Mariñeiro/a de máquinas

ATRIBUCIÓNS

– Formar parte da garda da cámara de máquinas nos buques mercantes sen limitación de potencia con excepción dos buques pesqueiros.

– Manexar motores cunha potencia inferior a 150 kW en embarcacións con fins comerciais que operen exclusivamente dentro de augas interiores, se acreditan realizar un período de embarque non inferior a 6 meses realizando servizos profesionais, como mariñeiro de máquinas e fosen habilitados polos órganos periféricos da Dirección Xeral da Mariña Mercante.

 

CONDICIÓNS PARA A OBTENCIÓN DO CERTIFICADO DE SUFICIENCIA

- estar en posesión dun certificado emitido por un centro de formación acreditativo de ter superado satisfactoriamente o curso do Certificado de suficiencia de mariñeiro de máquinas da mariña mercante.

- un período de embarque non inferior a 2 meses en buques mercantes ou de pesca realizando servizos profesionais relacionados coa garda de máquinas, baixo a supervisión directa do xefe de máquinas, do oficial encargado da garda de máquinas ou dun mariñeiro de máquinas.

- certificado médico do Instituto Social da Mariña acreditativo da aptitude física.

 

CONVALIDACIÓN

Poderán solicitar a convalidación co certificado de suficiencia de mariñeiro de máquinas da mariña mercante, quen achegue a documentación de conformidade coa Orde do 21 de xuño de 2001 e cumpran unha das seguintes condicións:

a) estar en posesión do cartón de competencia de mariñeiro-mecánico, ter en vigor o certificado de suficiencia de formación básica en seguridade, e realizar un período de embarque de polo menos 6 meses no servizo de máquinas nun buque civil.

b) Estar en posesión dun certificado emitido por un centro de formación oficial que acredite que o alumno recibiu satisfactoriamente formación de acordo ás Seccións A-III/4 e A-VI/1 do Código de Formación do Convenio STCW.

 

DOCUMENTACIÓN NECESARIA PARA A MATRÍCULA

As persoas candidatas interesadas no curso de mariñeiro/a de máquinas achegarán a seguinte documentación para realizar a matrícula:

- Modelo de solicitude. Descargue a solicitude AQUÍ.

- Copia do DNI/NIE polas dúas caras.

- Copia compulsada do certificado de formación básica

As solicitudes deberán presentarse:

- nos centros oficiais de ensino pesqueiro onde se examinen os/as aspirantes, ou

- por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

IMPORTANTE: Con anterioridade á formalización da matrícula, as persoas interesadas informaranse nas secretarías dos centros para coñecer as datas dispoñibles de realización do curso.

 

PROGRAMA: MÓDULOS FORMATIVOS E TEMPORALIZACIÓN SOBRE OS COÑECEMENTOS TEÓRICO-PRÁCTICOS

Competencias, coñecementos e aptitudes (duración mínima 45 h) e probas prácticas mínimas para avaliar a competencia (duración mínima de 25 h).

1.1.1. Funcións dun mariñeiro de máquinas, 15 h.

- Terminoloxía e nomenclatura dos espazos de máquinas e do equipo. En español e en inglés. Principios fundamentais da propulsión dos buques. Procedementos propios das gardas na cámara de máquinas. Ordes e outros aspectos relativos ás tarefas de garda. En español e en inglés. Procedementos de seguridade no traballo nas operacións da cámara de máquinas. Procedementos básicos de protección ambiental. Coñecemento e utilización dos sistemas de comunicacións internas. Sistemas de alarmas da cámara de máquinas. Distinguir as diversas alarmas con especial atención ás de extinción de incendios a base de gas.

1.1.2. Prácticas e avaliación de cada alumno, 7 h:

- As prácticas dos coñecementos, comprensión e suficiencia deste módulo realizaranse no centro de formación homologado para este curso, quen avaliará:

a) Probas teóricas sobre a terminoloxía e nomenclatura, procedementos da garda e de seguridade no traballo, protección ambiental.

b) Exercicios prácticos e avaliación destes durante o curso sobre terminoloxía e nomenclatura, procedementos da garda, incluíndo os de substitución, realización e entrega da garda de máquinas, entendemento das ordes, normas de seguridade, protección ambiental, comunicacións internas e alarmas na cámara de máquinas, tanto en español como en inglés.

c) A avaliación práctica tamén se realizará a bordo do buque onde se realice o período de embarque e que se acreditará mediante o certificado emitido polo Xefe de Máquinas co visto e prace do Capitán.

1.2.1. Servizo de vapor. Presións de vapor e niveis de auga correctos, 10 h.

- Partes dunha caldeira. Principios fundamentais das caldeiras.

- Funcionamento seguro das caldeiras.

1.2.2. Prácticas e avaliación de cada alumno, 6  h:

- Prácticas e avaliación destas durante o curso sobre o funcionamento seguro das caldeiras mediante simulador ou en taller de prácticas de caldeiras. As probas prácticas de avaliación incluirán a avaliación do estado da caldeira é correcta e baséase na información dispoñible de indicadores locais e remotos e nunha inspección física. A secuencia e momento dos axustes responde a criterios de seguridade e de eficiencia óptima.

- A avaliación práctica tamén se realizará a bordo do buque onde se realice o período de embarque e que se acreditará mediante o certificado emitido polo Xefe de Máquinas co visto e prace do Capitán.

1.3.1. Emerxencias. Procedementos e funcionamento dos equipos de emerxencias, 10 h.

- Labores do mariñeiro de máquinas nas emerxencias.

- Vías de evacuación dos espazos de máquinas.

- Situación e uso do equipo de loita contra incendios nos espazos de máquinas.

1.3.2. Prácticas e avaliación de cada alumno, 6 h:

- A avaliación dos coñecementos e comprensión deste módulo farase de forma teórica e práctica mediante demostracións polo centro de formación marítima correspondente durante o curso.

- A avaliación práctica tamén se realizará a bordo do buque onde se realice o período de embarque e que se acreditará mediante o certificado emitido polo Xefe de Máquinas co visto e prace do Capitán.

 

NORMATIVA

* Real Decreto 973/2009, do 12 de xuño, polo que se regulan as titulacións profesionais da mariña mercante

* Resolución do 14 de novembro de 2016, da Dirección Xeral da Mariña Mercante, pola que se determinan as condicións de obtención dos certificados de suficiencia dos mariñeiros da Mariña Mercante

* Orde do 21 de xuño de 2001 sobre cartóns profesionais da Mariña Mercante