Camiño do Pazo, s/n (Sober) Tfno. 982 87 08 41 e 982 87 08 42.

CLUB DE LECTURA (8 / 2023 - 2024)

 Continuamos coa lectura do libro Oneno de lume de Ledicia Costas, que segundo nos din a maioría dos participantes se está poñendo moi interesante...

 

   Comezamos a sesión falando de Iván R., o ilustrador do libro. Para isto Julia e Dunia prepararon unha exposición baseada na entrevista que lle fixo Daniel Portela: Ilustrar contrarreloxo. Detrás do traballo de Iván R. para "O neno de lume" e a través desta exposición puidemos entender mellor o seu traballo e ver os bosquexos dalgunhas ilustracións .

 

    En canto a lectura, segue chamando moito a atención o personaxe de Anna; por un lado a importancia da amizade e de como ela cre todo o que Morgan lle di e non dubida en axudalo e, por outro lado, porque canto máis avanza a lectura máis nos decatamos do pobre que é; se na reunión anterior falamos de pobreza, nesta falamos de indixencia. Que diferencia hai entre pobreza e indixencia?

 

   Co fragmento de lectura que tiñamos pendente para hoxe, tamén coñecemos á banda dos Mudlarks e aos seus compoñentes cada un cun alcume identificativo (Pés de Queixo, Míster Feluxe, Lady Sambesuga, Nena Morcego...) e reflexionamos sobre o uso de alcumes que poden ser cariñosos e afectusosos ou despectivos e pexorativos, que pensamos sobre eles?

 

  A partir desta reflexión deixamos unha actividade pendente para o próximo día: pensar nun alcume que nos podería identificar e escribilo nun papel dobrado para na seguinte sesión tentar adiviñar a quen pertence cada alcume. A ver que sae...

 

 

DÍA INTERNACIONAL DA NENA E A MULLER NA CIENCIA - (16-02-2024)

   Mentres estivemos de entroido conmemorouse o Día Internacional da Nena e a Muller na Ciencia. Un día que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas celebra o 11 de febreiro coa intención de visibilizar "o labor das científicas, promover a realización de actividades e fomentar vocacións científicas que axuden a pechar a brecha de xénero na ciencia".

 
   No colexio sumámonos a esta iniciativa invitando cada ano á biblioteca a mulleres de Ciencia relacionadas coa nosa comunidade educativa. Nesta ocasión tivemos con nós a Alejandra Losada Novoa, compañeira do mestre Marco e que, entre outras cousas, estudou Desenvolvemento de aplicacións web.
 

 

   Ela explicounos o seu traballo e que era iso de programar: que se programa? onde atopamos programación na nosa vida cotiá? que é necesario para programar? onde se almacenan as aplicacións?
 
 
 

 

   Ademais falounos da evolución dos ordenadores desde o primeiro ENIAC (Electronic Numerical Integrator and Computer) de 1947 que xa estaba operado por mulleres ata un Raspberry que é un pequeno ordenador do tamaño dunha man.

 

 

   Tamén nos falou da evolución doutros dispositivos tecnolóxicos que coñecen ou manexan os nosos alumnos e alumnas: móbiles, tablets, consolas... e mostrounos unha das primeiras consolas que utilizaban casettes.

 
 

     

 

  Despois pasamos á parte práctica da intervención. Primeiro un pouco de programación scratch e despois Alejandra desmontou un dos vellos ordenadores que temos no almacén do colexio para ensinarnos os seus compoñentes e comparalos cos actuais e cun escornabot.
 

 
      Así o noso alumnado puido ver de cerca como é un ordenador por dentro.
 
 
 
    Para saber moitas máis cousas sobre programación e sobre o traballo de Alejandra podedes escoitar o seguinte podcast no que ela responde ás preguntas de Martín, Lara e Candela.
 
 
 
MOITAS  GRAZAS  POR  DEDICARNOS ESTA MAÑÁ!!
 
ESPERAMOS  QUE  CON  ACTIVIDADES  COMO  ESTAS  AS  CRIANZAS COMPRENDAN  QUE  NO  FUTURO  PODEN  SER  O  QUE  QUEIRAN  SER.
 
