Festas, conmemoracións e saídas

Cantando de sol a sol con Xosé Neira Vilas

Este pasado venres tivemos unha saída moi especial xa que visitamos a casa do noso amigo Xosé Neira Vilas. Ese amigo que nos visitou e convidou á súa casa e polo que o noso centro leva  tamén o seu nome. Nesta ocasión dedicamos o mes de novembro a preparar esta pequena homenaxe a Xosé Neira Vilas, xa que en novembro foi o mes no que naceu e morreu. Para iso escenificamos algunhas pezas do poemario infantil que leva por título "Cantos de sol a sol". Cada escola preparou coa mestra de música e as titorías, unha bonita posta en escena que trasladamos á Fundación Neira Vilas. O día elexido foi este venres 2 de decembro. Chegamos en bus, o que xa de por si é moi emocionante. Ao chegar recibiunos Chus, sempre tan hospitalaria e agradecida con todo o que lle presentamos. Convidounos a pasar ao salón de actos no que nos sentamos para comezar coa posta en escena, despois de lembrar porque estábamos en Gres.

Xa todos e todas co sitio collido, foron pasando as escolas coa súa pequena pero emotiva actuación. Premendo na seguinte imaxe poderedes gozar da primeira actuación que correu a cargo da escola de Sergude e que leva por título "Magosto":

En segundo lugar foi a a escola de S Xián, que nos sorprendeu coa súa orixinalidade na posta en escena de "Maio". Preme na seguinte imaxe e poderás descubrila:

De seguido foi a escola de Camporrapado, levando folerpas ata Gres nunha mañán ben fría na que o agarimo a Neira Vilas quedou moi latente. Na seguinte imaxe descubrirás a estos artistas representando "A Neve":

Na seguinte imaxe gozaredes da actuación da escolas de S Fins con unha preciosa representación de "Canta a galiña" na que  nos contaxiaron a todos co seu retrouso.

Chegando ao final, a escola de Sarandón fíxonos bailar a todos con instrumentos e todo coa canción "O meu canciño". Descubriralo premendo na seguinte imaxe:

 E a escola encargada de poñerlle a guinda ao pastel foi Lestedo, que aínda que escollemos o día porque non chovía, quixéronnos traela para regarnos con moita ledicia. Podedes gozar de "Chuvia" con estos grandes artistas premendo na seguinte imaxe:

 Unha vez rematadas as diferentes actuacións, quixemos deixar na Fundación un agasallo a modo de agradecemento. Por unha parte, fixémoslle entrega a Chus dunha pranta, como símbolo de vida. De seguido, adornamos as prantas e árbores que están na eira, con follas decoradas por nós mesmos para a ocasión, con debuxos e poemas. Do mesmo xeito e como sempre, tan xenerosos, dende a Fundación tamén nos agasallaron con un lote de libros para cada escola e un libro dos bolechas para cada neno e nena, no que Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas, son os protagonistas.

Antes de baixar ao cemiterio a facer a ofrenda floral, merendamos e puidemos visitar a biblioteca e o museo, no que quedamos abraiados co que alí descubrimos.

 

A piques de volver para as escolas e finalizar a nosa pequena homenaxe, levámoslle ao cemiterio un ramo de flores en nome de toda a comunidade educativa do CRA e despedímonos de Chus, moi agradecidos e con gañas de volver a visitar a casa do que foi o noso amigo e amigo de tantos nenos, que xunto con Anisia, tiveron tan presentes aos máis cativos nos seus escritos e que hoxe en día podemos gozar nas nosas escolas, bibliotecas librarías e casas. Sempre agradecidos e honrados de levar o seu nome no noso centro.

 

PLAMBE

EDLG

Robótica Educativa

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031

Iniciar sesión