ORGANIZANDO UNHA VIAXE

Sitio: Centro Autonómico de Formación e Innovación - Aula virtual
Curso: Agri-Cultura
Libro: ORGANIZANDO UNHA VIAXE
Impreso por: Usuario convidado
Data: Martes, 28 de Maio de 2024, 02:49

Descrición

Neste caderno atoparás os pasos a seguir para organizar unha viaxe moi especial.

1. INTRODUCIÓN


A sociedade moderna occidental ten moi pouco contacto coa agricultura.

Gran parte da poboación vive en cidades e a produción de alimentos está en poucas mans. Cada vez hai menos produtores locais, as empresas multinacionais da alimentación están ocupando o seu lugar.


A pesares disto en moitos lugares de Galiza a poboación está en contacto co medio rural.

Moi preto dos centros urbanos podemos atopar leiras e hortas e non é pouco frecuente que haxa familias que, sen adicarse profesionalmente á agricultura, teñan un espazo a producir os seu propios vexetais. A xeografía da nosa terra e a histórica tendencia a organizar o territorio en minifundios favorece esta situación.

Moitos de nós sabemos a diferencia entre comer vexetais producidos no noso entorno con medios tradicionais e comer vexetais producidos para as multinacionais da alimentación. Seguro que isto anima á xente a manter as súas propias hortas familiares.

Ademais hai que ter en conta o gran desfrute que produce cultivar, coidar e ver crecer as plantas da túa horta.



Hai un proverbio chinés que di:

Se queres ser feliz un día, enamórate.
Se queres ser feliz dez anos, cásate.
Se queres ser feliz toda a vida, fai un xardín.

E unha horta é coma un xardín de plantas comestibles e saborosas!



Así que a nosa próxima actividade é coñecer persoas que se adican a agricultura e visitar as súas hortas.

Imos facer dúas viaxes:

  1. na primeira imos visitar unha aldea galega onde se conserven as formas agrícolas tradicionais.
  2. na segunda imos visitar unha produción agrícola ecolóxica.

En ambos lugares imos xuntarnos con labregos e labregas para coñecer a súa relación coa terra e a súa forma de vida.

2. A ORGANIZACIÓN DA NOSA VIAXE

Esta viaxe imos organizala colectivamente, todos os compañeiros e compañeiras de clase.

Imos organizarnos en grupos e cada un deles vaise encargar dun aspecto práctico da viaxe.

A continuación tedes as explicacións das tarefas que hai que facer.

3. A ELECCIÓN DOS DESTINOS

Un grupo ten que encargarse de organizar á clase para escoller o destino. Tedes que transmitir a todos os vosos compañeiros e compañeiras as instrucións e coidar de todo o proceso. A parte das comunicacións que fagades na clase (especialmente para poñer en marcha esta actividade) o voso medio de comunicación vai ser o foro.

UNHA ALDEA GALEGA

Imos escoller unha aldea entre todos. Quizais sexa a aldea na que vive algún alumno ou alumna do grupo. Quizais sexa a aldea dos avós ou dos pais, ou a aldea dalgún amigo ou coñecido. Todos imos pensar nas aldeas que coñecemos e ver se nelas hai labregos e labregas cos que poidamos compartir un rato para falar e que nos ensinen as súas hortas.

Cada un vai escoller unha aldea para propoñer como destino da nosa viaxe. Quizais algunhas persoas ides escoller a mesma aldea.

Unha vez escollida ides facer unha candidatura, é dicir, ides explicar porque pensades que esa aldea é adecuada para esta viaxe. A candidatura ten que basearse en datos reais, por iso tes que facer unha primeira visita para ver se reúne as seguintes condicións:

- ¿Hai algúns labregos ou labregas que queiran e poidan recibirnos?
- ¿Poden mostrarnos as súas hortas e lugares de traballo?
- ¿Podemos facerlles preguntas sobre o seu traballo e estilo de vida?
- ¿Hai outros lugares interesantes para visitar? (podedes ter en conta paisaxes, bosques, sendeiros, museos ou mostras interesantes...)
- ¿Hai lugares para o lecer? (onde poidamos pasar un pouco de tempo libre)
- ¿Hai lugares para resgardarse en caso de que choiva?
- ¿A que distancia está esa aldea do noso centro?

Se varias persoas escolledes a mesma aldea podedes xuntarvos para facer unha única candidatura.

Esa candidatura ides subila ó foro para que todos os compañeiros e compañeiras podan coñecela e dar a súa opinión.

Unha vez que todas as candidaturas sexan presentadas no foro, onde tamén poderemos dar a nosa opinión sobre elas, imos elixir o destino final mediante unha votación.

UNHA PRODUCIÓN ECOLÓXICA

Tedes atopar unha produción ecolóxica que poidades visitar. Para iso o mellor é buscar na túa localidade puntos de venta de produtos ecolóxicos frescos. Eses lugares solen traballar con produtores locais.

