Skip to main content

Exilio e deportación. Joaquín Balboa e Antonio Pérez, de Monterrei e Boborás aos campos nazis

Cartaz exposto

Organizada polo Departamento de Xeografía e Historia do IES de Teis do 3 ao 15 de marzo teremos no instituto a exposición “Exilio e deportación. Joaquín Balboa e Antonio Pérez, de Monterrei e Boborás aos campos nazis”, que consta de 14 paneis en cartón pluma nos que se trata a historia dos republicanos españois, obrigados a exiliarse en Francia a finais da Guerra Civil, e despois deportados aos campos de concentración nazis.

A exposición forma parte da homenaxe tributada pola Asociación Cultural Monterrei, Cultura e Territorio a Joaquín Balboa, deportado a Mauthausen, e está baseada na súa experiencia e, secundariamente, na de Antonio Pérez e as mulleres republicanas membros da Resistencia en Francia, deportados a Buchenwald e Ravensbrück.

Cada panel consta de imaxes, introdución ao tema respectivo e testemuños. A exposición ten unha pretensión didáctica, con información relevante para o coñecemento do proceso histórico e a súa repercusión na vida dos, e as, protagonistas.

Como remate destas xornadas terá lugar no Salón de Actos do IES de Teis unha conferencia a cargo de Carlos Hernández de Miguel, Periodista, escritor e experto en comunicación empresarial e política; autor do libro "Los últimos españoles de Mauthausen". Ediciones B. 2015.

O obxectivo básico desta actividade é achegar ao alumno a esta etapa infame da historia e conciencialo da necesidade de loitar contra a intolerancia nunha sociedade democrática.

Agradecemos a cesión da exposición ao colega Heladio Anxo Fernández Manso, membro da Asociación Cultural Monterrei Cultura e Territorio e profesor de Xeografía e Historia no IES Antón Losada Diéguez.

 

Galería de imaxes do evento

 

Ver galería externa

Esta páxina usa Lightbox2 por Lokesh Dhakar dispoñible en http://lokeshdhakar.com/projects/lightbox2/ baixo The MIT License

Erasmus+