Skip to Content

Blogue de Secretaría

O alumnado de 2º de ESO achégase ao Día de Muertos mexicano

Que sabemos do Día de Muertos, unha das tradicións máis arraigadas en México? Os alumnos e as alumnas de 2º de ESO seguro que saben moito despois da actividade na que participaron o pasado xoves 2 de novembro.

A auxiliar de conversa do CEIP Plurilingüe de Foz Nümero 1, Cristina, deu unha charla en inglés para achegar este costume ás rapazas e rapaces de 2º de ESO.

Acostumados como estamos hoxe en día a todo o que rodea a Samaín e a Halloween, Cristina achegou ao instituto de Foz unha das festas con maior sona no país norteamericano e que máis fama acadou tamén durante os últimos anos en todo o mundo.

Participa no concurso de microrrelatos!

Gústache escribir? Tes historias interesantes que contar? Se é así, non podes deixar escapar a oportunidade de participar no Concurso de microrrelatos que convoca a Biblioteca.

Cun texto de non máis de 500 palabras, creatividade e unha trama baseada nas emocións, poderás participar nesta iniciativa que xira en torno ao tema escollido este ano pola Biblioteca.

Haberá premios en dúas categorías: unha para alumnado de 1º e 2º de ESO e tamén de FP Básica e outra para alumnado de 3º e 4º de ESO, Bacharelato e FP. Os premios consistirán en vales para canxear en calquera libraría de Foz.

O prazo para presentar a túa obra está aberto ata o próximo 13 de decembro e deberá entregarse ao correo electrónico biblioiesfoz@gmail.com en formato PDF con nome e apelidos da autora ou autor e o curso no que está. Aquelas ou aqueles que non podan envialo por correo electrónico, poden pórse en contacto coa encargada da biblioteca, Ana Carrera, para buscar unha maneira alternativa de participar.

Os relatos premiados daranse a coñecer despois das vacacións de Nadal.

Carmen Barba, terceira no Skills de Servizos de Restauración

Carmen Barba

 

A alumna de segundo ano do Ciclo Medio de Servizos de Restauración, Carmen Barba, vén de acadar o terceiro posto na clasificación do Galicia Skills 2023. Coñecidas como as Olimpiadas da FP, a súa fase galega discurriu en Silleda durante os días 25 e 26 de outubro.

Na competición participaron un total de 200 estudantes de 84 centros diferentes e 24 especialidades. Durante dúas xornadas, Carmen Barba tivo que demostrar as súas destrezas competindo con outros seis centros galegos.

As probas consistían en realizar actividades de preparación, presentación e servizo de alimentos e bebidas así como as de atención á clientela no ámbito da restauración. Entre outras,  tivo que identificar viños e licores, preparar cafés e cócteles, forrado de mesas e dobrado de panos...

Nas fotografías aparece, por unha parte, catando viños nunha das probas, e, por outra, xunto ao subdirector do IES de Foz, Xosé Luis Ansemil, e os profesores que axudaron a preparala, Marcos Santamaría e Xosé Ríos.

A Semana Micolóxica chega ao instituto

O IES de Foz celebra entre os días 6 e 10 de novembro a súa Semana Micolóxica. Están previstas diferentes actividades e contidos, relacionadas co mundo dos cogomelos que terán como protagonistas ao alumnado de hostelería. O martes desprazaranse ao Campo do Oso na Pastoriza para recoller diversas especies, sendo posteriormente clasificadas na aula e expostas no centro.

A actividade estrela da semana é a degustación que se ofrece á comunidade educativa ás 14.30 horas do xoves, onde se poderán probar máis de vinte elaboracións. En todas elas, o eixo central será este froito do noso outono.

O instituto de Foz gaña o concurso 'Ciberseguridade no cole'

Ciberseguridade

O IES de Foz gañou o pasado venres 3 de novembro III Concurso Ciberseguridade no cole. Nesta competición participaron en liña un total de 6.000 escolares de 120 centros educativos de Galicia. Os seis centros finalistas asistiron á final na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, que contou co bo facer de Esther Estévez, coñecida presentadora que conduce o programa Dígocho eu.

O concurso está promovido por Telefónica e dirixido a escolares de entre 10 a 14 anos, co obxectivo de conciencialos sobre os riscos aos que se enfrontan co uso das tecnoloxías dixitais, ademais de ensinarlles boas prácticas de ciberseguridade de xeito ameno. O premio consiste en material para o centro como un Ipad, libros, un proxector ou un apple pencil.

 

O IES de Foz acode a Gastronomika en San Sebastián

O alumnado de segundo de ciclos do IES de Foz participou no congreso Gastronomika, celebrado en San Sebastián entre os días 9 e 11 de outubro. As alumnas e os alumnos aproveitaron unha xornada de formación cos chefs máis relevantes do panorama actual. 
 
Esta viaxe estivo organizada pola Aula de emprendemento do instituto que pretende achegar o alumnado ao sector empresarial.
 
Gastronomika

Difusión Campaña de Publicidade Aula de Capacitación Dixital

Reseñas publicadas en prensa da aula de capacitación dixital do IES de Foz

Grupos-Aulas-Titores

a

a

Distribuir contido


by Dr. Radut