UNHA PRESENTACIÓN POUCO HIPERTEXTUAL


Se "liches" o diagrama da páxina principal, ou pola simple lectura deste curso online, xa tes claro en que consisten as características principais da lectura dixital: un cambio no formato ou pantalla de lectura e unha nova linguaxe, a dimensión hipertextual, que racha coa estrutura lineal do texto clásico en formato papel, aumentando as posibilidades e significado do texto (e, na mesma medida, aumentando a responsabilidade do lector na interpretación do texto, se seguimos a corrente semiótica difundida por Umberto Eco).

A NOVA LINGUAXE


Se o texto en papel é unha estrada (boa ou mala, pero de dirección única) o hipertexto e a lectura dixital tenden a ser unha rede de autoestradas que para moitos pode converterse nunha selva sen brúxula e sen mapa.

Que dúbida cabe que é imposible ler o diagrama precedente na súa totalidade porque a súa estrutura de conexións ou ligazóns crean unha lectura infinita , se outorgamos a ler o mesmo significado que aplicamos á lectura en papel. Polo tanto, se o hipertexto é a ferramenta característica da lectura dixital, o seu uso e aceptación obriga a facer unha readaptación do termo "lectura", redimensionando o seu significado dacordo co novo formato e estrutura.

Se tomamos conciencia de que o hipertexto constitúe unha nova linguaxe (máis que un "simple" cambio de formato), entón entendemos mellor cal pode ser a sensación que produce a imposibilidade de lectura plena do diagrama precedente nunha persoa que non sexa nativo dixital (é dicir, calquera de nós): sentimento de perda, frustración, desasosego...

Todo iso por non considerar que calquera nova linguaxe implica novas maneiras de narración.
Vexamos un exemplo, apuntado por Roman Gubern: cando se popularizou o cinema, sobre 1910, moitos (novos) espectadores consideraban moi desconcertante a narración visual do filme (que hoxe consideraríamos simple, todos nós) polo cambio de perspectiva inmediata que implica un diálogo visual baseado no plano-contraplano, propio de calquera secuencia onde falen dúas persoas. Unha nova linguaxe inventa novas maneiras de narrar... e non ten por que ser fácil, aínda que pode merecer moito a pena. Co hipertexto estamos en 1910, acostumándonos a novas maneiras de narrar, distintas e non necesariamente mellores, pero que aumentan considerablemente a nosa perspectiva cultural.

Dito todo o anterior a modo de xustificación, imos falar do hipertexto utilizando as ferramentas hipertextuais: ligazóns, presentacións hipermedia, diagramas... Non agardamos que leades todo (cousa imposible, como xa apuntamos), senón que naveguedes a modo por unha selva máis asfaltada do que aparenta.

O NOVO FORMATO

Dos novos formatos non falaremos moito (tedes información abundante na sección de ligazóns, e podedes preguntar no foro) pero si faremos algunha proposta de debate cara ao que vai supor nas aulas a introdución da lectura dixital e as posibilidades que xera, por exemplo, crear unha biblioteca de aula online.

O EXEMPLO PARADIGMÁTICO: TWITTER

Na acepción epistemolóxica, o paradigma é o exemplo que mostra ou contén un marco teórico, actuando como esquema formal do mesmo. Polo tanto, entender ou comprender o paradigma implica, por analoxía, entender ou comprender o marco teórico que se pretende difundir.
Hoxe en día non temos mellor paradigma da lectura dixital que o Twiiter, todo un cambio nos hábitos e formatos de lectura, e nas narracións asociadas.



RECURSO 1: HIPERTEXTO
ACTIVIDADE 1 (voluntaria): O DIAGRAMA, REPRESENTACIÓN DO HIPERTEXTO
RECURSO 2: O CAMBIO NO FORMATO
ACTIVIDADE 2 (voluntaria): A BIBLIOTECA DIXITAL: LER ONLINE
RECURSO 3: O EXEMPLO PARADIGMÁTICO
ACTVIDADE 3 (obrigatoria): TWITTER, O TEXTO DIXITAL

Última modificación: Luns, 21 de Decembro de 2015, 20:56