Modelo de comentario. David Hume.

Texto 2.

David Hume foi o máximo representante do empirismo moderno, corrente filosófica que desenvolveu ata as súas últimas consecuencias adoptando unha posición máis radical que a de outras grandes pensadores como John Locke, especialmente no que á crítica da metafísica tradicional respecta. Naceu en Edimburgo, Escocia, no ano 1711, e tras a súa formación inicial estudaría dereito seguindo a tradición familiar. Pese a isto decidiu dedicarse á filosofía, chegando a marchar a Francia (ingresando no colexio de La Flèche) e entrando en contacto con cos intelectuais ilustrados do continente. Durante esta época familiarizouse coa obra de outros empiristas como o propio John Locke, o cal exercería unha importante influencia nos escritos de Hume. Pese aos seus intentos de ocupar unha cátedra nas universidades británica, estas pecharíanlle as portas a causa da radicalidade das súas ideas. Traballaría como bibliotecario e finalmente como diplomático.

O contexto no que Hume desenvolveu o seu pensamento era o propicio para a produción intelectual. Os conflictos relixiosos e as loitas  entre monárquicos e parlamentaristas reduciran a súa intensidade, ao que hai que sumar o auxe das ciencias e da filosofía durante todo o século da Ilustración.

O texto a comentar céntrase na crítica que o pensador escocés realiza a un dos conceptos capitais da metafísica tradicional: a idea de substancia. Esta enténdese como algo que subxace, que permanece pese ao cambio, idea que Hume atacará para intentar derrubar as bases da filosofía previa. 

Dixemos que David Hume é o máximo representante do empirismo moderno e, por isto mesmo, considerará que todo o noso coñecemento procede da experiencia. Deste xeito criticará a existencia de ideas innatas, unha tese defendida polos racionalistas, e afirmará que a nosa mente se trata dunha tabula rasa na que a experiencia grava ou imprime información. Froito da experiencia e de vernos afectados por ela xorden na nosa mente as percepcións, das que Hume distingue dous tipos: as impresións e as ideas. Entre elas só existe unha diferencia de intensidade, é dicir, as impresións son máis inmediatas e máis vivas mentres que as ideas serán copias das impresións e, polo tanto, menos intensas, vivas e inmediatas. As impresións poden ser de sensación, se veñen dadas a partir dos datos dos sentidos, e de reflexión, se son froito de paixóns ou emocións. Ademais poden ser simples ou complexas, sendo unha impresión simple, por exemplo, a dunha cor e unha complexa a de, por exemplo, un obxecto como un bolígrafo, composta de varias impresións simples. Con respeto ás ideas Hume clasifícaas, tamén, en simples e complexas. Ás ideas simples correspóndelles unha impresión simple e non poden descompoñerse en outras ideas, as ideas complexas están formadas á súa vez a partir de ideas simples as cales derivan dunha impresión. Estas ideas complexas fórmanse a partir do que o escocés denomina como leis de asociación de ideas, as cales explicarían os procesos cos que a nosa mente asocia ideas simples para dar lugar a ideas complexas: a contigüidade, a semellanza e a causa-efecto. 

Como dixemos con anterioridade as ideas serían copias das impresións polo que se queremos saber se unha das nosas ideas é significativa, isto é, que non é unha mera ficción, esta debe proceder dalgunha impresión. A isto é o que se lle coñece como principio de significación. Precisamente este é o que emprega para criticar a idea metafísica de substancia e así se recolle no texto, xa que o autor se pregunta: "si la idea de sustancia se deriva de las impresiones de sensación o de las de reflexión". Para Hume non posuímos ningunha impresión de sensació nin de reflexión da que derive a idea de substancia como un todo, só temos unha serie de impresións simples de, por exemplo, cor, forma, etc. O que acontece é que a nosa mente, a través da imaxinación, dota de unidade a esas impresións creando unha ficción que é, precisamente, a idea de substancia: "la idea de sustancia, como la de modo, no es sino una colección de ideas simples unidas por la imaginación". Podemos comprender isto mellor a partir do exemplo que o autor emprega no texto cando menciona á idea de ouro, a cal sería unha idea composta que xorde cando a nosa mente asocia por contigüidade ou por causalidade unha serie de ideas simples. Este ataque será o que Hume empregará contra a metafísica tradicional representada por René Descartes e a súa teoría da substancia, na que distingue entre res cogitans (alma), res extensa (mundo) e res infinita (Deus). Pero antes de afondar nisto debemos aclarar un par de conceptos máis do empirismo humeano.

Como xa vimos a experiencia é o fundamento do noso coñecemento e, en base a isto, Hume distiguirá entre dous tipos de razoamentos ou xuízos: as relacións de ideas e as cuestións de feito. As relacións de ideas son as propias das ciencias formais como as matemáticas ou a lóxica e cuxa verdade ou falsedade non depende en ningún caso da experiencia: son a priori. Son xuízos universal e necesariamente verdadeiros, pois negalos implicaría caer nunha contradición: non podemos pensar nun triángulo cuxos ángulos sumen algo distinto a 180º. Por outra banda temos ás cuestións de feito, as cales para demostrarse como verdadeiras ou falsas requiren da experiencia: son a posteriori. O oposto dunha cuestión de feito (por exempo, que o Sol sairá mañá) sempre é posible, polo que para determinar a súa verdade ou falsedade requeriremos da experiencia. Son xuízos que non son de carácter universal e necesario, senón particulares e continxentes.

Hume centrará a súa filosofía na análise das cuestións de feito e xunto ao principio de significación antes mencionado derrubará as bases da metafísica clásica, medieval e moderna. Como xa vimos critica a idea de substancia xa que esta non deriva de ningunha impresión previa e atacará á tese de Descartes que afirma a existencia da res cogitans (alma), res infinita (Deus) e res extensa (mundo). Contra a idea de alma, mente ou identidade persoal (res cogitans) esgrime que non temos unha impresión de dita idea, tan só impresións e experiencias dunha serie de feitos e vivencias que a nosa memoria agrupa ficticiamente dando lugar a aquilo que chamamos "eu" ou "identidade persoal". Atendendo á idea de Deus, Hume vaise declarar como agnóstico, pois non temos unha impresión que se corresponda con dita idea ou coas ideas de infinitude e perfección mencionadas por Descartes nos seus argumentos para probar a existencia dun ser superior. Por último, o escocés negará tamén a idea de mundo, pois non coñecemos este tal cual e como é, senón tal cual e como se nos presenta: o nosos coñecementos dependen das nosas impresións e só temos impresións de cualidades simples como a cor ou a forma, tal e como reflexa o texto e como analizamos ao comezo deste comentario.

Para concluír coa crítica de David Hume aos filósofos que lle precederon este cuestionará tamén a idea de causalidade necesaria. Toda cuestión de feito, todo aquilo do que temos experiencia adoitamos identificalo como efecto dunha causa: o fume é efecto do lume, a luz é efecto dunha fonte de calor, etc. Mais, se as cuestións de feito requiren da experiencia para poder determinar a súa verdade ou falsedade, podemos falar dunha relación de causalidade con carácter necesario? Podemos dicir que un tipo de relación de causa-efecto, como que por exemplo a auga nun recipiente e en condicións ideais ferve a 100º C, se vai a dar sempre do mesmo xeito? Segundo Hume, isto non se vai a poder coñecer de forma universal posto que para poder afirmalo deberíamos poder ter unha impresión de todas as veces que nas que se vaia a dar un feito semellante, algo que non é posible. Non podemos, pois, a partir da observación do particular elaborar enunciados de carácter universal e necesario, algo que se coñece como o problema da inducción.

Con isto Hume acaba derrubando os alicerces mesmos da metafísica e da filosofía tradicional aceptando que o noso coñecemento ten uns límites, que son aqueles que marca a experiencia, e que o correcto sería adoptar unha actitude moderadamente escéptica: podemos, a través da experiencia, ter coñecementos probables e mesmo moi probables baseados no hábito e a costume, pero nunca coñecementos universais e necesariamente verdadeiros.

A crítica empirista aos preceptos racionalisas será retomada por Immanuel Kant, o cal elaborará unha síntese entre ambas escolas de pensamento para elaborar así o seu idealismo trascendental e erixirse como unha das figuras claves da Ilustración.