 

XOGOS OLÍMPICOS: DESFILE DE ENTROIDO (09-02-2024)

 Chegou o gran día do Entroido!!

Hoxe é o desfile inaugural das nosas olimpíadas!!

TODXS  A  PARÍS  2024!!

 

 

 

 

    Despois do desfile polo pavillón xa que non se puido facer polas rúas de Sober por culpa do mal tempo, tivemos un ratiño de baile e xogo no pavillón onde o alcalde repartiu chuches para todos.

 

      Podedes ver todas as imaxes do desfile no seguinte enlace:

GALERÍA  DE  IMAXES

 
 

É TEMPO DE ENTROIDO (09-02-2024)

    O entroido é sempre unha época do ano moi divertida; pero non é algo novo senón que é unha festa popular con personaxes tradicionais e diferenciados dependendo da zona de Galicia onde estemos.

   Para coñecer algúns destes personaxes que as crianzas do noso colexio nunca viron, os biblioaxudantes Germán e Martín leron o libro É tempo de entroido de de Ramón D. Veiga.

 

 

    Peliqueiros de Laza, cigarróns de Verín, madamas...  todos se queren xuntar para facer unha comida na que non faltará ningún ingrediente do cocido nin filloas nin orellas.

 

 

    De entre todos eles, hoxe quedámonos cos peliqueiros de Laza. Cada neno e nena do cole decorou a súa máscara que consta dunha carauta igual para todos e unha parte superior que se pinta con animais ou símbolos.  Este personaxe recorre as rúas de Laza cunhas chocas colgadas do cinto e un látego na man.

 

 

 

   Podedes escoitar o libro no seguinte podcast gravado por Germán e Martín.

 

COMANDAS DO MECO 2024 - XOVES

      

 

      

 

       

 

      

 

 

DÍA MUNDIAL CONTRA O CANCRO (04-02-2024)

    No cole de Sober unímonos á iniciativa da Asociación Española Contra o Cancro: “Todos Contra el Cáncer” formando entre todos o lazo verde que simboliza o Día mundial contra esta enfermidade que se conmemora hoxe, 4 de febreiro.

 

 

 

COMANDAS DO MECO - 2024

A próxima semana COMEZA  O  ENTROIDO  NO  COLEXIO!!

   Como estamos traballando o Proxecto dos Xogos Olímpicos o entroido xira tamén sobre este tema polo que nos converteremos en grandes nadadores.

   Aquí deixamos asCOMANDAS DO MECOdeste ano, lembrade que SON ACUMULATIVAS.

 

 

 

 

CLUB DE LECTURA (7 / 2023 - 2024)

   Esta é a 2ª sesión que dedicamos ao libro Un neno de lume de Ledicia Costas, e foi unha sesión na que lle demos moito ao miolo...

 

   Para comezar estivemos falando da situación inicial do noso protagonista: abandonado e vivindo en casas de acollida das que ten que mudarse cada mes; que é unha casa de acollida? Como pode sentirse? Como nos sentiriamos nós no seu lugar? 

 

    Tamén falamos moito do acoso escolar baseándonos no comportamento dos irmáns Ravioli: é correcto o que fan? Morgan acode ao pai dos xemelgos para pedir axuda, como actúa el? Como deberiamos actuar se nos vemos no mesmo caso?

 

 

     Ademais coñecemos a Anna que é a mellor amiga de Morgan; unha rapaza que vive na pobreza pero que ten unha gran imaxinación para vivir feliz co que ten: os zapatos están furados porque lle gusta levar os pés aireados, o abrigo é moi grande porque era da súa tataravoa que o utilizaba pasa saír voando do castelo onde vivía e atoparse ás agachadas co seu mozo... peRo a realidade é que Anna vive na probreza, que pensamos nós sobre esto? Algunha vez pasamos tanta fame que nos runxiran as tripas? Que pasaría se esa fose a nosa realidade?

 

   Resumindo podemos dicir que esta sesión foi unha sesión moi interesante xa que nos serviu para reflexionar sobre moitos aspectos da vida cotiá e coñecer mellor os pensamentos de todos os participantes no club.

 
Distribuir contido