Tema 8: A Prehistoria: do Paleolítico ao Neolítico

Apuntamentos do tema 8: A Prehistoria: do Paleolítico ao Neolítico

1. O proceso de hominización

A Historia é a ciencia que estuda o pasado da humanidade. Por iso a primeira pregunta que nos temos que facer é cando apareceron os seres humanos?

A resposta tradicional de “Adán e Eva” queda como conto de orixe relixiosa pero non é válida dende unha perspectiva científica. Foi Charles Darwin quen, no século XIX, enunciou a Teoría da Evolución das Especies (Evolucionismo), baseada na idea da selección natural.

O ser humano é un primate e por tanto, comparte antepasados comúns co mono. Denomínase hominización ao proceso evolutivo da especie humana os seus devanceiros até o estado actual.

Podemos sintetizar esta evolución humana nas seguintes fases:

Evolución humana
  • Hai uns 4 millóns de anos apareceu o primeiro homínido, o Australopithecus, que supuxo o tránsito entre os primates e os homes. Introduce o bipedismo. Non é considerado aínda un Homo pois, aínda que utilizaba instrumentos do seu medio, non os fabricaba. Viviu en África e tiña un cerebro moi pequeno, apenas 500 cc.

  • Homo Habilis (hai 1,9 millóns de anos ata hai 1,6 millóns): Foi o primeiro en elaborar utensilios (de aí o de “habilis”), polo que é considerado o primeiro representante do xénero Homo. O seu cerebro achegábase aos 600 cc. Tamén viviu en África.

  • O Homo Ergaster – Erectus (hai 1,7 millóns de anos ata hai 400.000): Ten un cranio de maior tamaño, desde os 850 cc. do Ergaster ata os 1.100 cc do Erectus. Crese que foi o primeiro homínido con capacidade para a linguaxe e de dominar o lume. Foi a especie que se expande por Asia e Europa.

  • O Homo Antecessor (800.000 ata hai 350.000 anos): O seu cranio é duns 1.000 cc. Considérase o primeiro homínido propiamente europeo e del derivan os homos sapiens: tanto o sapiens sapiens como o sapiens neanderthalensis. O principal xacemento desta especie está en Atapuerca (Burgos).

  • O Homo Sapiens Neanderthalensis (230.000 ata hai 25.000 anos): Non é un antepasado directo noso, senón dunha póla paralela na árbore evolutiva que conviviu coa nosa especie. O seu aspecto era similar ao noso pero era máis robusto e forte. O seu cerebro era o máis grande de todas as especies: chegaba aos 1.500 cc. Foi o primeiro en enterrar aos seus mortos, fabricar o lume e crear ferramentas especializadas para cada tarefa.

    Esta especie garda moitos segredos, por exemplo, as causas da súa extinción non están claras, aínda que algúns científicos sosteñen que os Homo Sapiens Sapiens quitáronlles os seus terreos de caza. Outra dúbida que existe é se ambas especies se chegaron a mesturar. Hai científicos que afirman, por exemplo, que o pelo vermello é de orixe Neanderthal.

  • O Homo Sapiens Sapiens (140.000 anos ata hoxe): É a especie do ser humano moderno. A súa capacidade cranial é de 1.400 cc. Ao igual cos neanderthalensis, elaboraba útiles sofisticados e sabía acender lume. Desenvolveron a arte, quizá con fins rituais, como as pintura en cavernas chamadas rupestres e o tallado e a escultura. Poboou todos os continentes.

O proceso de hominización
Podes ollar este de apenas 5' onde se resume extraordinariamente ben o proceso de hominización.
Resumindo, podemos concluír que o lento proceso de hominización caracterizouse polos seguintes cambios anatómicos e culturais:

  • Posición vertical e marcha bípeda que permitiu a liberación das mans que se poderán usar para comer e para fabricar utensilios, grazas tamén ao polgar opoñible.

  • Aumento da capacidade do cranio, e en consecuencia, do cerebro. Ademais a fronte foise facendo máis plana, apareceu o queixo e diminuíu o tamaño das mandíbulas e dos dentes.

  • Desenvolvemento da linguaxe (o que permitiu que os coñecementos se transmitisen de xeración en xeración) e doutras actividades sociais (crenzas, arte...).

  • Hominizacion
    Se queres afondar neste proceso de hominización, fai clic na imaxe