Programación Xeral Anual e Programación Didáctica

Desde o día 1 de setembro de 2020 ata o inicio das clases, o profesorado dos centros públicos, ben individualmente, ben formando parte dos órganos de coordinación didáctica correspondentes, baixo a dirección dos seus responsables, colaborará na elaboración da programación xeral anual e na revisión dos proxectos educativos e concrecións de currículos, participará nas reunións de ciclos, departamentos, claustros e cantas outras actividades estean relacionadas coa organización do curso. Neste período, os departamentos didácticos, os equipos de ciclo e os equipos docentes de cada curso, baixo a coordinación e dirección da respectiva xefatura de departamento, coordinación de ciclo ou do/da profesor/a titor/a, dedicaranse a elaborar a programación didáctica das ensinanzas correspondentes ao ciclo, ás áreas, materias ou módulos integrados no departamento e a organizar o curso escolar.


Dado que te incorporas a este posto docente xa iniciado o curso, será o profesor ou a profesora responsable de cada departamento, da coordinación de ciclo na educación infantil e o titor ou titora de curso quen che facilitará a información básica relativa á programación didáctica. É responsabilidade de cada docente informar ao alumnado desas programacións didácticas de área ou materia. Esta información básica inclúe:

  • obxectivos,
  • contidos,
  • criterios de avaliación,
  • procedementos e instrumentos de avaliación,
  • criterios de cualificación do ciclo ou curso correspondente;
  • (de ser o caso)  estándares de aprendizaxe avaliables e o grao mínimo de consecución


O proxecto educativo é un documento que se fai público e ten un carácter esencial en tanto constitúe a guía do traballo que desempeñas non só na túa aula, senón no centro en xeral. Acode a el para atopar, entre outros aspectos, os seguintes:

  • as medidas de atención á diversidade que cada centro decide adoptar
  • o proxecto lector de centro
  • o proxecto de educación dixital  
  • valores, obxectivos e prioridades de actuación
  • concreción do currículo
  • acción titorial
  • actividades
  • programas nos que se participa
  • actividades complementarias /extraescolares

Ao mesmo tempo, este documento ten un carácter dinámico e polo tanto, debe ser revisado periodicamente polo equipo directivo, a comisión de coordinación pedagóxica (CCP) e o claustro.  É esencial que o coñezas para poder desempeñar o teu traballo de maneira axustada ao contexto e para que poidas tomar decisións informadas cando se formulen propostas nas reunións de departamento e/ou ciclo e nos claustros.

Última modificación: Domingo, 29 de Novembro de 2020, 18:12