Concurso-oposición ao corpo de profesores de ensino secundario, técnicos de formación profesional, escolas oficiais de idiomas, profesores de música e artes escénicas, mestres e procedemento de adquisición de novas especialidades para o ano 2019 [1]
Enviado por administrador a Ven, 08/03/2019 - 09:17Orde do 21 de febreiro de 2019 pola que se convocan procedementos selectivos de ingreso e acceso ao corpo de profesores de ensino secundario, de ingreso ao corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, ao corpo de profesores de música e artes escénicas, ao corpo de profesores técnicos de formación profesional, ao corpo de mestres e procedemento de adquisición de novas especialidades polo persoal funcionario de carreira dos corpos de profesores de ensino secundario, profesores de escolas oficiais de idiomas, profesores de música e artes escénicas, profesores técnicos de formación profesional e mestres da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED001A).
- O prazo de presentación de solicitudes será de quince días hábiles computados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. (Dende o 11 de marzo ao 1 de abril de 2019 incluído)
As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, para o cal será necesario posuír algún dos certificados electrónicos admitidos ou darse de alta no sistema Chave 365. Neste último caso poderá empregarse calquera das vías que se establecen no seguinte enlace: https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365 [2] onde se facilitará unha chave que permitirá realizar de forma electrónica diversos trámites naqueles procedementos que así o estableza a Xunta de Galicia.
O proceso de presentación de solicitudes é moi sinxelo. Ao entrar na aplicación informática https://www.edu.xunta.gal/oposicions [3] e logo de cuberta a solicitude de participación, a persoa interesada deberá premer na opción “enviar a sede electrónica” e nese momento accederá a esta plataforma na que deberá asinar a solicitude empregando algún dos certificados electrónicos admitidos ou, como se dixo, a Chave 365. O pagamento dos dereitos de exame (taxa) tamén se realizará de forma electrónica, a través do enlace que se indicará na propia aplicación https://www.edu.xunta.gal/oposicions [3] logo de cubrir a solicitude e, unha vez efectuado o pagamento, figurará "estado: pagado" e poderá descargar o xustificante da dita operación desde a propia aplicación de oposicións.
Tamén sería conveniente que a consellería poida comprobar automaticamente todos aqueles datos aos que a persoa solicitante nos autorice expresamente na súa solicitude, e polo tanto non terá que achegar ningún documento acreditativo destes datos. Respecto daqueles datos non comprobables automaticamente segundo a convocatoria, ou para o caso de que a persoa solicitante non autorice expresamente a súa consulta pola administración deberá xuntar a documentación acreditativa dixitalizada do xeito que se lle indica na sede electrónica.
En todo caso, deberán achegar a certificación académica oficial que acredite que se realizaron todos os estudos para a obtención do título xunto co recibo acreditativo conforme se efectuou o pagamento correspondente dos dereitos de expedición, aquelas persoas que posúan o título de mestre/a de ensino primario, diplomatura en profesorado de educación xeral básica, mestre/a ou grao de mestre/a en educación primaria e aqueloutras persoas que posúan unha titulación de licenciatura ou enxeñería nos que se requira unha especialidade para formar parte das listas para cubrir interinidades ou substitucións. O motivo é que no Rexistro de Títulos do Ministerio de Educación e Formación Profesional non constan as mencións nin a as especialidades.
Así mesmo, aquelas persoas graduadas en educación primaria que obtiveran unha mención nunha Universidade distinta da que obtiveron o título, e aleguen esta mención para a súa inclusión nas listas de interinidades ou substitucións deberán achegar certificación académica oficial expedida pola Universidade acreditativa da obtención da mención.
Por último, e para o caso de que a persoa interesada pertenza á lista de interinidades e substitucións dunha das especialidades que se ofertan nesta convocatoria, se quere manter o seu posto na lista en aplicación do apartado 1 do punto segundo do Texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia que imparte ensinanzas distintas das universitarias, ten a obriga de presentarse, non é obrigatorio facelo na súa especialidade nin polo mesmo corpo para manter o seu lugar na lista de interinidades e substitucións.
Se a persoa interesada pertence á lista do corpo de Profesores Técnicos de Formación Profesional, especialidade de Procesos Comerciais e quere incorporarse á lista do corpo de Profesores Técnicos de Formación Profesional, especialidade de Procesos de Xestión Administrativa, bastará con que se presente a calquera das especialidades convocadas.
File: