ACOMPAÑAMENTO E COIDADO

Adoitamos falar da morte como algo que cambia de súpeto o estado dun ser vivo.  Sen embargo os seres vivos, as persoas que son o obxecto do noso interese, están a morrer nun longo proceso, que nalgúns casos se fai patente cando chega a enfermidade e a vellez e noutros se acelera cando sofren un accidente ou acción violenta letal.

Ese proceso pode ir acompañado de máis ou menos sufrimento, e realizarse en paz ou en un estado de ansiedade e angustia insoportable. Os seres humanos temos probablemente a obriga ética de intentar coñecer cales son os factores que determinan o sufrimento e actuar para diminuílo tendo como obxectivo que as persoas poidan morrer dignamente en paz.

Para comezar non é doado indagar cal é o grao de sufrimento dun enfermo terminal  e que o está a orixinar. As condicións desa persoa e a precaución de que a nosa investigación  non lle produza maior intranquilidade dificultan as cousas.

Por outro lado as valiosas experiencias dos maiores e do persoal sanitario das unidades de coidados paliativos  non son difundidas á poboación que en xeral descoñece como proceder nas situacións críticas citadas. As novas xeracións crecen practicamente afastadas das intervencións referidas a enfermidade e morte, agás no desgraciado caso de que sexan os protagonistas, en parte por un intento de hiperprotección que acaba por converterse nun obstáculo para o desenvolvemento de recursos que lle permitan organizar a súa vida en vistas á aceptación real da propia mortalidade. Este descoñecemento e carencia de modelos a seguir  ten tamén como consecuencia a redución  das habilidades requiridas  en coidadores   eficaces e psicoloxicamente preparados para soportar as dificultades e tensións inherentes a esta tarefa.

Por moito que sexa exixible que a sociedade prevea a dispoñibilidade de coidadores profesionalizados, asistencia psicolóxica  e a mellora de servizos paliativos, estes non poden sen máis substituír as necesidades afectivas e de coidado de enfermos, morrentes e doentes en xeral, sen esquecer os custos económicos que as  sociedades e as facendas públicas non sempre están en disposición de asumir.

Tan só na actualidade hai indicios  de incorporar nos currículos escolares estas competencias, pero vagamente definidas dentro doutras máis amplas, as referidas á capacidade de relación cos demais e á autonomía, pero sen prever unha preparación específica dos docentes.  Sen embargo as circunstancias sociais demandan unha atención pormenorizada a este ámbito da educación. Cando as tecnoloxías médicas están en condicións de prolongar a vida, aínda que iso supoña as veces deixar de ser persoa para constituírse nun obxecto vivo, e simultaneamente as mulleres, integradas amplamente no mundo laboral, deixaron de absorber, como viñan facendo case de forma automática, os coidados das persoas que o necesitaban na familia, aparece entón, para as persoas con padecementos crónicos de gravidade, terminais ou anciáns,  unha situación moi complexa caracterizada a cotío polo angustia,  a ameaza e a sensación  de soidade ou abandono.

Parece xustificado, mesmo exixible eticamente, que proporcionemos a nosa mocidade os coñecementos que temos sobre a vivencia da enfermidade, da vellez, do morrer e do dó desde as experiencias vividas pola familia ou as investigacións dos profesionais.  De modo esquemático  ofrécense a continuación algúns datos.



“O proceso de morrer constitúe unha parte da vida. Nin a vida nin a morte son unha enfermidade. Persoalmente quero abandonar esta vida coma un ser vivente, non coma un paciente”

Stein Husebo, médico noruego.  


 

.

.

q Vivencias asociadas á enfermidade

q Como dar malas novas

q Dereitos do enfermo terminal

q Dificultades dos familiares ante a morte inminente dun ser querido

inicio


  "Diría ademais, insistindo neste tema, que a tarefa do médico non consiste só en restablecer a saúde, senón tamén en aliviar as dores e os sufrimentos asociados ás enfermidades; e isto non só en tanto que esta paliación da dor, considerado como síntoma perigoso, contribúa á curación e conduza á convalecencia, senón co obxectivo de procurar ao enfermo, cando xa non exista esperanza, unha morte tranquila e apracible."

Francis Bacon, filósofo.1605


  

Última modificación: Xoves, 14 de Xullo de 2016, 12:42