VISITA AO PARLAMENTO, Á CIDADE DA CULTURA E Á CATEDRAL

O 17 de marzo os nenos e nenas de 5º e 6º realizamos unha visita a Santiago de Compostela co fin de achegarnos ao Parlamento de Galicia, o máximo órgano representativo do pobo galego. Alí visitamos as estancias máis representativas como o salón dos Reis, os diferentes corredores,  a biblioteca, onde un grupo de nenos e nenas expuxemos os nosos puntos de vista sobre un determinado tema e o proceso a seguir para conseguir un acordo beneficioso para a maioría da sociedade. Sen lugar a dúbidas a maior expectación produciuse cando entramos no hemiciclo, que xa moitos e moitas o coñecíamos a través dos medios de comunicación, pero nesta ocasión, puidemos sentarnos onde o fan os nosos políticos, expresar algunhas ideas e, incluso, sacarnos fotos.

Antes de marchar agasalláronnos cun entretido libro.

A visita foi moi interesante e ademais tivemos a oportunidade de ver aos Bolechas en vivo e en directo, xa que ese mesmo día estaban visitando O Parlamento.

Cando saímos do Parlamento dirixímonos ao monte Gaiás para visitar a Cidade da Cultura onde xantamos e puidemos gozar da súa singular arquitectura.

Xa pola tarde achegámonos á catedral que contemplamos desde a Praza do Obradoiro, tamén visitamos ao Apóstolo e na praza das Praterías mercamos agasallos nos postos das rúas.

Xa de camiño ao autobús tivemos a sorte de escoitar moi atentamente a unha artista que tocaba a arpa. Encantounos!!!


Inicio de sesión