A lectura silenciosa

vCando Ronald V. White (1983, "Approaches to the reading teaching", en Teaching language as communication, Primeres Jornades Pedagògiques d´Anglès, Barcelona, ICE-UAB, pp. 11-15.) fala de lectura silenciosa distingue os seguintes tipos en función dos obxectivos de comprensión e da velocidade lectora:

a) Extensiva: a que facemos por pracer ou interese, como cando lemos unha novela.

b) Intensiva: destinada a obtermos información dun texto, como na lectura dunha carta ou dun informe sobre un alumno.

c) Rápida e superficial: tamén co obxectivo de conseguir información, como cando lle botamos unha ollada ao xornal.

d) Involuntaria: a dos anuncios, carteis, etc que podemos ir atopando pola rúa.

Cassany et al. propoñen en Enseñar lengua (1997: 198) unha nova clasificación a partir da de White na que se define a eficacia lectora en función da velocidade e da comprensión:

Dentro da lectura integral, a que comprende todo o texto, distingue entre a reflexiva, unha lectura lenta que pretende a comprensión exhaustiva e a análise detallada do texto, e a mediana. Na lectura reflexiva acádase a comprensión do 80% da información do texto. É a lectura que levamos a cabo para estudar ou para ler instrucións. Na lectura mediana a comprension do texto está entre o 50% e o 70% e é a que facemos ao ler cartas de traballo, informes ou novelas.

A lectura selectiva é a que se limita ás partes do texto que conteñen a información que lle interesa ao lector. O vistazo ou lectura rápida recibe o nome de skimming en inglés e serve para obter unha idea global do contido do texto. A lectura atenta ou scanning emprégase para buscar datos ou informacións concretas. Cassany inclúe en Enseñar lengua un cadro no que contrasta as diferencias entre ambas formas de lectura.

Cassany

Tanto o skimming como o scanning son dous instrumentos fundamentais e complementarios para ler con eficacia. Poucas veces lemos palabra por palabra e seguindo a linealidade do texto, agás na lectura de poesía ou de notas escritas a man. Pero non todos os alumnos saben moverse polo texto saltando dun punto a outro, por iso teñen que aprender a regular a velocidade lectora e do movemento ocular e a desprazarse pola páxina centrándose nuns obxectivos de lectura concretos.

Un exemplo de actividade concreta para desenvolver estas habilidades é a que consiste en propoñer textos de diversos tipos nos que os parágrafos aparecen desordenados, como na que nos propoñen T. Colomer e A. Camps no seu libro Enseñar a leer, enseñar a comprender. Podes acceder a ela premendo no seguinte enlace:

Actividade T. Colomer - A.Camps.

Última modificación: Luns, 21 de Decembro de 2015, 20:56