Profesorado

Alumnado

Complementarias

Xornadas divulgativas “As Charcas como recurso educativo”

 

O proxecto Refuxios continúa no IES Lagoa de Antela coa organización dunhas xornadas divulgativas centradas nos pequenos humidais : “As charcas como Recurso Educativo”.

Semana Europea da artesanía no IES Lagoa de Antela

 

O IES Lagoa de Antela participa na Semana Europea da Artesanía 2024. Entre os días 2 e 5  de abril celebraranse no instituto de Xinzo de Limia unha serie de actividades co obxectivo de dar a coñecer diferentes técnicas e materiais da artesanía próxima e da contorna, nas que participarán máis de 170 rapaces e rapazas. Realizaranse 8 obradoiros con Julia de la Cal (La Parabólica), Agustin Vazquez Ferreiro (Alfarería Agustín) e María Jesús Labrador Sequeiros (Bugarda). Ademais haberá dúas exposicións de artesanía no centro; unha sobre a cestería e outra sobre a olería. As actividades contan co apoio da Fundación Pública Artesanía de Galicia e do Concello de Xinzo de Limia. 

Os departamentos de Debuxo, Bioloxía e Xeoloxía e Lingua Galega xunto co Equipo de Dinamización Lingüística​​​ organizan este programa de actividades enmarcadas nunha proposta de aprendizaxe baseada en proxectos chamada Refuxios que se está a desenvolver ao longo de todo o curso. A través desta proposta achegarase ao alumnado diferentes técnicas de artesanía vencelladas ao traballo con elementos naturais como fibras vexetais ou barro, co obxectivo de utilizalas para redeseñar e transformar un dos espazos do centro a final de curso. Nos vindeiros meses a rapazada seguirá traballando estas técnicas, por unha banda coa intervención nun espazo verde do centro onde se crearán refuxios para biodiversidade e tamén coa realización de pezas empregando un forno de cerámica propio. 

Ao longo do segundo trimestre, o alumnado de 1º da ESO recolleu material de cestería das súas familias que forma parte da exposición de cestería albergada no corredor do centro. Esta exposición fai referencia á importancia do traballo con fibras vexetais e ao estudo das propias plantas, para logo ver a súa aplicación no uso dos diferentes cestos recollidos polo alumnado. Tamén se estudaron os diferentes nomes de cestos, o proceso da súa fabricación e usos, prestando especial interese aos canastros tradicionalmente utilizados na recolleita das patacas na comarca da Limia.

Así mesmo na cafetería amósase outra exposición fotográfica onde se fai un percorrido polas técnicas de traballo en barro e o seu proceso de transformación durante a cocción, para dar a coñecer materiais como o gres, o barro roxo, a arxila tradicional de Niñodaguia, ou os procesos de esmaltado. 

 

Álbum de fotografías das actividades accesible a través de Flickr

https://flic.kr/s/aHBqjBherx

 

A programación dos obradoiros será a seguinte

 

Día 2 de abril, martes:

Obradoiro de iniciación á cestería para todo o alumnado de 1º da ESO do centro, impartido por La Parabólica. Participan 45 rapaces e rapazas. Horario 10:30 a 14:10

 

Día 3 de abril, mércores

Obradoiro de iniciación á cestería para todo o alumnado de 1º da ESO do centro, impartido por La Parabólica. Participan 45 rapaces e rapazas. Horario 10:30 a 14:10

Obradoiro de iniciación á olería para o alumnado de Educación Plástica de 4º da ESO impartido por Alfarería Agustín. Participan 22 rapaces e rapazas. Horario 10:30 a 14:10

 

Día 4 de abril, xoves

Obradoiro de iniciación á cestería para todo o alumnado de 3º da ESO do centro, impartido por A Bugarda. Participan 61 rapaces e rapazas. Horario 8:30 a 14:10

 

 

ROSALÍA NA LIMIA

O 23 de febreiro celebramos o día do nacemento de Rosalía de Castro e a escritora andou de visita pola Limia.
 
A súa poesía prendeu nas alcaldías dos concellos de Baltar, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.
 
Os seus representantes abríronnos as portas para recitar uns versiños da obra en galego da poeta e así poder compartir con toda a veciñanza, a través das webs dos concellos, como nós o facemos a través desta pequena xanela, as súas verbas.
 
A través das súas voces a escritora segue a encher de música e sentimento os nosos días achegándose tamén ao pobo e saíndo das aulas.
 

Participación FPB Cociña IES Lagoa de Antela en ALIMAGRO

 

O alumnado de FPB de Cociña e Restauración dirixidos polos seus profesores Martín e Sergio participaron activamente na feira ALIMAGRO organizada polo concello de Xinzo de Limia pasado mes de Novembro.

Con pequenos bocados elaborados por eles, e participando de diferentes actividades deron mostra do bo aproveitamento da formación que reciben. Para realizar esta actividade recibiron do concello de Xinzo unha subvención de 900 €.

Noite de Reis

O día 26 de outubro alumnas e alumnos de 1º de Bacharelato e Iniciación á Arte Dramática de 3º da ESO asistiron á representación teatral de Noite de Reis, versión da obra do mesmo nome de William Shakespeare dirixida por Quico Cadaval e protagonizada polo CDG (Centro Dramático Galego). Esta adaptación sitúa a acción en Iliria, un país imaxinario á beira do Mediterráneo, onde os personaxes se abandonan ás paixóns e ao amor non correspondido, caendo vítimas de enredos e malentendidos. Todo o mundo botou unhas risas, risas a fartar no patio de butacas e nos palcos, ríase tanto que case morremos da risa. Rimos con Festas, ese personaxe que se meteu na pel de Víctor Mosqueira para facernos, coa súa voz, unhas cóxegas na barriga. E aínda que quixemos sufrir con Violeta non puidemos de tanta risa. 

Fotos