Camiño do Pazo, s/n (Sober) Tfno. 982 87 08 41 e 982 87 08 42.

RECIBINDO Á PRIMAVERA (3/4/2024)

   Coa chegada da Primavera  as crianzas de Ed. Infantil prepararon varias actividades nas que combinaron diversión e aprendizaxe.
 
   Xogaron libremente nas bandexas con diferentes materiais como millo, garabanzos, tapóns, area...
 
 
 
Tamén reproduciron un arco da vella con pintura de dedos
 
 
 
E levaron a cabo unhas actividades con flores naturais                
              
                 
Primeiro elaboraron pequenos xarróns con flores, para o que tiveron que empregar as tesoiras e cortar os talos á altura precisa.
 
 Logo descubriron que machacando algunhas destas flores podían pintar.
 
 
        
 
Así de bonita quedou a súa fermosa obra de arte! 
 

 

DÍA DO LIBRO INFANTIL 2024

    O 2 de abril conmemórase o  Día do Libro Infantil  xa que é a data de nacemento de Hans Christian Andersen, autor de contos infantís coñecidos en todo o mundo como A Sereíña, O parrulo feo, O soldadiño de Chumbo...

 

   Cada ano o IBBY (International board on books for young people) selecciona un escritor representativo e un ilustrador para que elaboren o cartel e a mensaxe dirixida a todos os nenos e nenas do mundo. Este ano a sección encargada foi Xapón e desde alí a escritora Eiko Kadono e a ilustradora Nana Furiva escolleron o lema  "Navega polos mares coas alas da túa imaxinación".

 

  Daniela e Itzae foron os biblioaxudantes encargados de transmitir esta mensaxe na biblioteca e de gravala en Radiuvín para que todos poidades coñecela.

 

   Despois quixemos que o noso alumnado tamén navegara coas alas da súa imaxinación e por iso lles demos uns libros alados aos que lle tiñan que por título segundo a historia que quixeran contar e ilustrar a portada en consonancia. 

 

   Para rematar fixemos un mural cos libros alados ilustrados arredor do cartel oficial deste ano.

 
 
FELIZ  DÍA  DO  LIBRO  INFANTIL!! 
 
OXALÁ  NUNCA  DEIXEDES  DE  NAVEGAR  COAS  ALAS  DA  IMAXINACIÓN!!
 

 

 GALERÍA  DE  IMAXES

 

CONCURSO DE CARTEIS PARA O 50 ANIVERSARIO DO COLE

Este ano o cole cumple 50 anos e para conmemoralo faremos varias actividades.

De momento comezamos por este concurso de carteis no que pode participar todo o alumnado do cole.

A técnica é totalmente libre, o único obrigatorio é que faga referencia a esta conmemoración e que sexa tamaño folio (pode ser vertical ou horizontal)

O prazo de entrega de orixinais remata o día 5 de abril.

ANÍMATE  A  PARTICIPAR!!

SERÁ  O  TEU  O  CARTEL  GAÑADOR??

 

 

 

DÍA DA ÁRBORE - VISITA AO VIVERO OS TROLLOS - BÓVEDA (22/03/2024)

    Dende o GDR Ribeira Sacra-Courel propuxéronnos conmemorar o día da árbore 2024 no viveiro de Os Trollos no concello de Bóveda nunha actividade medioambiental conxunta na que nos reunimos escolares de  infantil e primaria de diferentes centros de educación do territorio do GDR.

 

    Á chegada, estábanos esparando un axente forestal que nos fixo entrega dunhas camisetas conmemorativas. Despois repartímonos en 3 grupos e fomos realizando as diferentes actividades previstas:

- TALLER  DE  SEMENTES: neste taller cada participante fixo unha maceta coa semente dun castiñeiro na que pegou o seu nome. Estas macetas quedarán no viveiro coa idea de que o vindeiro ano volvamos para recollelas e prantalas alí ou no noso cole.

 

 

- PLANTACIÓN DE ÁRBORES: despois dun paseo polo viveiro chegamos á zona de prantación de árbores onde cada grupo, acompoñado polo axente forestal correspondente, plantou unha árbore.

 

 

- TALLERES  DE  BIODIVERSIDADE: neste taller creamos un HOTEL  DE  INSECTOS cunha caixa de madeira a que engadimos palla, cartón, pauciños, piñas... para crear diferentes espacios para as diferentes especies de insectos pois aínda que a algunhas persoas estes animaliños non lles gustan moito, cumplen funcións moi importantes como a polinización.

 

 

   Pero non todo foi traballar xa que a media mañá ofrecéronnos un picnic co que recuperamos forzas para realizar todas as actividades programadas. Neste momento aproveitamos para facernos fotos de grupo e coas autoridades presentes como a nosa veciña Raquel Arias.

 

 

    Para rematar entregaronlle a cada participante un kit para o montaxe dunha caixa nido/comedeiro de paxaros e unha medalla de madeira que puideron personalizar.

 

 

MOITAS  GRAZAS  AO GDR RIBEIRA SACRA - COUREL  POLA  ORGANIZACIÓN  DESTA  XORNADA  QUE  INCLUÍU  TAMÉN  O  TRANSPORTE.

ESPERAMOS  VOLVER  O  ANO  QUE  VÉN PARA PLANTAR AS  NOSAS  ÁRBORES!!

 

GALERÍA  DE  IMAXES

 

 

SOBERICIAS. O XORNAL QUE CONTA AS MELLORES NOTICIAS (ou non...) - Marzo 2024

     Por segundo ano, durante o mes de marzo (especialmente na semana da prensa), no centro desenvolvemos unha situación de aprendizaxe baseada nos medios de comunicación que ten como resultado o segundo número deSobericias, o xornal que conta as mellores noticias (ou non...) no que poderedes ler noticiais reais pero tamén outras que non o son tanto (as chamadas fake news).

     Quixemos editar un novo número deste xornal porque seguimos pensando que a desinformación (noticias falsas, información sesgada, manipulación de titulares...) é un problema ao que o noso alumnado se deberá enfrontar pois, por desgraza, non todas as noticias que se publican son fiables.

 

     Deste xeito as crianzas poden entender a problemática actual das diferentes informacións falsas que se poden atopar en medios impresos, televisión, radio ou publicacións en rede (onde ademais poden acabar viralizándose) e comprobar de primeira man o doado que é xerar este tipo de noticias.

 

    Por todo isto, parécenos fundamental seguir compartindo co alumnado experiencias que inclúan a análise dos medios de comunicación que forman ou formarán parte da súa vida cotiá.

    Esperamos que saibades apreciar todo o traballo desenvolvido polo alumnado. Nós como docentes, estamos moi orgullosas deles.

XORNAL MARZO 2024 de biblioteca.virxedocarme

PROXECTO "OS PINGÜÍNS" (IV) - 22-03-2024

     Co fin do inverno e a chegada da primavera era o momento de poñerlle fin a este proxecto sobre os pingüíns.
 
    Isto tamén supuxo a volta de Marcelino á Antártida, cousa que os fixo sentir un pouquiño tristes, pero eles comprenderon que o calor non era bo para el e que tiña que volver coa súa familia. 
 
    Ademáis, para ter un recordo para sempre, fixeron unhas fotos de despedida con él.

 

Como actividade final as crianzas fixeron neve!
 
Mesturaron bicarbonato con auga e como por cousa de maxia formouse neve.
 
 
Unha vez que tiveron a neve feita chegou a mellor parte, a de xogar! 
 


Disfrutaron moitísimo!

 

DÍA DA POESÍA (21/03/2024)

  Coa finalidade de promover a ensinanza da poesía, crear unha imaxe atractiva dela e fomentar a expresión e tradición oral; o 21 de marzo conmemórase o Día Mundial da Poesía.

 

 

  Este ano foron os nenos e nenas de Ed. Infantil os que recitaron un par de poemas na biblioteca que despois gravaron en Radiuvín para que todos poidades escoitalos.

   Os nenos e as nenas de Infantil A recitaron o poema do pingüín xa que eles están investigando sobre estes animais no seu proxecto:

 

 

 
 

 

   Despois foi o turno do alumnado de Infantil B recitou o poema La maestra de las flores de Gloria Fuertes:

 

 

 

 

AGASALLO ANPA (21/03/2024)

   Este trimestre recibimos para Ed. Infantil tres bandexas Tuff Tray, un  agasallo doado pola ANPA.

   Estas bandexas son un fantástico marco de xogo e experimentación para as crianzas, que ofrecen multitude de posibilidades.

   Xa as empregamos en diferentes actividades e  encantáronnos!
 
Seguro que as imos desfrutar moito!
 
MOITAS GRAZAS A ANPA POR ESTE AGASALLO!!!
 

DÍA DA NARRACIÓN ORAL (20/03/2024)

    O Día Internacional da Narración Oral é unha celebración mundial que se celebra o 20 de marzo. Un dos obxectivos deste día é poñer en valor a acción de contar historias e por iso, algúns nenos e nenas de 1º e 2º contáronlle aos seus compañeiros tres lendas diferentes.

  

Comezaron Teo e Aroa, contándonos a lenda de A Torre de Hércules.

   

A continuación Brais e Lucas contáronnos a lenda de O monstro do lago Ness

 

Despois Estrela e Alicia remataron contándonos A lenda da Lúa e do Sol:

 

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Alassane (20/03/2024)

     Rematamos este trimestre cunha nova sesión da actividade As familias contan con Natalia, a nai de Alassane que veu a lernos o conto A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza de Werner Holzwarth e Wolf Erlbruch.

 
     Nesta historia a toupiña quere averiguar quen lle fixo na cabeza unha caca gorda e marrón que parece un chourizo.
 
   Para tratar de averigualo, a toupiña comezou as súas pesquisas falando cunha pomba, cunha lebre, cun cabalo, cunha cabra... e ata cunha vaca! Menos mal que non fora a vaca quen lle fixera iso na cabeza!!
 
  Pero ao final, quen conseguiu axudar á toupiña foron unhas moscas que uliscaron aquilo que tiña na cabeza e lle deron a resposta correcta: Xan Pedro! O can do carniceiro!!
 
  Se queredes saber que fixo a toupiña cando se enterou da identidade do culpable, podedes facelo escoitando o podcast que Natalia e Alassane gravaron nos estudos de Radiuvín.


  Ademais de compartir este libro co alumnado do colexio, Natalia e Alassane trouxeron moitos xogos relacionados con diferentes animais para que todos os nenos e as nenas do colexio puideran pasar un rato divertido xogando con eles.

 

 

 

 

MOITAS  GRAZAS  POR  VIR  A  COMPARTIR  CON  NÓS  ESTE  LIBRO  E  ESTES  XOGOS  TAN  DIVERTIDOS!!

GALERÍA  DE  IMAXES

 

Distribuir contido