klim


A dona que eu am'e tenho por senhor
amostrade-mi-a, Deus, se vos em prazer for,
se nom dade-mi-a morte.
A que tenh'eu por lume d'estes olhos meus
e por que choram sempre, amostrade-mi-a, Deus,
se nom dade-mi-a morte.
Essa que vós fezestes melhor parecer
de quantas sei, ai Deus!, fazede-mi-a veer,
se nom dade-mi-a morte.
Ai, Deus! qui mi-a fezestes mais ca mim amar,
mostrade-mi-a u possa com ela falar,
se nom dade-mi-a morte.
BERNAL DE BONAVAL


Non coidarei xa os rosales
que teño seus, nin os pombos:
que sequen, como eu me seco;
que morran, como eu me morro.
ROSALÍA DE CASTRO


O rei tiña unha filla
que morría de amor,
e por vela curada,
sen máis declaración,
ó Amor,queiras non queiras,
do reino desterrou.
O Amor, moi xuicioso,
obedecendo a lei,
camiño do desterro
foise co que era seu:
cos bicos e coas rosas...
¡e coa filla do rei!
RAMÓN CABANILLAS

Estan as nubes chorando
por un amor que morreu
Estan as ruas molladas
de tanto como choveu...
Lela, lela...
Leliña por quen eu morro
Quero mirarme
nas meniñas dos teus ollos
Non me deixes
e ten compasion de min
Sen ti non podo
sen ti non podo vivir
Dame alento das tuas palabras
dame celme do teu corazon
Dame lume das tuas miradas
dame vida co teu dulce amor
Lela, lela ...
Sen ti non podo
Sen ti non podo vivir ...
CASTELAO


Quéimame no peito un fogo
de amor, que na ausenza medra.
Lonxanía que me arredra
de ti, mais me apreixa logo.
E niste amoroso xogo
por esvaír teu engado
todo o que levo ganado
é queimarme neste fogo.
BLANCO AMOR


Cando quero vivir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando semento a espranza.
Digo Moraima
e ponse azul a alba.
Cando quero soñar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a noite é pechada.
Digo Moraima
e ponse a luz en marcha.
Cando quero chorar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a anguria me abafa.
Digo Moraima
e ponse a mar en calma.
Cando quero surrir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a mañá é crara.
Digo Moraima
e ponse a tarde mansa.
Cando quero morrer
non digo nada.
E mátame o silencio
de non decir Moraima.
CELSO EMILIO FERREIRO


Voz sen verbas:
silencio.
Mar sen auga: deserto.
Sol sen raios:
misterio.
Luz sen brillo:
coitelo.
Man sen man:
un berro.
Dor sen laios:
o tiempo.
Eu sen ti:
inferno.
GARCÍA TEIJEIRO


Dixo: Voume
E tralas súas palabras,
suspendido no aire,
quedou un silencio
que ía desfacéndose como unha flor.
EVA VEIGA


Querote como as chourizas
ben feitas
docemente
pero cun toque de picante
RAÚL GÓMEZ PATO


O amor foi
un trallazo moi forte
que rompeu a
ventá. E quedou rota
para sempre. Eu limpiei
do chan
os cristais. Corteime
con eles
en tódolos dedos.
LUPE GÓMEZ

Esta será na morte
a miña última palabra:
quen me dera ser gata
para vivirte sete veces.
OLGA NOVO


Antollouseme un tostador de pan
quero un obxeto que nos recorde
que vaia amarelando con nós
como a natacha e collo rebandas do pan de onte
que me dixo miña avoa que se fai así
e téñoche as tostas listas para cando te ergas
¿e se te vas
ou mercas un coche?
e se te vas ou mercas un coche
eu sigo facendo tostas todas as mañáns
e énchoas de bicos e de natacha
e pégochas nos retrovisores
fíxenllo unha vez ó cura por berrarme
porque eu era así de baixiña e non lle chegaba á auga bendita
e pagounas ca nai de meu pai e meu pai ofreceulle unhas ostias ó cura
e botáronnos da iglesia de toda
se te vas ou mercas un coche
mellor leva contigo o tostador do pan.
MARÍA LADO

DOMINGO-18

Vou escribir un poema de amor.
Dígolle.
Sentado á mesa. Un folio
en branco. E ela.
Tras de min.
As súas mans polo meu pelo.
Un bico lene
no pescozo.
Un poema de amor, repítolle
ceibando un sorriso.
Bicámonos.
Pásame os brazos polo peito.
Achega a súa cara á miña
e
si, un poema de amor,
dime.
Concéntrome.
Miro á parede, ao folio,
ao lapis.
Mordo os beizos, as unllas,
o lapis. Pecho os ollos.
Ela
segue tras de min.
A súa man
no meu pelo.
Os seus peitos
apreixándome.
Non cansa.
Sinto
a súa lingua
na miña orella esquerda,
as súas unllas arrañándome
o peito
e
un calafrío molesto.
Non
podo concentrarme.
Ela.
Non me solta.
Non me deixa
escribir.
E agora a orella dereita.
Collo aire.
Afástome.
Que ? Sorrí.
Veña, para xa, susurro.
Deixame escribir.
Un poema de amor,
repite.
Vale, mais bótate a un lado.
Como.
Que te botes a un lado,
xa.
Que me deixes so.
Que quero escribir.
Que vaias dar unha volta.
Que estás
moi
pesadiña.
E marchou.
KIKO NEVES

-Maruxiña dame un bico
Que ch'ei de dar un pataco.
-non quero bicos dos homes
Que me cheiran ó tabaco.
POPULAR

Última modificación: jueves, 7 de julio de 2016, 12:24