Skip to Content

FAQ - Preguntas frecuentes durante o confinamento

Resposta a preguntas frecuentes realizadas polo alumnado no correo electrónico do centro eoi.monforte@edu.xunta.gal

Última actualización: 22/5/2020.

1. Renuncias de matrícula de alumnado oficial
2. Alumnado oficial: docencia e avaliación
3. Alumnado libre
4. Outros

 
1. Renuncias de matrícula de alumnado oficial

Quero renunciar á matrícula para que a convocatoria deste ano non me conte. Que teño que facer?

Teña en conta que as Instrucións publicadas pola Dirección Xeral de Educación o 28 de abril de 2020 establecen o seguinte no seu punto 11.1:
"Autorízase, de xeito xeral, a ampliación nun ano do límite de permanencia nestas ensinanzas daquel alumnado que se vise afectado polas circunstancias deste curso escolar."

Polo tanto, este ano lectivo non contará para os límites de permanencia de xeito xeral para todo o alumnado, para o que renunciou e para o que non renunciou.

Mesmo así, quero renunciar á matrícula. a) Podo facelo? b) Cal é o prazo? c) E o procedemento?

a) Si, pode renunciar á matrícula se o desexa.
b) Amplíase o prazo para renunciar á matrícula ata o 30 de xuño.
Aquel alumnado que renuncie, poderá continuar estudos como alumno oficial o vindeiro curso 2020-21 no mesmo curso e nivel en que estivera matriculado e non terá que facer preinscrición, senón matricularse no prazo correspondente.
c) É preciso enviar a eoi.monforte@edu.xunta.gal o impreso de renuncia cuberto e unha copia do DNI ou NIE
 
Se renuncio á matrícula, devólvenme as taxas?

A resposta da asesoría relativa á devolución de taxas de matrícula oficial nas EOI foi que non está prevista adevolución dos prezos públicos aboados.
 
Sei que non está previsto, pero eu son alumno oficial, considero que teño dereito á devolución de taxas e quero solicitala.

Dirixa a súa solicitude á Consellería de Educación facendo unha solicitude xenérica na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

A EOI de Monforte non é competente para tomar calquera decisión extraordinaria de devolución de taxas ou prezos públicos non prevista na normativa vixente ou nas instrucións da Consellería de Educación.
 

2. Alumnado oficial: docencia e avaliación

Son alumno oficial. Como vou ser avaliado neste ano lectivo? Hai exames? Cando?

As Instrucións publicadas pola Dirección Xeral de Educación o 22 de maio de 2020 establecen o seguinte:
 
Cursos de promoción

Con data límite o 26 de xuño o alumnado destes cursos recibirá a súa calificación en términos de “apto” ou “non apto”.

De non ter superada algunha actividade de lingua terá que recuperar dita parte no mes de setembro.

O alumnado que non estea conforme coa proposta de promoción poderá optar por repetir curso e para iso deberá asinar o documento de renuncia á promoción no prazo de 3 días hábiles dende a publicación da súa cualificación.
 
Neste caso poderá volver matricularse no prazo que se estableza e sen facer preinscrición.
 
Cursos de certificación

As probas de certicación e as súas características están descritas nas “Guías informativas e de especificacións das probas de certificación”.
 
O novo calendario de probas estableceráse para cando as circunstancias sanitarias permitan a súa realización. A convocatoria ordinaria, tanto para alumnado oficial como para libre, non será antes do mes de setembro.

Son alumno oficial dun curso de promoción, non conducente a certificación oficial. Como se vai facer a avaliación continua?

As Instrucións publicadas pola Dirección Xeral de Educación o 28 de abril de 2020 establecen o seguinte no seu punto 10.6:

"Para a obtención da cualificación do alumnado teranse en conta os resultados obtidos na proba parcial de progreso, así como a valoración positiva do rendemento e a participación do alumnado na aula. As valoracións das actividades realizadas telematicamente durante o estado de alarma teranse en conta exclusivamente para aumentar a cualificación que tiña o alumnado antes da suspensión das clases presenciais polo estado de alarma."

O punto 7.5 das referidas instrucións indica tamén que "a promoción de curso será a norma xeral en todas as etapas, considerándose a repetición de curso una medida moi excepcional (...) e deberá estar solidamente argumentada e acompañada dun plan preciso de recuperación para cada alumno ou alumna."

Os departamentos didácticos da EOI de Monforte adaptaron as programacións e os criterios de avaliación previstos nos puntos 6.7 a 6.13 das referidas instrucións e están publicados na sección correspondente da páxina web.
 
Como podo seguir a docencia telemática?

Ten que porse en contacto coa sua profesora ou profesor a través do correo electrónico para informarse dos medios utilizados para a docencia telemática no seu grupo.

Que podo facer para saber cal é o correo electrónico da miña profesora ou profesor?
Pode poñerse en contacto coa escola a través do correo electrónico eoi.monforte@edu.xunta.gal indicando o nome do seu profesor ou profesora.

Que podo facer para saber cal é o nome da miña profesora ou profesor?
Envíe un correo electrónico a eoi.monforte@edu.xunta.gal, indicando o seu nome completo e DNI ou NIE e o idioma, nivel e grupo (se o sabe) en que está matriculado. Por favor, facilite todos os datos que coñeza para facilitar así tamén o noso traballo.

