 son suficientes para atender todas as solicitudes presentadas en prazo.

De conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas, a listaxe definitiva do alumnado con posto reservado está exposta no taboleiro de anuncios dos centros adscritos e de adscrición.

Tamén se pode consultar a información de forma telemática a través da aplicación admisionalumnado, empregando a Chave 365 ou certificado dixital. 

SUBVENCIÓN DO CONCELLO DE OLEIROS

O Concello de Oleiros ACORDOU, mediante Decreto de Alcaldía nº 2023003335, de 26 de xuño de 2023, CONCEDER ao IES María Casares unha subvención por importe de 11.860,00 € (once mil oitocentos sesenta euros) para os seguintes conceptos: “Realización de actividades complementarias e materiais didácticos".

VISITA TECNOLOXÍA E ENXEÑERÍA 1º BAC

O pasado 15 de febreiro o alumnado de Tecnoloxía e Enxeñería  realizou unha saída didáctica para coñecer o proceso produtivo e extractivo de dous metais moi empregados como son o aluminio e o cobre.

Visitamos as instalacións de Aluminios Cortizo en Padrón e a Mina de cobre de Touro.

A continuación pódese ver unha reportaxe de todo o que puidemos observar.

Gracias ás empresas por atendernos tan amablemente.

 

ENTROIDO 2024

O Entroido deste ano chegou cun cambio de localización por mor do mal tempo. A chuvia imposibilitou que se celebrara no tradicional espazo da pista. O pavillón serviu de refuxio a todos os participantes no desfile.

A premisa foi utilizar a reciclaxe en todos os disfraces. Os grupos tiveron que mostrar a súa creatividade usando papel e cartón para elaborar os seus traxes. Os gañadores deste curso foron os alumnos de 2º ESO B, cunha comparsa denominada "Fórmula 1". O segundo premio foi para  3º ESO A, que recrearon a entrada das "celebrities" na gala MET. 

Podedes ver máis imaxes e vídeos do acto no blog da biblioteca

Moitos parabéns aos gañadores!!

 

 

CHARLAS A PONTE: NANOTECNOLOXÍA: REALIDADE OU FICCIÓN

O 7 de febreiro, dentro do programa A Ponte da Universidade de Santiago de Compostela, recibimos o profesor de física Francisco Fraga López. O alumnado de 1º de Bacharelato asistiu a unha charla en que descubriron como a nanotecnoloxía vai cambiar a nosa vida.

Puideron coñecer por exemplo aplicacións á prevención e curación de enfermidades, a produción de enerxía ou a consecución de alimentos máis sans e sustentables.

REPRESENTACIÓN TEATRAL EN INGLÉS

 O pasado 21 de decembro , alumnos e alumnas de 2º ESO, 3º ESO e 4º ESO  representaron en inglés a obra A Christmas Carol de Charles Dickens para o alumnado de 2º ESO. O día 5 de febreiro volveron representar a obra para os seus compañeiros de 3º ESO e 4º ESO. 

O profesorado organizador quere agradecer a marabillosa labor destes alumnos e alumnas, que foron quen de representar  a obra con tan só un mes de preparación.

THANK YOU ALL!

Aquí tedes unha mostra en imaxes do seu traballo.

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut