Festas, conmemoracións e saídas

PLAMBE

MOCHILAS CÓMIC

Durante o curso 2023-24 o lema das bibliotecas escolares de Galicia é "unha biblioteca en viñetas" para poñer en valor as posiblidades que a banda deseñada ofrece tanto para o goce lector como para a aprendizaxe curricular nas aulas. Por todo isto, dende a biblioteca do noso cra, seleccionamos unha serie de cómics de diversas temáticas que distribuimos en seis mochilas rotatorias, intercambiándoas entre as escolas unha vez ao mes. Con este material poñemos a disposición do profesorado e do alumnado variadade de temáticas, estilos e novidades de banda deseñada para o traballo nas aulas.

SEMANA DA PRENSA

Do 4 ao 8 de marzo conmemoramos a semana da prensa. Nesta semana levamos a cabo distintas actividades relacionadas coa prensa.

Deste xeito, vimos periódicos dixitais e tamén os manipulamos para coñecer as diferentes seccións e consultamos distintas temáticas como as especies invasoras en Galicia e noutras comunidades autónomas.

Tamén aproveitamos  que nesta semana tamén conmemoramos o 8M, para buscar  novas onde as mulleres destaca nalgún ámbito.

Por outra parte, traballamos outras seccións de acontecementos nas escolas  ou na contorna.

Nalgunhas escolas, mesmo preparamos un recuncho con distintos medios de comunicación antigos como radios, teléfonos, máquinas de escribir... e todo iso foi posible, grazas á colaboración das familias, sempe dispostas a axudar no que faga falta.

Agardamos que vos guste este pequeno vídeo resumo que preparamos!! 

 

ENTROIDO 2024

Un ano máis desfrutamos do noso entroido dun xeito máis que especial.

Primeiro traballamos moito, moito nas escolas facendo os nosos disfraces coa axuda das familias nuns marabillosos talleres. Este ano a nosa temática foron as festas das nosas parroquias polo que Camporrapao disfrazouse das Carrozas de San Cidrer, Sergude dos Xenerais da Ulla, Lestedo da Festa da Filloa, San Xián dos Xenerais da Ulla, San Fins da Festa da Orella e Sarandón de festa do San Migueliño.

Tivemos a nosa semana cos mandados do burro e cómo non a nosa convivencia de todas as escolas do CRA para a celebración da nosa festa.

Nun principio queriamos desfilar polas rúas de Lestedo pero por mor do mal tempo tivemos que facer o noso desfile no pavillón de Lestedo, eso sí, acompañados pola nosa Anpa e por moooooitas familias que viñeron a celebrar con nós esta grande festa. 

Cantamos as nosas coplas adaptadas ao ritmo de Zúmballe o Caneco que ideamos na clase de Música ca profe Elena e desfilamos ao ritmo do Chuletón do grupo A Requinta da Laxeira, grandes amigos e coñecidos do CRA.

Aquí vos deixamos unha pequena mostra do ben que o pasamos e o moito que traballamos.

Festa de Nadal

Que mellor maneira de despedir o trimestre con unha festa na que todos os nenos e nenas, coas familias, puideran participar na mesma.

Para iso, viaxamos ata a Casa da Cultura de Camporrapado onde nos agardaban os e as compis desta escola xunto a moitas profes e as Maimiñas, grupo que gozamos grazas á nosa querida ANPA. Coas Maimiñas puidemos cantar, bailar e sobre todo rir con un espectáculo que intentou meter a todos e todas no mesmo.

Ao rematar a actuación baixamos para degustar chocolate con panettone, biscoito, turrón e galletas e mesmo tivemos uns obradoiros por parte do profesorado. Así, a quen lle apeteceu, puido levar para casa un reno, un boneco de neve ou unha árbore de Nadal.

A continuación, xogamos e logo de despedirnos, alá subimos ao bus para voltar ás nosas escolas e comezar as vacacións de Nadal.

Ainda que xa vos fixemos chegar os nosos mellores desexos coa nosa felicitación oficial, non queremos perder a opotunidade de desexarvos o mellor e dar as grazas aos concellos e a todas as familias do CRA por confiar en nós o voso tesouro máis prezado: os vosos fillos e fillas. Graciñas mil e boas festas!!