Que podo facer se a miña profesora ou profesor non respondeu ao correo electrónico?
Envíe un correo electrónico a eoi.monforte@edu.xunta.gal. Por favor, considere que é normal que a resposta do profesorado a mensaxes individuais no correo electrónico demore ata 48 horas.

Os medios utilizados para a docencia telemática non son os mesmos para todo o profesorado da EOI de Monforte?
Non. O alumnado da EOI de Monforte é maioritariamente adulto, e o profesorado da EOI de Monforte xa utilizaba medios de apoio á distancia á docencia presencial antes da crise da Covid-19. Por iso, priorízase a utlización de ferramentas que xa eran utilizadas polo respectivo grupo para manter o contacto á distancia. Entre os medios que o profesorado da EOI de Monforte está utilizando para a docencia telemática, alén do correo electrónico, encóntranse:
 
- Aula Virtual
- A plataforma de videoconferencia posta en funcionamento pola Consellería de Educación https://eduxunta.webex.com.
- Outros plataformas de videoconferencia (Jitsi, Skype, WhatsApp, Google Hangouts, ...etc.).
- Outros recursos educativos e de comunicación en liña.
 
Consulte a súa profesora ou profesor se non sabe cal é o medio utilizado polo seu grupo.

Case nunca fun ás clases presenciais. Teño dereito á docencia telemática?

Si, todo o alumnado oficialmente matriculado ten dereito a reincorporarse ás clases en calquera momento do curso, e tamén agora para a docencia telemática. Póñase en contacto coa sua profesora ou profesor utilizando o correo electrónico para informarse dos medios utilizados para a docencia telemática.

Por favor, teña en conta que ao longo das clases presenciais a persoa docente e as súas compañeiras e compañeiros crearon coñecemento e hábitos de traballo xuntos: é normal que inicialmente se sinta perdido e necesite tempo para adaptarse. Sexa proactivo, colaborador e tolerante, e considere que o principio fundamental deste período de docencia telemática é promover o benestar de todos os membros da comunidade educativa.

E se non teño ou deixo de ter acceso á Internet?

Póñase en contacto telefónico co centro (días lectivos de luns a venres de 10.00 a 13.00 horas no 982828991) e estudaremos a mellor solución para o seu caso.

Se estaba asistindo a videoconferencias a través de https://eduxunta.webex.com, existe a posibilidade de incorporarse á videoconferencia cunha chamada a un número de teléfono fixo.
 
Ata cando teremos clases telemáticas?
O periodo lectivo remata o 31 de maio de 2020.
Dende a dirección da escola estase a deseñar un plan de traballo telemático para o mes de xuño do que se informará unha vez consensuado coa inspección educativa

3. Alumnado libre

Xa estou matriculado. Cando van ser as probas?

As Instrucións publicadas pola Dirección Xeral de Educación o 22 de maio de 2020 establecen o seguinte:

O novo calendario de probas estableceráse para cando as circunstancias sanitarias permitan a súa realización. A convocatoria ordinaria, tanto para alumnado oficial como para libre, non será antes do mes de setembro.
 
Que fago se as novas datas establecidas para as probas non me conveñen?

O alumnado libre xa matriculado, que non poida realizar as probas nas novas datas que se establezan, pode renunciar a dita matrícula e solicitar a devolución de taxas. Esta renuncia poderase formalizar ata quince días antes da data que se estableza para o inicio das probas.

Ver Impreso de Devolución de Tasas na seccion Secretaría
 
Non me matriculei antes do 15 de marzo. Aínda podo matricularme?

A declaración do estado de alarma paralizou o proceso de matrícula libre. O novo prazo de matrícula é do 1 ao 9 de xuño de 2020 ata as 12 do mediodía.

Fixen a matrícula en liña no prazo establecido, pero non entreguei a documentación na secretaría da EOI. Como podo entregala?

No correo electrónico eoi.monforte@edu.xunta.gal, onde se poden facer todos os trámites administrativos que se facían presencialmente antes da declaración do estado de alarma.
 
 
4. Outros
 
Estou matriculado nun monográfico. Como me afecta?

A actividade lectiva destes cursos remata segundo o previsto no seu comenzo. Cada departamento fará os axustes que considere oportunos nas respectivas programacións.
 
Son alumno CUALE. Como me afecta?

Establecerase un novo prazo de matriculación para este alumnado e farase público na nosa web coa suficiente antelación.
 
Cando será a preinscición e matrícula para o vindeiro curso 2020/21?

Os prazos serán publicados coa suficiente antelación na nosa web e adaptaranse ás circunstancias derivadas da situación sanitaria.

Procurarase facilitar a tramitación por procedementos telemáticos, para evitar a presencialidade.
 
Podo recoller un título que xa solicitara ou pedir unha certificación académica?

Sí. Pode poñerse en contacto coa escola a través do correo electrónico eoi.monforte@edu.xunta.gal  ou chamando ao 982 82 89 91 de Luns a Venres de 10-13 e darémoslle cita previa para vir a recollelo.
 
 
 



page | by Dr. Radut