CLUBES DE LECTURA

CLUB DE LECTURA - SAÍDA FINAL (15/6/2023)

     Remata o curso e remata tamén a actividade do club de lectura deste ano e para poñerlle fin a actividade, organizamos unha visita ao Eco-museo de Arxeriz.

     Pensamos que xa que co libro Unha volta ao mundo sobre a volta ao mundo de Magalhães e Elcano no século XVI aprendemos moitas cousas sobre o mar e os barcos daquela época (carabelas, naos...) tamén sería interesante coñecer as embarcacións tradicionais da nosa zona.

 
 
   Así puidemos ver unha barca de paso que servía para pasar xente dunha beira á outra do río; pero non só xente pois os días de feira tamén podían pasar animais e produtos para vender ou mercar.
 

 

     Outras embarcacións sobre as que aprendemos foron a barca de dornas, e unha barca con pouso que servía para levar cestos por exemplo na época da vendima.

 
    Na segunda sala Sonia informounos sobre a pesca tradicional na Ribeira Sacra e o impacto dos encoros dos Peares e de Belesar sobre a natureza e a vida das persoas xa que coa súa construción se inundaron 32 aldeas e tiveron que desprazarse máis de 1.000 persoas.

 

    Continuamos a visita xa no interior do pazo: no piso de arriba estivemos na lareira e na solaina.

 

 

  No piso de abaixo estivemos na sala dedicada ao patrimonio e á etnografía que conta cunha gran maqueta da Ribeira Sacra na que están sinalados os elementos patrimoniais máis destacados e por suposto, Sober con edificios como a Rectoral de Gundivós. Tamén conta cun espacio dedicado ao "Entroido Ribeirao" que era un entroido tradicional da riberia

 
 

 

   A última sala do Pazo que visitamos foi a dedicada á viticultura tradicional: cubas de madeira, utensilios para aviñar, cestos de transporte de uvas, pelexos de cabra para transportar o viño...

 

  Xa no exterior visitamos as escavacións que deixaron ao descuberto diferentes edificacións da época castrexa e entramos na reconstrución que están facendo dunha das vivendas atopadas.

 

 

    Despois de tanto que aprendemos, a saída rematou cun xantar á sombra e un ratiño de lecer antes de voltar ao colexio.

 

GALERÍA  DE  IMAXES

VIAXANDO POLAS LETRAS (16 / 2022 - 2023)

   Aínda que xa está remantando o curso, no club de lectura non queremos deixar de ler e por iso comezamos un novo libro: Unha volta ao mundo de Joseba Sarrionandia.

 

     Nesta sesión comezamos lendo entre todos o primeiro capítulo do libro no que coñecemos ás dúas portagonistas: unha avoa que é mestra de Historia e a súa neta que pide que lle conte «unha historia de verdade».

 

       Continuamos lendo o segundio, cando a avoa empeza a falarlle de Juan Sebastián Elcano, dos comerciantes marítimos da época, dos asteleiros...

 

     E coa lectura xurdiunos unha dúbida sobre o formato do libro en forma de diálogo: por que é unha novela dialogada e non unha obra de teatro? Cales serían as principais diferenzas?

     Unha dúbida que queda pendente de investigación para a próxima sesión...

 

LETRAS GALEGAS: Francisco Fernández del Riego

   Os membros do club de lectura Viaxando polas letras estiveron lendo a obra de teatro As cousas de Don Paco que é unha obra de Eva Mejuto coa que coñecemos a biografía de Francisco Fernández del Riego autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023.

 

    E xa que tiñan esta lectura preparada, compartírona co resto do alumnado para que eles tamén coñeceran a súa vida da man dos obxectos protagonistas da mesma:  

Don Lapis (o lapis que o acompañou durante toda a vida)

Baldomero (o reloxo que lle regalou a súa muller Evelina)

Oliva (a súa máquina de escribir)

Leica (a cámara de fotos que sempre levaba con el) e

 Guadalupa (a lupa que usou para ler cando xa era maior).

 

 

 

 

 

 

VIAXANDO POLAS LETRAS (15 / 2022 - 2023)

     Hoxe tivemos unha sesión diferente do club de lectura dedicada ao libro A proba de auga de Anémona De Río: decidimos facer un obradoiro de ilustración de banda deseñada xa que ao noso alumnado lle gustan moito este tipo de ilustracións.

