A lectura expresiva

rLer en voz alta é unha práctica moi habitual nas nosas clases de lingua. É certo que a oralización de textos escritos precisa ser traballada na aula, dado que contribúe a que os alumnos lean con claridade, rapidez, fluidez e corrección, respectando as pausas requiridas pola puntuación, pronunciando de forma correcta e coa entoación axeitada ao caso. Pero tamén é certo que, ao centrarse nos devanditos aspectos, a comprensión queda relegada a un segundo plano. Malia isto, non son raras as ocasións en que os docentes, logo de facermos unha lectura en voz alta, formulamos preguntas sobre a comprensión do texto, cando, de ser ese o obxectivo perseguido, deberiamos permitirlles aos alumnos a oportunidade de lelo con esa finalidade, para a que se require unha lectura individual e silenciosa.

Ademais, se pretendemos que a lectura en voz alta resulte eficaz nos aspectos mencionados no parágrafo anterior, é necesaria a comprensión previa do texto. É dicir, toda lectura en voz alta debería pasar por unha lectura individual e silenciosa antes da oralización.

Cassany (Enseñar lengua) establece os seguintes tipos de lectura en voz alta:

a) Comunicativa: Consiste en ler un escrito que a audiencia non ten diante e que debe comprender oralmente. Aquí a clave radica en entender o significado do texto. Unha actividade axeitada para traballar este tipo de lectura é facer que un alumno lles lea aos demais unha noticia. Como é importante que a audiencia teña unha boa razón para escoitar, pódenselles repartir preguntas diferentes a cada un dos restantes alumnos para que as respondan a partir da lectura feita polo compañeiro.

b) Avaliativa: Consiste en ler un texto que a audiencia si ten diante. Neste caso a énfase está na corrección e fluidez da lectura. Os alumnos que escoitan poden sinalar no texto os lugares nos que o lector cometeu algún erro.

c) Dramatizada: Consiste en interpretar un texto que a audiencia ten diante poñendo a énfase na entoación, nas pausas, no volume, no ritmo…

O obxectivo fundamental deste último tipo de lectura –ao que tamén podemos chamar lectura expresiva- é reproducir coa nosa voz e coa linguaxe non verbal todo canto un texto contén: as emocións que o autor quere transmitir, as imaxes que acompañan ao escrito, a textura das palabras, as variacións da intensidade… As actividades encamiñadas a desenvolver estas destrezas adoitan ser máis frecuentes na educación infantil e nos primeiros ciclos de primaria, pero vanse deixando de lado nos cursos superiores.

Pilar Núñez Delgado sintetiza todos os aspectos que contribúen a desenvolver este tipo de lectura (actividades creativas de lectura expresiva). Entre outros, nós salientamos os seguintes:

- Achega ao alumnado á compoñente lúdica e estética da linguaxe e isto é decisivo para asentar as bases da afección literaria.

- Facilita a fluidez da lectura ao traballar as pausas, os signos de puntuación, a entoación.

- Permite practicar novas posibilidades comunicativas combinando códigos distintos.

Cada vez que se acomete na aula a realización dunha lectura expresiva convén dedicarlle un tempo previo de preparación que inclúa a explicitación de obxectivos e criterios de avaliación da actividade. Núñez Delgado secuencia do seguinte modo a implementación da actividade:

a) Antes de ler: É o momento de presentar o texto e o autor ou autora, explicando os motivos da elección dese texto en concreto e os obxectivos que se pretenden acadar coa lectura.

b) Durante a lectura: Hai que levar a cabo unha primeira lectura superficial para tomar contacto co texto. As lecturas sucesivas servirán para aclarar dúbidas relativas ao vocabulario e ao contido, para entender as ideas que queren expresar o texto e para decidir o ritmo e entoación que este require. É importante realizar anotacións aclaratorias no propio texto e ensaialo. Na lectura final ten que quedar claro que se captou o sentido do texto e que se sabe transmitir ese sentido á audiencia.

c) Despois da lectura: Convén facer unha reflexión sobre o aprendido e comentar o que sentiron tanto os lectores como os oíntes.

Nos arquivos de MP3 que acompañan a este bloque teórico figuran sendas actividades de lectura expresiva realizadas con alumnos e alumnas de 3º de ESO a partir dunha tira cómica de Calvin e Hobbes, xunto co documento da proposta didáctica.

Actividade: lectura expresiva. Documento do docente.

Material (Tira cómica de Calvin e Hobbes)

Arquivo de audio 1. (Marta Soto e Delfina Rangone, 3º ESO, IES Politécnico, Vigo)

Arquivo de audio 2. (Daniel Barral e Pedro Alonso, 3º ESO, IES Politécnico, Vigo)

Última modificación: Luns, 21 de Decembro de 2015, 20:56