O Orientador responde...08/05 " Información accesible para todos e todas"

08/05

 

A lectura fácil, procedemento que pretende facer todo tipo de textos máis comprensibles, afecta tanto á presentación da información escrita, electrónica, en vídeo como en audio.

Inclusion Europe, a asociación europea de persoas con discapacidade, elaborou un manual no que se recollen as regras europeas para facer información fácil de ler e comprender, sendo hoxe o máis utilizado na adaptación de todo tipo de textos e soportes.

Estas regras facilitan a publicación de textos informativos accesibles a todo tipo de persoas con dificultades de comprensión lectora, dende aquelas con algún tipo de discapacidade intelectual a outras de calquera idade con alfabetización incompleta ou insuficiente.

Utilizando un enfoque do Deseño Universal de Aprendizaxe (DUA) estas regras tamén son útiles para o profesorado que prepara materiais e textos dirixidos ao alumnado con necesidades educativas especiais ou de apoio educativo.

Recollemos anosadas para o galego unha síntese das regras para a preparación de cada tipo de soporte informativo:

 

1–. Información escrita

 

1.1–. As palabras no texto

. Usa palabras coñecidas fáciles de comprender.

. Se é inevitable utilizar palabras difíciles, asegúrate sempre de explicalas con claridade.

. Para explicar as cousas pon exemplos da vida cotiá.

. Usa a mesma palabra para describir a mesma cousa en todo o texto

. Escribe as cantidades como díxitos.

. Intenta non utilizar porcentaxes e números grandes

. Nunca utilices números romanos.

. Procura escribir as datas completas (7 de maio de 2020).

. Evita usar iniciais e abreviaturas. Usa a palabra enteira cando sexa posible.

1.2–. Redacción do texto

. Utiliza frases curtas.

. Fala directamente ás persoas. Emprega palabras como «vostede» ou «ti» para facelo.

. Cando sexa posible emprega frases positivas en vez de frases negativas

. Emprega frases activas en vez de pasivas.

. Escribe só unha idea por frase.

. Separa cada idea cun punto en vez de coma ou «e».

. Utiliza os verbos en presente, cando poidas.

. Fai gráficos ou táboas sinxelas e explícaas.

1.3–. Ordenación do texto

. Ordena a información de xeito que sexa máis fácil de entender e de seguir.

.Pon xunta toda a información sobre o mesmo tema.

. Repite a información importante.

1.4–. Deseño da páxina

. Intenta que o texto non sexa moi longo.

. Usa un formato que poida ser fotocopiable (Din A4).

. Intenta que cada frase ocupe unha liña.

. Nunca separes unha palabra en dúas liñas.

. Evita os fondos que dificulten a lectura do texto. Non escribas sobre fotos ou estampados.

. Destaca a información importante en negriña.

. Nunca utilices notas ao rodapé.

. Usa títulos claros e fáciles de comprender.

. Emprega viñetas para facer listas de cousas.

. Non escribas en columnas.

. Non xustifiques o texto.

. Aliña o texto á esquerda.

. Numera as páxinas.

. Deixa espazos entre parágrafos.

. Evita marxes estreitas.

1.5–. Fonte do texto

. Utiliza un tipo de letra clara e doado de ler (Arial, Tahoma, Verdana, Ubuntu, en xeral as tipografías de pau seco).

. Nunca utilices tipo de fonte con serifa (as que teñen un rabiño), xa que son máis difíciles de ler.

. Nunca utilices tipos de letras que estean moi pegadas.

. Nunca utilices tipos de letras claras pero que non se impriman ben.

. Nunca utilices texto con sombreados ou deseños difíciles de ler.

. Nunca utilices cursiva.

. Usa tipos grandes (como mínimo como Verdana ou Arial 14 /16).

. Non escribas todo en maiúsculas.

. Intenta usar só un tipo de letra no texto

. Utiliza o subliñado con coidado.

. Evita escribir en cor cando sexa posible

. Evita caracteres especiais (&, #, \)

1.6–. Imaxes

. Utiliza imaxes (fotografías, debuxos, símbolos) para axudar a entender o texto.

. Utiliza imaxes de calidade e axeitadas para o lectorado (non uses imaxes infantís cando escribes para persoas adultas).

. Utiliza imaxes doadas de comprender e relacionadas co texto.

. Usa sempre a mesma imaxe para explicar a mesma cousa en todo o texto.

2–. Información electrónica

. Utiliza vídeos onde as persoas len e explican os textos.

. Intenta que a túa páxina teña un buscador.

. Asegura que na túa paxina de inicio apareza claramente de que trata o teu web.

. Na páxina de inicio deben aparecer os datos de contacto.

. Procura que os botóns do teu web sexan grandes e claros.

. Facilita que a lectora saiba en todo momento en que parte está do texto.

. As lectoras non deben premer máis dunha vez para regresar á páxina de inicio.

. A barra de navegación debería ter 7 ou 8 títulos como máximo.

. Intenta poñer todo o texto nunha pantalla.

. Se as lectoras deben desprazarse cara abaixo, debe existir un índice do texto ao comezo.

. Evita enlaces difíciles de ler. Se é moi longo agóchao detrás dunha palabra sinxela.

. É útil que a cor dos enlaces mude cando se premeu sobre eles.

3–. Información en vídeo

. Non fales apresa.

. Evita a cámara lenta e a cámara rápida.

. Se se emprega a voz en off, debe falarse só das cousas que as persoas ven na pantalla.

. A pantalla non debe ser nin moi escura nin moi clara.

. O vídeo e o son deben ser de moi alta calidade e claros.

. Os botóns de son e pantalla completa deben ser doados de atopar.

. Os vídeos informativos non deben durar máis de 20 ou 30 minutos.

. Cando se mude de localización da gravación, debe explicarse cal é o novo lugar.

. Se se utilizan subtitulado, deben ser fáciles de ler.

. O espectador debe poder quitar ou poñer os subtítulos en calquera momento.

. Se utilizas descrición de audio, utiliza palabras doadas de comprender.

. O espectador debe poder quitar a descrición de audio en calquera momento.

4–. Información en audio

. A persoa que fala debe ter unha pronunciación correcta e unha vocalización clara.

. A persoa que fala debe facelo de vagariño.

. O son debe ter o volume correcto.

. É importante facer pausas, cando sexa preciso.

. De repetirse varias veces a información importante.

. Debes ler o texto de xeito que se entendan as emocións.

 

Manuel Bragado Orientación do CEIP de Laredo.