Unha vez que os localicedes tedes que poñervos en contacto para explicarlles a vosa viaxe e o tipo de encontro que vos gustaría ter.

Neste caso tamén tedes que ver as condicións que reúne para a vosa visita.

Se hai varias propostas tedes que facer unha candidaturas e elixir unha delas.

4. A ORGANIZACIÓN LOXÍSTICA

Unha vez que escollemos o destino temos que decidir algunhas cousas prácticas:

- Data e horarios da viaxe.
- Profesores e profesoras acompañantes.
- Medio de transporte.
- Aspectos económicos (gastos e recadación das aportacións económicas).
- Aprobación do Consello Escolar.
- Permisos das familias.

5. O PROGRAMA DA VISITA

Unha vez que sabemos o lugar, a data e o horario da nosa viaxe podemos establecer o programa. ¿Que imos facer e cando? ¿Que actividades? ¿Canto tempo libre? ¿Onde imos comer? Quizais queirades organizar algún xogo para os momentos de lecer.

Para decidir as actividades podedes facer participar a todos os compañeiros e compañeiras a través do foro, poñendo a pregunta e dando un prazo para responder.

Así que tedes que facer unha lista con todas as actividades e despois un horario.

Tede en conta que este horario vai depender do transporte e tamén da dispoñibilidade dos labregos e labregas coas que vos ides xuntar. O mesmo acontece se ides visitar algún museo ou mostra, ou precisades unha guía para algunha actividade.

Tedes que entrar en contacto coas persoas implicadas, consultar a súa dispoñibilidade e decidir os horarios e a duración das actividades.

O grupo que faga o programa tamén ten que encargarse dos materiais necesarios para as actividades.

Ó final deste proceso teredes unha boa programación. Durante a visita cada membro do grupo pode responsabilizarse dunha actividade, para que se cumpra o horario e, en caso de ser necesario, se preparen os materiais e se recollan ó rematar.

6. O ENCONTRO COS LABREGOS E LABREGAS

Neste encontro primeiro imos presentarnos e despois imos facerlle as nosas preguntas e deixar que eles e elas nos falen das súas experiencias e que nos ensinen os seus cultivos e lugares de traballo.

Polo a este encontro nós aportamos a presentación e as preguntas.

Para facelas podemos contar coas ideas de todos os compañeiros e compañeiras da clase, así como dos profesores e profesoras que vos están acompañando neste proxecto da horta. Imos facelo a través do foro. Podemos pedir propostas e dar un prazo para que fagan as súas achegas.

A vosa labor é facer unha proposta que despois ten que ser aprobada por toda a clase.

No momento da actividade o mellor é que varias persoas participen na presentación e tamén á hora de facer as preguntas. Así todos e todas participades máis e podedes darvos a coñecer ás persoas que vos van recibir.

Polo tanto tamén tedes que asignar os papeis e preparar as preguntas e presentacións antes da viaxe.

En todo caso tede en conta que despois da planificación, no momento da xuntanza poden xurdir preguntas e comentarios espontáneos, e é moi importante deixarlles espazo. O mellor é que se estableza un coloquio no que a vosa curiosidade e a curiosidade dos vosos anfitrións vos leven a coñecervos mellor (nos esquezades que probablemente para estas persoas tamén sexa moi interesante coñecervos).

7. ¡CUBRINDO A NOTICIA!

Para estas viaxes precisamos un equipo de xornalistas que fagan fotos, graven en vídeo algúns momentos importantes da visita, e tomen nota do que aconteza. Despois van ter que publicalo no blog da horta.

Isto non quere dicir que o resto dos compañeiros e compañeiras non poidan facer as súas publicacións. A diferencia é que os membros deste grupo van facer a "crónica oficial".

O mellor é que fagades un reparto de tarefas e actividades a cubrir.

Ó final de todo tamén podedes pedir fotografías e vídeos a outras persoas do grupo, e tamén facer algunha entrevista sobre como foi a experiencia.

8. CUESTIONARIO FINAL

¿QUE VAS APRENDER NESTAS VIAXES?

Viaxar é un dos xeitos máis bonitos de coñecer e aprender. Isto sucede especialmente se compartimos momentos con persoas que teñen un xeito de vida distinto do noso. Un encontro así pode ser un enriquecemento mutuo.

Dado que estamos nun contexto escolar é importante saber que obxectivos buscamos en cada actividade. Isto axudarache a sacar o mellor partido dela.

Por iso, antes de ir de viaxe, imos facer uns cuestionarios que teremos que cubrir ó rematar. Quizais estades acostumados a recibir os cuestionarios feitos dos vosos profesores e profesoras. Esta vez imos axudarlles todos os alumnos e alumnas.

O grupo encargado desta parte ten que recoller no foro todas as ideas para o cuestionario.

Imos facer un cuestionario para cada viaxe e, dado que imos visitar unha produción agrícola tradicional e outra ecolóxica, será importante facer outro para comparar ambas.

Dado que ides ir de viaxe sabendo as preguntas de antemán seguro que ides ter unha boísima cualificación!