Saltar navegación

Xustificación

O 24 de febreiro de 1837 naceu en Compostela, no camiño Novo (hoxe Rosalía de Castro), unha figura que vai marcar fondamente a historia do noso país: Rosalía de Castro, unha muller que foi quen de rachar con moitos dos prexuízos da scociedade galega do século XIX.

 A Rosalía debémoslle o seu intento de dignificar a imaxe de Galicia entendéndoa como un pobo, a súa defensa da lingua e a denuncia da miseria e a emigración masiva a que estaban obrigados os galegos. Lamentablemente podemos considerar que moitos destes temas seguen estando de actualidade, polo que é de xustiza lembrar a figura dunha muller que naceu fai agora 180 anos e que puxo voz ao sentimentos e inquedanzas dun país.

 Por todo o dito con anterioridade, o Concello de Teo a través da Concellalía de Educación, quere celebrar este 24 de febreiro como o día de Rosalía facendo unha proposta de traballo na aula. Unha proposta encamiñada a dar a coñecer aos máis cativos a obra de Rosalía de Castro e a consolidar a relación que con ela teñen xa establecido os e as escolares de máis idade.

 

 Teo Febreiro de 2017

 Pilar Pérez Faxil, Concelleira de Educación