XUSTIFICACIÓN DA ACTIVIDADE E SUXESTIÓNS DIDÁCTICAS

Para desenvolver o que estamos a chamar programa de conciliación vida-morte, o recurso a unha acción artística teatral débese a unha opción lúdica ou existen outras razóns que o xustifiquen?


Para os e as adolescentes -quizais deberiamos incluír tamén a boa parte dos adultos- falar da morte non é fácil, mellor dito, non teñen demasiados problemas en falar da morte en xeral ou da morte afastada, esa que ocorre “en non sei que sitio e a non sei que xente” pero falar da súa morte ou daquela que van vivir nas persoas con que conviven, iso resúltalles bastante arduo e as veces se atopan con barreiras internas, probablemente froito de normas sociais non explícitas pero si interiorizadas.

A dramatización é un procedemento a ter en conta dado que facilita a comunicación ao utilizar personaxes para expresar o que pulula no interior e que aínda non atopou as palabras nin a forma de exteriorizarse. Permite que a persoa emita opinións e emocións que a nivel subxectivo consideraría inaceptables pero que non censura ao proxectalas sobre outro, o personaxe.

A linguaxe coa que nos referimos á morte e ao seu entorno, e mesmo a carencia de términos significativos para verbalizar as experiencias, sentimentos e ideas relacionadas con ela é fundamental. Resultará difícil dar sentido a morte se non somos quen de construír a nosa morte e os valores e sentimentos asociados. Construír a morte non se refire evidentemente a establecer a causa da mesma, o que con toda probabilidade se nos escape, senón a ir conformando a maneira en que queremos encarar o proceso de morrer. Esta preparación está intimamente relacionada coa capacidade que teñamos de darlle forma ao noso proxecto vital. Para ”darlle forma” son precisas as palabras, as oracións que permitan elaborar o discurso que unifica o noso pasado, presente e expectativas futuras. Mais as palabras non son neutras, levan asociadas cargas emocionais, valores morais, presupostos filosóficos e determinan os marcos teórico-conceptuais.

Por tanto, é realmente importante poder enunciar as palabras coas que establecemos os discursos sobre a morte para sacar á luz esas implicacións e poder elixir as transformacións que queremos dar a ese proceso de vida que se entretece invariablemente co de morte, para o que probablemente teñamos que acometer transformacións no imaxinario social da morte e nos costumes e estratexias sociais.

Co anteriormente dito xustifícase o recurso á creación de performances na medida en que estas favorecen a expresión de sentimentos e ideas tanto a nivel corporal coma lingüístico, pero ademais tal e como é utilizada nesta actividade, ao constituírse os diálogos de modo colaborativo entran en xogo as reflexión colectivas e un espazo de interaccións xerme das reconstrucións desexables.

Como é obvio, a base de performance que se proporciona ao alumnado é tan só iso, unha plataforma de traballo para que ao principio non se sintan perdidos sen saber por onde tirar, pero tanto os tópicos propostos coma outros elementos non só poden ser cambiados, senón que sería aconsellable que fosen substituídos, modificados e reelaborados na dinámica creada entre eles.

Outros condicionamentos, como membros do grupo, tempo dispoñible, etc , poden demandar unha redefinición inicial por parte do/a docente.

Tampouco é desprezable o aspecto lúdico aparellado a esta practica, seguramente beneficioso para o desenvolvemento do programa, máis aínda ao tratarse dun tema sensible e delicado coma este, polo que se suxire que o/a docente, sen rebaixar as expectativas académicas e de calidade, manteña no posible a dimensión lúdica da actividade.

Competencias implicadas na actividade:

  • Comunicación lingüística

  • Tratamento da información e competencia dixital

  • Cultural e artística

  • Autonomía e iniciativa persoale.

Avaliamos: que e como?

Como se deduce da metodoloxía e da xustificación desta actividade moito máis importante que o feito final son tódolos procesos referidos.

Por tanto é secundaria aínda que non desdeñable a calidade do produto final.

En todo caso, estes proxectos esixen aos integrantes un esforzo máis grande do que nunha primeira aproximación puidera parecer. Os mozos e mozas están cargados de actividades complementarias, exames, deberes ... Se pretendemos que lle dediquen, tempo, sexan rigorosos traballando, acepten un grado de compromiso e implicación grande debemos ser quen primeiro poñamos en valor esta actividade e, tal e como funciona o sistema educativo, iso tradúcese en cualificación. A suxestión é que sexa cualificada de 0 a 2 puntos sumables na nota da avaliación.

Na análise final haberá que comprobar se o deseño e implementación da iniciativa foron axeitados para mellorar a súa eficacia en posteriores aplicacións.

Metodoloxía, fases de desenvolvemento e tempo de dedicación:


Fase 1

Tratamento teórico e introdutorio ao tema na aula.

Presencial.

De 1 a 2 horas

Fase 2

Introdución á metodoloxía de traballo e familiarización coa plataforma Moodle, se é o seu primeiro aceso. Presencial

1 ou 2 horas dependendo da competencia dixital.

Fase 3

Traballo colaborativo no foro, tamén chat se é viable, para coordinación de tarefas, achegas e resolución de dúbidas referentes á performance, así como exposición de vivencias, preguntas e ideas sobre o morrer.

On line, fóra de horas lectivas.

Variable.

2 semanas aprox.

Fase 4

Mantense o foro.

Traballo colaborativo en glosarios en canto a terminoloxía e recollida de ideas de persoas relevantes. Na wiki para a creación de diálogos e definición de escenas.

On line, fundamentalmente fóra de horas lectivas

Variable.

4 semanas aprox.

Fase 5

Preparativos in situ e execución física da performance. Gravación.

Presencial.

2 horas

Fase 6

Análise posterior, preparación de materiais testemuñais e documento de conclusións. Avaliación de todo o proceso.

Presencial, en horas lectivas e on line.

2 horas

+

1 semana

 

Segundo a táboa anterior o desenvolvemento deste curso-actividade prolongarase durante dous meses aproximadamente, requiríndose de 6 a 8 horas presenciais, fundamentalmente horas lectivas e o resto on line, en tempo variable, fóra de horario escolar.

Unha maior concentración de tarefas é desaconsellable tanto pola dificultade que seguen a ter para o alumnado non afeito a esta metodoloxía, como polos tempos obrigados para a efectividade desta dinámica a nivel psicolóxico, vivencial e conceptual.


 

En que cursos ou etapa é aplicable esta proposta?


A actividade é suficientemente flexible como para adaptarse a calquera dos niveis do ensino secundario. En función da esixencia nos diálogos, análise, asunción de responsabilidade nas tarefas e na organización poderá axustarse á diferentes idades e situacións educativas.

Así, en bacharelato, debe intentarse que o alumnado:

  • teña altas cotas de xestión, tomando á iniciativa na produción da performance.

  • faga unha maior reelaboración de tópicos e situacións escénicas.

  • efectúe a gravación e preparación de materiais para a rede que deberán quedar coma testemuña do feito ao tempo que sirvan de futura guía.

  • contribúa a engrosar os glosarios e a escolma de frases de persoas relevantes dos ámbitos do pensamento, as artes e a ciencia.

  • re-deseñe conceptualmente o marco simbólico en torno a morte.

Na ESO probablemente necesiten unha tutela maior en canto á organización, aínda que se debería evitar asfixiar as súas posibles iniciativas. É de esperar que requiran considerable axuda para os aspectos técnicos de gravación e preparación final de materiais para incorporar á Aula Virtual.


 





 


 



Última modificación: Xoves, 14 de Xullo de 2016, 12:42