Recomendacións lectoras Nadal

A biblioteca do CRA presenta as recomendacións lectoras para este Nadal tendo en conta as liñas prioritarias do PLAMBE deste curso, o cómic. 

Premedo nas imaxe podedes acceder ás características de cada un deles.

Bo Nadal familias!!!

O CRA Boqueixón Vedra "Neira Vilas" na Cidade da cultura

Unha vez máis sentimos fachenda do noso CRA en xeral e do noso profesorado e alumnado, en particular.

O pasado venres alá fomos ata a Cidade da Cultura para expoñer os nosos lenzos, das poesías de Neira Vilas e a súa dona, Anisia Miranda. Nesta ocasión con motivo da entrega do premio "Arume", de poesía para a infancia, da Fundación Neira Vilas.

Colocamos os lenzos e os asistentes escoitaron con atención a explicación do proceso, por parte do noso mestre Antonio, que moi emocionado convidou a todos e todas a escoitar as poesías grazas aos código QR que levaba cada lenzo integrado.

Obradoiro da ONCE con Cris e Carmen

O 3 de Decembro celébrase o día internacional das persoas con discapacidad, Con motivo desta conmemoración e grazas a Cristina e Carmen, da Fundación ONCE, coñecemos de primeira man, como facer para que unha persoa con déficit visual viva o seu día a día do xeito máis normalizado posible.

Carmen ensinounos como manexar o bastón. Cristina indicounos a mellor forma para guiar a estas persoas e a importancia que ten ter todo recollido ou os perigos que se poden atopar na rúa.

Trouxéronnos diferentes elementos que facilitan o día a día, como unha máquina que recoñece as cores, con tan só acercala á cor. Puidemos ulir rotuladores que nos recordan a algo que sexa de esa cor, como o vermello, que ulía a fresa ou o amarelo, que ulía a limón e así, descubren a cor que ten cada rotulador.

Por outra banda, coñecemos a Braille e o alfabeto que el mesmo inventou e grazas ao que a xente con déficit visual pode ler. Para iso, achegáronnos libros, bonecos cos que aprender este alfabeto, un aparello co que poder escribir e mesmo nos agasallaron co nome de cada neno e nena escrito en braille.

Ademais de desfrutar cos contos, xogamos con un lego en braille e con unha pelota con cascabel que lles axuda a tela localizada, grazas ao son que fai.

Antes de marchar, agasalláronnos con un balón hinchable da ONCE e un bolígrafo.

Como recordo do CRA, levaron todo o noso cariño e agradecemento. A nosa coordinadora de convivencia e benestar, fíxolles entrega dunha bolsa co logo do CRA, elaborada de xeito artesanal por unha artista como é "Lupe, artes decorativas", veciña de Vedra e na que se podía ler o nome de cada unha. Ademáis engadimos unha tarxeta de agradecemento que Carmen leu ante a ilusión de todos e todas.

Non nos cansaremos de agradecer a estas amigas a atención, paciencia e cariño co que chegaron a todas as escolas. Grazas mil!!

Visita de AMABUL

O pasado 29 e 30 de novembro contamos coa visita nas nosas escolas de Miriam, unha das voluntarias da asociación medioambiental AMABUL.

Dita asociación pretende difundir e concienciar acerca da importancia de mellorar e recuperar os espazos naturais da nosa contorna.

Así, Miriam falounos das especies exóticas invasoras que invaden os nosos montes, ríos e demais espazos naturais e que ocasionan graves danos na fauna e flora autóctona.

Entre ditas especies invasoras coñecemos o plumacho ou herba da pampa, o eucalipto e a Tradescantia fluminensis (herba da fortuna).

Acerca desta última, aprendemos que medra nas ribeiras do río Ulla espallándose moi rapidamente e ocasionando a perda da diversidade vexetal autóctona debido a que crea un gran manto que impide a chegada de luz solar ao resto das especies.

Por outro lado, tamén identificamos especies autóctonas como o carballo, o castiñeiro, o acivro e o loureiro. Estas son as que debemos coidar e protexer! Destacando a importancia do acivro o cal xa queda moi pouco...

Moitas grazas AMABUL! Agora os nenos e nenas do CRA Boqueixón Vedra Neira Vilas xa estamos preparados para eliminar as especies exóticas invasoras e apostar pola rexeneración das especies autóctonas.

 

 

HOMENAXEANDO A NEIRA VILAS

Un ano máis, en Novembro, quixemos homenaxear ao noso querido Neira Vilas, un amigo que nos visitou nas nosas escolas e a quen visitamos nós tamén.

Este mes sempre é especial, xa que foi cando naceu e tamén no mes que nos despedimos de el. Por iso, sempre facemos algo moi especial para telo presente.

Nesta ocasión decidimos traballar varias das súas poesías e tamén as da súa dona, Anisia Miranda. A continuación, pareceunos ben ilustralas e plasmar a nosa imaxinación en lenzos, para logo facer unha exposición con todos eles e que os puidérades gozar.

Cada escola escolleu a técnica a empregar e como as nosas familias sempre colaboran en canta cousa nos propoñemos, ata houbo mamás artistas que nos axudaron nesta iniciativa.

Como a nosa cabeza non para, quixemos que cos nosos traballos, puidéramos axudar a alguén e deste xeito, puxémonos en contacto cos servizos sociais dos nosos Concellos. Falando coas traballadoras sociais, estiveron de acordo en que lle entregásemos productos non perecedeiros, para poder axudar a algunha familia dos nosos concellos.

Deste xeito durante 2 fins de semana a exposición puido visitarse, primeiro en Gres e logo Lestedo. Cadaquén trouxo o que considerou e o recaudado levámosllo a Boqueixón e Vedra para que llo fixeran chegar a quen consideraran.

Premendo na seguinte imaxe, poderedes ver o proceso desta iniciativa. Pola nosa parte, non podemos estar máis orgullosas, orgullosos e agradecidos/as polo resultado final. 

Unha vez máis, grazas familias pola vosa colaboración!!

 

EXPOSICIÓN SOLIDARIA EN LESTEDO

Este pasado sábado inauguramos a nosa exposición de poemas de Neira Vilas e Anisia Miranda na súa casa, na Fundación Neira Vilas. Esta semana coincide que a Fundación está pechada por vacacións. Poderedes gozar das obras dos nosos/as artistas o sábado 2 e o domingo 3 de decembro, en horario de mañán, no baixo do local do campo da feira, de Lestedo. Agardámosvos!! e lembrade que a entrada é de balde pero convidámosvos a que traiades algún producto non perecedeiro, que entregaremos aos servizos socias de Boqueixón e Vedra.
Nesta ocasión tamén colabora con nós, a "A.C. Mestre Manuel Gacio", de Lestedo.
Graciñas mil a todos e todas!!

EXPOSICIÓN SOLIDARIA NA FUNDANCIÓN NEIRA VILAS

Chegou Novembro, un mes moi especial, xa que o dedicamos ao escritor que o noso centro leva o seu nome. Nesta ocasión, para conmemoralo, dende o equipo de Normalización Lingüística propuxeron unha actividade ben bonita e solidaria. Puxémonos a ler poesía e cada escola ilustrou en lenzos 2 poemas de "Cantarolas", "Quique na aldea" e "Cantos de sol a sol". Este martes, membros de este equipo, foron ata a Fundación Neira Vilas a preparar a exposición que teredes á vosa disposición este sábado 25, de 15:30 a 19 horas. Como veredes na invitación, a entrada é de balde, pero a modo de entrada solidaria animámosvos a que traiades algún producto non perecedeiro que logo repartiremos cos servizos sociais de Vedra e Boqueixón. A esposición poderase visitar este sábado e de luns 27 a xoves 30, no horario que aparece nesta publicación.

CELEBRANDO O SAMAÍN!!

          

 

  Esta semana celebramos o Samaín en todas as escolas do CRA. O Samaín é un festexo de orixe celta co que culmina a tempada das colleitas. Desde as escolas preparamos diferentes actividades:

  • Decoramos as aulas con arañas, bruxas, pantasmas, cabazas...
  • Fixemos merendas terroríficas: tumbas, pantasmas, vasoiras, riquísimas pizzas con formas monstruosas e moitas cousas máis.
  • Lemos contos con temáticas de medo.
  • Preparamos actividades para os diferentes ambientes.
  • Expuxemos as cabazas e vasoiras decoradas na casa.
  • Xogamos coa luz negra creando ambientes terroríficos.

O martes 31 viñemos tod@s disfrazad@s gozando así desta gran festa.

Distribuir contido

PLAMBE

EDLG

Robótica Educativa

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031

Iniciar sesión