ORGANIZANDO UNHA VIAXE

Neste caderno atoparás os pasos a seguir para organizar unha viaxe moi especial.

3. A ELECCIÓN DOS DESTINOS

Un grupo ten que encargarse de organizar á clase para escoller o destino. Tedes que transmitir a todos os vosos compañeiros e compañeiras as instrucións e coidar de todo o proceso. A parte das comunicacións que fagades na clase (especialmente para poñer en marcha esta actividade) o voso medio de comunicación vai ser o foro.

UNHA ALDEA GALEGA

Imos escoller unha aldea entre todos. Quizais sexa a aldea na que vive algún alumno ou alumna do grupo. Quizais sexa a aldea dos avós ou dos pais, ou a aldea dalgún amigo ou coñecido. Todos imos pensar nas aldeas que coñecemos e ver se nelas hai labregos e labregas cos que poidamos compartir un rato para falar e que nos ensinen as súas hortas.

Cada un vai escoller unha aldea para propoñer como destino da nosa viaxe. Quizais algunhas persoas ides escoller a mesma aldea.

Unha vez escollida ides facer unha candidatura, é dicir, ides explicar porque pensades que esa aldea é adecuada para esta viaxe. A candidatura ten que basearse en datos reais, por iso tes que facer unha primeira visita para ver se reúne as seguintes condicións:

- ¿Hai algúns labregos ou labregas que queiran e poidan recibirnos?
- ¿Poden mostrarnos as súas hortas e lugares de traballo?
- ¿Podemos facerlles preguntas sobre o seu traballo e estilo de vida?
- ¿Hai outros lugares interesantes para visitar? (podedes ter en conta paisaxes, bosques, sendeiros, museos ou mostras interesantes...)
- ¿Hai lugares para o lecer? (onde poidamos pasar un pouco de tempo libre)
- ¿Hai lugares para resgardarse en caso de que choiva?
- ¿A que distancia está esa aldea do noso centro?

Se varias persoas escolledes a mesma aldea podedes xuntarvos para facer unha única candidatura.

Esa candidatura ides subila ó foro para que todos os compañeiros e compañeiras podan coñecela e dar a súa opinión.

Unha vez que todas as candidaturas sexan presentadas no foro, onde tamén poderemos dar a nosa opinión sobre elas, imos elixir o destino final mediante unha votación.

UNHA PRODUCIÓN ECOLÓXICA

Tedes atopar unha produción ecolóxica que poidades visitar. Para iso o mellor é buscar na túa localidade puntos de venta de produtos ecolóxicos frescos. Eses lugares solen traballar con produtores locais.

Unha vez que os localicedes tedes que poñervos en contacto para explicarlles a vosa viaxe e o tipo de encontro que vos gustaría ter.

Neste caso tamén tedes que ver as condicións que reúne para a vosa visita.

Se hai varias propostas tedes que facer unha candidaturas e elixir unha delas.