Tema 3: Tempo e clima

Tema 3: Os medios naturais.
Paraestudar este tema, dividimos os seus contidos en dous bloques:
  • Tempo e clima, onde estudaremos os elementos meteorolóxicos e os factores que inciden neles.
  • Os climas e as súas paisaxes, onde estudaremos a diversidade climática e paisaxística mundial, española e galega.

1. TEMPO E CLIMA

O tempo é o estado da atmosfera nun lugar determinado e nun momento dado. Así, por exemplo, podemos dicir que hoxe en Lugo chove ou que en Vigo vai sol. En cambio, o clima refírese ás condicións atmosféricas que se dan nunha rexión durante un longo período de tempo. Así, por exemplo, dicimos que Galicia ten un clima oceánico onde chove con frecuencia e as temperaturas son temperadas.
Como podes ver, ámbolos dous termos refírense á atmosfera… e que é a atmosfera?
A atmosfera é a capa gasosa que envolve a Terra. En comparación ás dimensións da Terra, é unha capa delgada que non chega aos 1000 km.

A atmosfera é primordial para a vida no planeta. Non só porque contén os gases imprescindibles para a respiración ou para realizar a fotosíntese das plantas, senón tamén porque actúa de escudo protector contra os meteoritos e reflicte a radiación ultravioleta grazas á capa de ozono localizada na estratosfera.
Ademais, a atmosfera xoga un papel fundamental na regulación da temperatura xa que absorbe parte das radiacións infravermellas que emite a Terra logo de ser quentada polo sol, evitando os cambios bruscos de temperatura. É certo que, debido a unha maior concentración dos gases que absorben ditas radiacións (o dióxido de carbono, por exemplo) poden aumentar as temperaturas e cambiar o clima. É o que se coñece como efecto invernadoiro.
Efecto invernadoiro
Podes afondar neste proceso coñecido como efecto invernadoiro neste enlace