 
   Para este obradoiro estiveron na biblioteca do centro Ana e Luis da Escola de Arte Creativa de Monforte de Lemos que nos ensinaron a debuxar á protagonista comenzando polas liñas básicas da cara. 

 

   Despois fomos engandindo os ollos, a boca e as cellas dependendo da expresión que queriamos reproducir.
 

    

A continuación engadimos o cabelo...
 

  

E rematamos con parte do seu corpo... A verdade é que os nosos nenos e nenas o fixeron moi ben!!

 

 

 

 GALERÍA  DE  IMAXES  CLUB  DE  LECTURA

 

VIAXANDO POLAS LETRAS (13 / 2022 - 2023)

   Hoxe continuamos coas sesións dedicadas ao libro A proba de auga de Anémona De Río.

 

 

   Como este libro gañou o I Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, estivemos falando de O Garaxe Hermético que é unha escola de Banda Deseñada e Ilustración de Pontevedra dirixida por Kiko da Silva e estivemos vendo algúns dos seus libros como Fiz nos biosbardos e outros libros da autora como Tam.
 

 

   Como curiosidade, aprendemos que o nome desta escola procede dun libro de cómic de ciencia ficción titulado así e escrito por Moebius.
 

     En canto ao noso libro, podemos dicir que aos nenos e nenas do club lles encantou. Resaltaron as ilustracións (que lles lembran ao manga) e a propia historia aínda que no argumento da mesma había puntos de vista diferentes sobre o papel de Aqua no desenvolvemento da mesma.

      

     Tamén falamos sobre a importancia das vacinas e relacionamos o libro coa asignatura de Ciencias da Natureza: por que comparan o bazo cun lugar para despezar os vellos tranvías? E por que as neuronas son oficinistas con enchufes no cabelo? Que sabemos dos glóbulos brancos?

     
Sen dúbida foi unha lectura moi interesante e atractiva para o noso alumnado!!

 

VIAXANDO POLAS LETRAS (12 / 2022 - 2023)

   Comezamos novo libro!!   A proba de auga de Anémona De Río!!

 

   Xa que varios nenos e nenas do club estaban pedindo que leramos un cómic, decantámonos por este título que gañou o I Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético.

 

   O primeiro foi repartir o libro e ler a reseña do mesmo para saber sobre que ía a tratar:

Rematados os seus estudos, unha pequena pinga de auga está xa preparada para levar a cabo a súa misión. Pero no seu primeiro día todo ocorre demasiado rápido, perde de vista o seu grupo e esperta nun lugar descoñecido. Terá que reunir valor e internarse nese novo mundo para atopar os seus compañeiros e compañeiras, intentar cumprir co seu cometido e descubrir quen é ese escorregadizo descoñecido que o pon todo patas arriba.

 

Despois lembramos as diferenzas entre ler cómic e ler manga sobre as que xa falaramos o curso pasado e lemos as primeiras páxinas.

   Esperamos que o novo libro lles guste a todxs!!

 

VIAXANDO POLAS LETRAS (11 / 2022 - 2023)

   Hoxe tivemos a terceira sesión do club de lectura dedicada ao libro Vento, ventiño, venteiro de Antonio García Teijeiro.

 

 
   Nesta sesión estivemos lendo e comentando algúns dos poemas da segunda parte do libro que máis lles gustaron aos nenos e nenas do club de lectura e que queremos compartir aquí.
 
 Comezamos polo poema da páxina 28 que da título ao libro:
 

 

   Despois completamos entre todos unha versión do poema da páxina 33 e comparámola cos poemas que fixeran eles. Compartimos a plantilla por se alguén se anima a rimar con nós:
 

 

   E para rematar comentamos o último poema do libro sobre a fala do vento, as palabras e o silencio.
 Que quererá dicir o autor cando fala de palabras de fume e palabras soñadas?
Pode haber palabras sen letras?
Palabras borradas? Por que alguén borraría palabras?
 

   Para poñerlle punto e final á sesión de hoxe, queremos reflexionar sobre as verbas dunha rapaza do club:

"Gústame a poesía porque aínda que non a entenda moito, os poemas parecen cancións que escribe o autor; son bonitos de ler"

 

VIAXANDO POLAS LETRAS (10/2022-2023)

 Hoxe tivemos a décima sesión do club de lectura, a segunda dedicada ao libro Vento, ventiño, venteiro de Antonio García Teijeiro.

