1. TAN FLEXIBLE, TAN FLEXIBLE... QUE NUNCA O FAGO
Os cursos a distancia teñen moitas vantaxes, entre outras, a súa flexibilidade en canto a horarios e a espazos. Podes elixir o momento e o lugar: cando tes un ratiño libre, en casa ou na escola, non tes que te desprazar, ...
Pero, ás veces, a posibilidade de facelo máis tarde fai que se nos vaia acumulando o traballo ata que chega un momento en que é demasiado e non temos tempo material de realizalo.

Por iso, o noso primeiro consello é que intentes cumprir os prazos que se fixan para realizar as actividades. Estes límites de tempo non son rigorosos pero si constitúen unha orientación para que organices o teu traballo da forma máis levadeira posible.

2. ANTE As DIFICULTADES ... NON ABANDONAR
Outra característica dos cursos a distancia é que, en certa forma, os realizas ti so. É certo que tes un titor e unhos compañeiros e que tamén é posible, ata, o traballo en equipo, aínda que as canles de comunicación non son as habituais.

Entón, adoita pasar que ante unha dificultade, algo que non comprendes ou que non che sae ben desde o principio, sénteste impotente. O noso consello é que non abandones. Pide axuda. Tes dúas formas de facelo:
  • Dirixíndote directamente ao titor a través dunha mensaxe privada que ninguén pode ver.
  • Lanzando a túa pregunta ao foro para que poidan contestarche tamén os teus compañeiros e as túas dúbidas sirvan para resolver as de outros (porque seguro que non es ti o único). Lembra a túa experiencia como mestre e o útil que pode chegar a ser a axuda dos compañeiros de clase ou cando aproveitas a pregunta dun alumno para explicarllo a todo o grupo.
3. UN NOVO ESPAZO DE APRENDIZAXE
Facer un curso "on-line" supón entrar nun novo espazo, o aula virtual, con novos recursos, novas formas de facer as cousas, novos xeitos de relacionarse. Por iso, é importante que dediques algún tempo a familiarizarte con esta nova contorna de traballo.
Investiga sen medo, recorda que non rompe. E se algo che sae mal, sempre se pode corrixir sen problemas.

4. TEMOS UN PLAN
Cada tema do curso ten un plan de traballo, un pequeno itinerario que che axudará a realizar as actividades na orde adecuada. Por iso, o primeiro que debes facer ao comezar un tema novo é ler e seguir estas orientacións.

5. IMPRIME SEN PIEDADE
Algúns de nos superamos amplamente a corentena. Sexamos realistas, non pertencemos á xeración dixital e, encima, coa vista cansa. En fin, é posible que por falta de hábito nos deixemos os ollos cando pasamos algún tempo fronte ao ordenador e sexa mais cómodo para nos ler a documentación no papel. Se este é o teu caso, imprime os temas e tenos a man para consultalos cando realices as actividades. Isto é especialmente importante cando empecemos a traballar co programa EDILIM.

6. SEMPRE EN POSITIVO ^-)
Mentres participas no curso, pensa nas vantaxes que esta nova experiencia pode ter para ti (como persoa e como profesional do ensino) xa que posiblemente a formación "on-line" sexa unha alternativa educativa nun futuro non moi afastado. Referímonos ao recurso que suporía ter un aula virtual no noso Centro e as actividades que poderiamos facer cos nosos alumnos.

CONCLUSIÓN: 7 CONSELLOS PARA FACER O CURSO
1. Non deixes para mañá o que poidas facer hoxe. Intenta entregar as tarefas nos prazos previstos para que non se che acumule o traballo.
2. Se tes problemas, pide axuda:
a. Directamente ao titor do curso mediante unha mensaxe privada
b. No foro para que tamén te axuden os teus compañeiros.
3. Oriéntate neste novo espazo: adica algún tempo a familiarizarche co aula virtual.
4. Le o plan de traballo de cada tema e segue as orientacións.
5. Imprime a información e consúltaa cando o necesites.
6. Se non sabes como facer unha actividade, le o tema de axuda correspondente.
7. Pensa nas vantaxes da aprendizaxe a distancia e as aplicacións que pode ter para a túa clase.
Última modificación: Luns, 21 de Decembro de 2015, 20:55