PINTANDO UN FUTURO MELLOR, UN FUTURO CHEO DE COR (30-01-2023)

    Este ano para conmemorar o Día da Paz e da Non Violencia Escolar e o Día da Ilustración, fixemos un montón de actividades arredor do  Guernica  de Pablo Picasso.

 

    Primeiro mostramos o cadro na biblioteca e pedímoslles aos nosos nenos e nenas que dixeran o que lles inspiraba: tristeza, medo, morte, dano, auxilio, falta de cor... foron as palabras máis repetidas e os sentimentos que máis expresaron.

 

    Despois contamos a historia deste cadro que foi pintado por Picasso no 1937 e representa os horrores do bombardeo por avións alemáns durante a Guerra Civil española dun pequeno pobo chamado Guernica en Vizcaya (País Vasco) e comentamos algúns efectos da guerra apoiándonos en diferentes imaxes do cadro.

 

 

    A continuación dividimos o cole en dous grupos diferentes. O alumnado de Ed. Infantil e 1º e 2º de Ed. Primaria foi o encargado de transformar a tristeza do cadro pintando entre todos unha nova versión con cores vivos e alegres porque queremos un futuro cheo de cores e non de grises.

 
 

 

     O alumnado de 3º a 6º de Primaria tiña que ilustrar unha resposta para a pregunta: Que pasaría se bombardeasen o noso concello? e reflexionar sobre o que poden estar pasando nos territorios que están en guerra.

 

 
 

 

     Ao final, expuxemos todo o traballo no corredor principal xunto a unha réplica feita en madeira por antigos alumnos e alumnas do centro. Esperamos que se o vemos durante todo o ano non se nos esqueza a importancia da paz e da non violencia.

 
 

 

GALERÍA  DE  IMAXES