A incorporación das competencias básicas ao currículo permite poñer o acento naquelas aprendizaxes que se consideran imprescindibles, desde unha formulación integradora e orientada á aplicación dos saberes adquiridos. De aí o seu carácter básico.

Son aquelas competencias que debe desenvolver un mozo ou unha moza ao finalizar o ensino obrigatorio para poder lograr a súa realización persoal, exercer a cidadanía activa, incorporarse á vida adulta de xeito satisfactorio e ser quen de desenvolver unha aprendizaxe permanente ao longo da vida.

No marco da proposta realizada pola Unión Europea identificáronse oito competencias básicas que debe acadar o alumnado ao rematar a escolaridade obrigatoria:

1. Competencia en comunicación lingüística
2. Competencia matemática
3. Competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico
4. Tratamento da información e competencia dixital
5. Competencia social e cidadá
6. Competencia cultural e artística
7. Competencia para aprender a aprender
8. Autonomía e iniciativa persoal


Aínda que de xeito tanxencial cos recursos creados con LIM e o Proxecto Xogamos? podemos atender a todas e cada unha de estas competencias pola flexibilidade de adaptarse ás diferentes áreas do currículum, é innegable que a súa utilización incide dun xeito especial na competencia 4 do “tratamento da información e competencia dixital” cunha utilización das tecnoloxías da información e a comunicación como elemento esencial para informarse, aprender e comunicarse; o dominio de linguaxes específicas básicas (textual, numérico, icónico, visual, gráfico e sonoro) e sobre todo o uso habitual dos recursos tecnolóxicos dispoñibles para resolver problemas reais de modo eficiente.

Por todo o visto é imprescindible que nos proxectos que realices con LIM ou o Proxecto Xogamos? teñas en conta a relación con estas competencias dentro da túa área de traballo e o ciclo e nivel aos que vaia destinado.