XUBILACIÓN JOSÉ MANUEL (18/11/2017)

    O sábado foi o xantar de xubilación de José Manuel López Santos quen foi o noso director durante 40 anos, desde 1977 ata 2017 aínda que xa estaba no centro desde 1975.

   Con este xantar queriamos rendirlle homenaxe pola súa labor educativa neste colexio e para iso xuntámonos case 200 persoas entre amigos, profesores, ex-profesores, alumnos, ex-alumnos e outro persoal do centro.

    Presidindo o acto estaban José Manuel e a súa familia, o alcalde de Sober, o alcalde de Monforte, a deputada Paula Vázquez, a nosa directora e D. Pedro Gómez inspector de educación xubilado que viña representando ás autoridades educativas que non puideron asistir.

     Despois do xantar tivemos un momento musical que serviu para amenizar a xornada no que incluso participaron algúns dos asistentes ao evento.

    Posteriormente foi o momento de adicarlle unhas verbas a José Manuel e entregarlle uns agasallos. Comenzaron algúns alumnos do colexio representando aos seus compañeiros e a ex-alumnos nun discurso elaborado polos membros da ANPA.

 

   No seu discurso o alcalde de Sober, Luis Fernández, lembrounos non só a súa valía como director senón tamén outras facetas que desenvolveu no concello: foi tenente alcalde durante unha década, organizador da Feira do Viño, deseñou a Praza do Toural, inventou o montacargas sobre raíles que hoxe se utilizan en moitos viñedos da Ribeira Sacra e, ata o escudo de Sober é da súa autoría.

   Nas seguintes imaxes podemos ver momentos deste discurso e a entrega dunha peza de alfarería e dunha insignia do escudo de Sober en prata.

 

     A seguinte en falar foi a nosa directora Montse representando aos profesores e ex-profesores que con el traballamos. Na súa intervención tivo palabras de agradecemento destacando non só a súa labor como director durante a cal sempre facilitou as iniciativas do profesorado e animou a todos os compañeiros apoiándoos no desenvolvemento do seu labor docente á vez que fomentaba un excelente clima de traballo; senón tamén a súa labor como docente, como impecable xestor do centro e a súa valía persoal como compañeiro, así como a súa disposición a arranxar o que fixera falta. Este recoñecemento quedou recollido na placa que se lle entregou.

 

    De seguido foi a quenda de D. Pedro Gómez quen, como inspector que foi do centro, destacou o compromiso de José Manuel como director e incluso nos contou algunha anécdota acontecida nesa etapa.


    A continuación José Manuel foi o que tomou a palabra para agradecer as mostras de cariño e recoñecemento recibido así como o apoio e a comprensión da súa familia nestes anos.


    Por último a súa esposa María Jesús, adicoulle un texto literario máis persoal e moi agariomoso.

    Para rematar, José Manuel fíxose unhas fotografías cos asistentes en recordo desta xuntanza que resultou moi emotiva xa que durante estos anos moitos foron os momentos e as experiencias vividas xunto a el.

 

MÁIS  IMAXES  DA  XORNADA

(Algunhas das imaxes son de Luis Conde e Germán López Quiroga)