  Comezamos resaltando a dedicatoria e o epígrafe xa que son partes dos libros que ás veces pasamos por alto.

   A dedicatoria  está dirigida á persona ou personas ás que o autor ofrece a obra e normalmente expresan sentimientos de gratitude e homenaxe. Neste caso en concreto, tamén aprendemos unha nova palabra que nos pareceu moi fermosa: algareiro (falador e amigo de gastar bromas, tamén que ten un son agradable ao oído)

   O epígrafe  é unha frase curta, pensamento ou cita dun autor que colocada no encabezamento dunha obra, capítulo, parágrafo... anuncia o seu contido. Utilízase desde o s. XVI e xeralmente aparece impresa con outro tipo de letra.

   Neste libro podemos ler tres citas de tres autores galegos relacionadas co vento.

   Despois comezamos a falar do libro reflexionando sobre os sentimentos tan variados que nos produce o vento: nerviosismo? ansiedade? sensación de frío? gana de quedar na cama ou na casa?

   Curiosamente, a priori, a ningún membro do club lle produce sentimentos positivos o vento polo que a maioría dos poemas os sorprenderon bastante xa que neste libro se presenta alegre, xoguetón, bromista, bailarín...

 

   A continuación lemos algúns poemas que elixiron os membros do club como Baila o vento coas nubes (páxina 14), Sei dun vento mentireiro (páxina 20) ou Un peixiño revirado (páxina 21) e fixamos a seguinte sesión coa que remataremos o libro.
 

 

CLUB DE LECTURA (9/2022-23)

        Hoxe tivemos unha nova reunión do club de lectura Viaxando polas letras para un novo libro: Vento, ventiño, venteiro de Antonio García Teijeiro (Vigo, 1952).

    Desta volta teremos entre as mans un libro de poesía xa que xunto ao teatro, é o xénero menos lido na biblioteca; e, aínda que en principio parece un libro sinxelo de ler para os nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria, quixemos escollelo para que lle perdan o medo á poesía pois un dos obxectivos do club é que xs integrantes lean libros de todos os xénero literarios.

 

      Comezamos lendo o resumo do libro para pór en contexto a temática dos poemas que leremos e falando sobre o que nos suxiren os diferentes tipos de ventos noemados.

 

      Despois vimos este pequeno vídeo no que o mariñeiro Martiño acompañado polo autor, recita algúns poemas do libro.

     

A aventura poética acaba de empezar!!

 

 

 

 

VIAXANDO POLAS LETRAS (8/2022-2023)

   Hoxe temos unha sesión diferente do club de lectura xa que para rematar as sesión dedicadas ao libro  Un mundo para Maruxa temos na biblioteca a súa autora: Estefanía Padullés.

 

   Ela comezou falándonos da creación do libro que se basa en feitos reais de cando ela mesma traballou nun Centro de Recuperación de Fauna Silvestre e nunha Reserva de Fauna; e contounos que Susana e Eloy non eran personaxes imaxinarios senón que foran compañeiros seus.

 

    Despois falounos máis polo miúdo da temática do libro á vez que nos facía unha ilustración: os perigos dos animais mariños, o consumo abusivo de plástico, a importancia de reducir o seu uso, os microplásticos, a contaminación da auga...

 

    A continuación ensinounos as ilustracións orixinais do libro e explicounos o proceso que seguía ela para facelas:

 

 

    A continuación fixemos un obradoiro que consistía na elaboración dunha roda coas ilustracións de Maruxa mentres Estefanía ía respostando ás preguntas dos membros do club.

 

    Ao rematala e montala, puidemos comprobar que para cada problema medioambiental plantexado, asociáselle unha solución que podemos levar a cabo nós mesmos.

 

 

   Por último, Estefanía pasou polos estudos de Radiuvín para respostar ás preguntas dos nosos locutores de radio.

 

MOITAS  GRAZAS  POR  CONTARNOS  TANTAS  COUSAS

SOBRE  MARUXA  E  A NATUREZA, 

ESTIVEMOS ENCANTADOS  DE  COMPARTIR  ESTE  RATIÑO  CONTIGO!!

 

Distribuir contido