Skip to Content

CERTAME DE RELATO CURTO ORGANIZADO POLA FANPA 2024

Noraboa ao gañador do certame de relato curto, organizado pola FANPA, Federico Limeres Arias, como representante do CEIP Álvarez Limeses, na categoría de Persoas Adultas.

O relato titúlase

A HERDANZA

 

    Ao baixar do avión, sentiu o estupor incrédulo que producen as xeografías míticas. O esplendor solar da mañá parecía un saúdo de benvida. De camiño ao hotel, o autobús percorreu estradas, avenidas, rúas ateigadas de vellos Cadillacs, de Pontiacs maxestosos como carrozas; dende o seu asento, a multicolor corrente de carrocerías semellaba un banco de peixes tropicais. De certo, A Habana non era só un nome nos mapas.

    A carta chegara nun sobre cos bordes rebereteados en branco, azul e vermello. Cunha caligrafía esmerada, o seu remitente facíalle unha confidencia que parecía extraviada dunha telenovela. Quedábanlle meses de vida e tiñan que verse. Non o pensou dúas veces. Non tiña elección.

    Avisouno da súa chegada dende un café. A conversa foi fría e alienada, como se estivesen en universos paralelos. Quedaron en verse ao día seguinte. O home iría en coche; conducir era un dos últimos praceres que lle quedaban. Aparcaría diante do hotel. O desfase horario desbaratoulle a noite. Almorzaba cando o sobresaltou a notificación no móbil. Saíu á rúa expectante. O home estaba sentado no seu vello Chevrolet do d58, mirando á fronte. Tiña as mans apoiadas no volante, coma nun reclinatorio. A luz da Habana facía intolerable o cromado dos parachoques, pero o azul metálico do coche estaba cheo de mapas. Golpeou cos nocellos o cristal da ventá. O ocupante pareceu espertar dun soño e empezou a xirar a manivela con medias voltas sincopadas, coma se fose un temón. Miráronse. Agás pola queixada afundida de quen perdeu os dentes, viuse reflectido na súa faciana coma nun espello.

 

    Non mentía a única foto que del gardara a súa nai: o mozo que a deixara, había máis de medio século, e marchara para Cuba, e nunca volvera, deixáralle en herdanza o seu tabique nasal.

 

 

Impresos formalización de matrícula

Estimadas familias, 

Se os vosos fillos e fillas, fixeron a solicitude de praza no proceso de admisión e teñen asinada praza para o vindeiro curso, podedes facer a formalización da matrícula dende o 20 de xuño ata o día 28 de xuño..

O horario de secretaría é:

  • de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas

Para faciitar e axilizar o procedemento, deixamos na web os impresos para que os traiades xa cubertos.

No caso do alumnado que entra en 3 anos, nos vindeiros días colgaremos a data da reunión inicial.

MOCHILAS VIAXEIRAS

Última semana que os nenos e nenas levan a "Mochila viaxeira" ás súas casas.

Foron todo un éxito!


Becas e axudas para alumnos con necesidade específica de apoio educativo

O pasadao día 19 de abril de 2024, convocáronse na web do Ministerio de Educación as becas para alumnado con necesidade de apoio educativo.

 

PRAZO: do 30 de abril ata o 13 de setembro de 2024

ENLACE para a aplicación.

CONVOCATORIA das axudas

ADMISION CURSO 2024-2025

LISTADO DEFINITIVO DE ALUMNOS ADMITIDOS

Xa tendes colgado no taboleiro do centro, a relación de alumnado admitido que fixeron a solicitude de praza para o vindeiro curso 2024-2025.

 

Admisión Curso 2024-2025

Estimadas familias, 

Tal e como temos recollido na normativa sobre a Admisión de Alumnado, hoxe 25 de abril, fixéronse públicos os listados provisionais de alumnado admitido no noso centro.

Podedes consultar dita información nos taboleiros do centro.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut