O director xeral de Centros de Educación recorda que hai que cumprir coa normativa relativa ao decreto do plurilingüismo [1]
José Manuel Pinal recordou nunha entrevista na TVG desde hoxe xa se poden solicitar as axudas para mercar os libros que cambian de idioma por mor do decreto
O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, José Manuel Pinal, recordou hoxe que os docentes galegos deberán cumprir “coa legalidade vixente e aplicar o novo decreto do plurilingüísmo”. Nunha entrevista no programa “Bos Días” da Televisión de Galicia, o director xeral sinalou que “hai que facer un exercicio de responsabilidade cumprir con esta normativa do mesmo xeito que o curso pasado cumpriamos coa que estaba en vixencia a pesares de non estar de acordo con ela”.
Por outra banda e de cara ao comezo de curso de infantil e primaria o vindeiro 10 de setembro, e de secundaria o 17 do mesmo mes José Manuel Pinal recordou que “o alumnado sempre será escolarizado e atendido sen que existan problemas na matriculación dos estudantes”.
Pagos da “Gratuidade Solidaria”
No mesmo espazo o director xeral aproveitou para recordar que un ano máis esta en marcha o programa “Gratuidade Solidaria” de axudas para mercar os libros de 1°, 2°, 5° e 6° de educación primaria, así como para educación especial. Así José Manuel Pinal sinalou que “este ano ao sistema axilizouse e no mes de xuño as familias con dereito as axudas recibiron vales para mercar os libros de texto. Onte xa se deu a orde de pago ás librarías por valor dun millón e medio de euros“.
A estas axudas engádense as que comezan a funcionar desde hoxe e que van destinadas a mercar os libros de matemáticas, tecnoloxía e física e química, que cambian de idioma por mor do Decreto do plurilingüismo para o ensino non universitario. Así estas axudas van destinadas aos estudantes que lles afecta o cambio que son os de 3º e 4º de primaria, así como os catro cursos de secundaria. “Os pais xa poden ir aos centros escolares a solicitar as axudas para mercar estes libros que irán desde os 15 aos 25 euros no caso de primaria, e dos 17 aos 30 euros en secundaria”.
Durante a súa intervención no programa da Televisión de Galicia José Manuel Pinal destacou que “grazas as axudas da Consellería de Educación o comezo do curso escolar en Galicia é un 30% máis económico que no resto de España”.